Galicia
Galicia

ELENA MILASHINA, AMEAZADA DE MORTE POR INFORMAR DA COVID-19 EN CHECHENIA

Ante a crise sanitaria pola COVID-19, mantéñense as tendencias autoritarias dalgúns gobernos xa de por si pouco democráticos. En Chechenia, isto se está a traducir na criminalización das persoas infectadas polo coronavirus, ademais dos xornalistas que denuncian estas conductas. Entre eles atópase Elena Milashina.


O pasado mes de abril, a xornalista rusa Elena Milashina publicou para o diario Novaya Gazeta a reportaxe titulada Morrer de coronavirus é un mal menor, sobre como presuntamente as autoridades da República de Chechenia (Rusia) terían ocultado ou minimizado de xeito intencionado os efectos e a expansión da enfermidade á poboación. Isto, parece ser, estaría a levar á sociedade chechena a un clima de desconfianza e crispación, especialmente despois de que o seu presidente, Ramzán Kadýrov, equiparara supostamente ás persoas infectadas polo virus con terroristas, motivando a moitos dos enfermos a non advertir ás autoridades sanitarias e a pasar un autoillamento voluntario e sen atención médica nos seus domicilios, provocando a previsible morte de moitos deles. A isto hai que lle sumar a presunta actitude abusiva de ditas autoridades sanitarias á hora de identificar e procurar posibles infectados.


O goberno checheno tardou pouco en actuar ante a reportaxe de Milashina, no que ademais a xornalista afirmaba que o presidente Kadýrov seguía realizando algunhas actividades de ocio á marxe da crise da epidemia. Por isto mesmo, Kadýrov reaccionou ó artigo cun vídeo publicado en Instagram no que ameazaba de morte á xornalista e acusaba ó seu xornal e ós seus traballadores de ser “monicreques de Occidente”. Kadýrov tamén solicitou á Presidencia de Rusia e ó Servizo Federal de Seguridade que “parasen a eses seres non humanos que escribían e provocaban ó pobo”, chegando a insinuar que de non facelo alguén en Chechenia veríase obrigado a cometer “un delito”. Ante estas declaracións, o secretario de prensa da Presidencia rusa minimizou as repercusións destas palabras, sinalando que eran una simple resposta “emocional” e “comprensible en semellante situación”. Pola súa parte, a Fiscalía Xeral de Rusia ordeou a retirada da reportaxe da web de Novaya Gazeta por conter “información falsa”.


Esta non é a primeira vez que Milashina fai fronte ás ameazas e intimidacións das autoridades do seu país. Fai tres anos, a xornalista desvelaba a persecución á que eran sometidas ás persoas homosexuais en Chechenia, recibindo un forte acoso por parte de ditas autoridades. No 2012 foi agredida en Moscova por tres descoñecidos, sendo estes supostos autores detidos e condenando a dous a prisión, aínda que Milashina se mostrou dubidosa sobre a implicación dos detidos e sobre o proceso do xuízo. No 2015 comezou a recibir ameazas de morte e en febreiro deste ano foi atacada no vestíbulo dun hotel de Grozni por un grupo de persoas que non puideron ser identificadas. Durante a última década, Milashina converteuse nunha profesional de referencia na rexión rusa do Cáucaso, recibindo no 2009 o Premio Alison Des Forges outorgado por Human Righ Watch, e no 2019 o título de Doctor Honoris Causa por parte da Universidade de Bruxelas con motivo do Día Mundial da Liberdade de Prensa.