Galicia
Galicia
0

SUDÁN CRIMINALIZA A MUTILACIÓN XENITAL FEMININA

Nas vindeiras semanas, o executivo sudanés aprobará unha lei que criminalice a mutilación xenital feminina con penas de ata tres anos de cárcere.

Tras anos de loita e milleiros de mulleres e nenas sometidas ás tortuosas prácticas da ablación, por fin o goberno sudanés decidiu dar un paso ao frente de cara a rematar con esta violación dos dereitos das mulleres e das nenas. Así, nas seguintes dúas semanas, o goberno de Sudán aprobará unha lei que criminalizará a mutilación xenital feminina con penas de ata tres anos de cárcere.

Sudán segue a estela de países como Nixeria, Ganha ou Senegal, que marcaron o inicio de cara a revisión de moitas das tradicións e prácticas aínda existentes que atentan directamente contra a identidade biopsicosexual das mulleres e nenas. E é que a ablación é un fenómeno fondamente cultural que responde ao control e uso comunitario da sexualidade feminina.

A pesares de que se trata dunha práctica moi estendida no continente africano, Oriente Medio e Asia, non en todas as rexións responde ás mesmas motivacións ou se executan do mesmo xeito. Dacordo coa OMS podemos diferenciar ata catro formas de mutilación xenital feminina:

  1. Resección total ou parcial da parte externa e visible do clítoris.
  2.  Resección parcial ou total do glande do clítoris e labios menores, con o sen escisión dos labios maiores.
  3. Infibulación: estreitamento da abertura vaxinal con corte e recolocación dos labios menores ou maiores. Ás veces cósenos, con ou sen resección do prepucio e glande do clítoris (1).
  4. Todos os demáis procedementos lesivos dos xenitais femininos con fins non médicos (punción, performación…).

Do mesmo xeito que as prácticas non son as mesmas en todas as rexións onde se practica, tampouco as súas motivacións. A continuación citaremos os motivos da ablación citados con máis frecuencia:

  1. Control e eliminación do desexo sexual: Este motivo responde directamente ás premisas patriarcais sobre a virxinidade e a monogamia. Baixo a idea de que a mutilación do clítoris reduce a líbido da muller, esta práctica ten como obxectivo que a muller 1) se manteña virxe ata o matrimonio e 2) que non sexa infiel. Nalgunhas rexións recúrrese á infibulación, pois supoñen que o medo á dor por causa da penetración disuadirá á muller de manter relacións sexuais extraconxugais.
  2. Relixión e hixiene: Resalta aquí a idea da pureza da muller vinculada, novamente, coa idea virxinal da mesma. Tamén resalta aquí a crenza de que a presenza do clítoris e labios vaxinais non permiten unha correcta hixiene da vaxina, manteñéndoa sempre húmida. En moitas rexións, as mulleres e nenas que non son sometidas á ablación vense marxinadas dos centros de rezo e celebración por «sucias» e «impuras».
  3. Tradición: En moitas rexións, estas prácticas realízanse a xeito de ritual que simboliza a transformación da nena en muller. A súa práctica responde á presión que exerce a comunidade sobre as familias, chegando incluso a producirse ameazas de violacións ou acoso á nena ou muller que non a realiza.

Como podemos observar, cada unha destas prácticas están amparadas por todo un sistema crenzas que anula á muller, que a cosifica e que a utiliza para a satisfacción das necesidades da comunidade e dos varóns.

Todo o proceso da mutilación é para as mulleres unha tortura de por vida. Detrás de todas e cada unha delas, agóchanse anos de complicacións sanitarias, dor crónica, traumas, relacións sexuais moi dolorosas, infertilidade, problemas menstruales, estrés, perda de memoria, ansiedade, enfermidades de transmisión sexual, risco de vida para os e as recién nadas, alto risco de morte durante o parto, cicatriz hipertrófica, e un longuísimo etcétera.

A importancia da criminalización destes actos reside na acentuación da idea de que as mulleres e nenas son seres humanos de pleno dereito. O camiño que emprenderá Sudán estas semanas será decisivo para transformar os contextos socio-culturais que atan ás mulleres a estas cadeas das tracidións e crenzas misóxinas e patriarcais.

É hora de que o recoñecemento dos dereitos fundamentais das mulleres chegue a todos os recunchos do planeta.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

*

code