O retorno talibán
Malia que o goberno talibán provisional de Afganistán anunciou, a través do seu Ministro de Saúde Wahid Majrooh, que as mulleres que tiñan traballado neste ámbito poderían regresar aos seus postos, o certo é que
Malia que o goberno talibán provisional de Afganistán anunciou, a través do seu Ministro de Saúde Wahid Majrooh, que as mulleres que tiñan traballado neste ámbito poderían regresar aos seus postos, o certo é que dito retorno esixe o cumprimento de estritas medidas, como, por exemplo, teren mahrams (“acompañantes”-homes). Unha destas traballadoras, nai de tres fillos, declarou ao xornal británico The Guardian (03.09.21) que, ao estar o seu marido desaparecido en combate durante os últimos tres anos e non contar con ningún outro acompañante “legal”, se viu obrigada a permanecer no fogar e, en consecuencia, aceptar empréstitos de familiares e amigos para poder manter a súa familia.
Esta é tan só unha mostra da perda de todo o terreo gañado no ámbito dos dereitos humanos polas mulleres afgás ––e, en xeral, pola poboación afgá–– nos últimos vinte anos e que se está a perder co retorno talibán ao goberno dende setembro mediante un conxunto de medidas, algunhas supostamente “continuístas” con respecto ás aplicadas polo goberno afgán: si, as mulleres poden regresar aos seus postos de traballo en saúde, pero só de teren un mashram; si, as profesoras poden regresar aos seus postos docentes, agás se ensinan a nenos de sexto curso en adiante ou homes adultos; si, as mulleres poden regresar aos seus postos “administrativos” en órganos gobernamentais, sempre e cando sexan as encargadas da limpeza dos baños, etc.
Outras medidas reiteran directamente as imposicións do período 1996-2001, como as prohibicións en vestiario feminino, prohibicións de estilos musicais, a segregación por sexo nas escolas e o transporte, etc. Trátase dun novo ataque aos dereitos humanos, co punto de mira tamén posto nos defensores dos dereitos humanos e os xornalistas que fan públicas as súas denuncias (e unha violencia engadida cando se trata de defensoras e mulleres xornalistas). A Federación Internacional de Dereitos Humanos, a Organización Mundial contra a Tortura e Amnistía Internacional están a impulsar unha campaña para que o Consello de Dereitos Humanos da ONU adopte medidas destinadas a acabar coa impunidade talibán.
Imaxe: Mulleres afgás nunha manifestación polos seus dereitos na cidade de Herat. Nela tamén participou a traballadora da saúde sen mashram (Fotografía AFP/Getty Images)