España: as autoridades incumpren as súas promesas e as vítimas de trata seguen desprotexidas e a mercé dos seus agresores
Amnistía Internacional lamenta que un ano despois da publicación da súa investigación Cadeas Invisíbeis, o enfoque que segue a primar é o da persecución do delito e a inmigración irregular e non o da protección Entre os anos 2016 e 2020 das 44.117 persoas en risco só 885 foron finalmente consideradas vítimas de trata As […]
- Amnistía Internacional lamenta que un ano despois da publicación da súa investigación Cadeas Invisíbeis, o enfoque que segue a primar é o da persecución do delito e a inmigración irregular e non o da protección
- Entre os anos 2016 e 2020 das 44.117 persoas en risco só 885 foron finalmente consideradas vítimas de trata
- As mulleres vítimas de trata continúan pendentes do desenvolvemento regulamentario que rexerá o seu acceso á renda mínima
Madrid, 15 de outubro de 2021.- Esta segunda feira 18 de outubro conmemórase o Día Europeo contra a Trata de persoas, unha data que Amnistía Internacional aproveita para lembrar que as autoridades españolas, malia ter prometido mellorar a protección destas mulleres, seguen a antepor a persecución do delito e o control da inmigración irregular á súa condición de vítimas de violacións graves de dereitos humanos.
Nin a Lei contra a Trata, que aínda no foi presentada, nin o desenvolvemeno regulamentario que debería rexer o acceso á renda mínima para as vítimas de trata, incluído no Anteproxecto de Lei Orgánica de Garantía Integral da Liberdade Sexual, son a día de hoxe unha realidade. Namentres, lamenta a organización, na Europa dos 28 rexistráronse un total de 26.268 vítimas de tráfico con diversos fins (das que o 60% son con fins de explotación sexual) en 2018, segundo datos do último informe da Comisión Europea que indica que España segue a ser un dos cinco países europeos con cifras máis altas de persoas sospeitosas ou detidas por tráfico, só despois de Italia, Francia, Alemaña e Romanía.
“Esta segunda feira volverán a facerse declaracións en redes sociais e en medios de comunicación por parte das autoridades, tentando amosar unha preocupación por esta realidade. Pero o que necesitamos é que pasen das verbas aos feitos porque as vítimas de trata no poden agardar máis”, sinala Virginia Álvarez, investigadora e responsábel de Política Interior en Amnistía Internacional España.
España segue a desouvir as recomendacións de organismos internacionais para pór no centro de toda actuación os dereitos das vítimas de trata, xa que a identificación das mesmas segue a estar principalmente vencellada ás operacións policiais contra as redes de crime organizando e continúa a depender destas unidades activar ou non mecanismos de protección que, en moitos casos, nin sequera son respectados unha vez activados.
Ademais, segue a non haber un mecanismo multiaxencial, no que participen os distintos organismos encargados de detectar as posíbeis vítimas de trata, para asegurar que ningunha delas se quede sen identificar nun país no que pola súa situación xeográfica é porta de entrada e tamén de destino e tránsito. Así mesmo, este mecanismo axudaría a identificar a posíbeis vítimas que sumen vulnerabilidades, como mulleres trans ou mulleres con algún tipo de discapacidade psíquica ou intelectual, que poden estar mesmo máis invisibilizadas.
«Preocúpanos que a anunciada Lei Integral contra a Trata se siga a adiar. Pero tamén que se continúe co mesmo enfoque policial, sen colocar os dereitos humanos das vítimas no centro. Mentras sexa a policía a única institución encargada de identificar as posíbeis vítimas, vai a seguir priorizarse a persecución das redes criminais e da migración, negando a protección ás vítimas que non poidan ou non se atrevan a testificar contra os seus agresores», sinala Virginia Álvarez.
España é un dos 9 países europeos, xunto con Bulgaria, Alemaña, Francia, Croacia, Luxemburgo, Hungría, Austria e Finlandia que só permiten á policía identificar ás vítimas. “Como consecuencia, e especialmente nas costas, moitas posíbeis vítimas ‘pérdense’ polo camiño, e moitos traficantes están ás esperar neses lugares de tránsito. Non podemos deixar que esas persoas sigan desprotexidas ante esta forma de escravitude moderna”, sinala a investigadora de Amnistía Internacional España.
De feito, segundo o último balance do goberno con datos de entre 2016 e 2020, das 44.117 persoas en risco só 885 foron finalmente consideradas vítimas de trata, 160 o terían sido no ano 2020. Entre elas habería dúas nenas e un neno, así como doce homes. Estes datos non inclúen as mulleres que solicitan protección internacional ou migrantes que chegan ás costas. A organización lembra que se non se identifica ás posíbéis vítimas, os seguintes pasos, como son garantizar a súa asistencia, acceso á xustiza e dereito á reparación, son inexistentes.
Máis información
En 2018, segundo a UNDOC, detectáronse preto de 50.000 persoas vítimas de tráfico en 148 países do mundo, malia que dada a natureza oculta deste tipo de delito o número podería ser moito maior. O 50% das vítimas de tráfico son con fins de explotación sexual, das cales a maioría son mulleres e nenas.
En outubro de 2020, Amnistía Internacional lanzou unha campaña e publicou un novo informe, “Cadenas invisíbeis”, no que denunciaba como a identificación e, polo tanto, a protección das vítimas de trata con fins de explotación sexual ten graves fallos estruturais en España. A organización analizaba como as autoridades españolas priman a persecución do delito, polo que as vítimas son instrumentalizadas e vistas como probas para a investigación, e non como persoas necesitadas de protección durante todo o ciclo.
Entre o 23 de septiembre, Día Internacional contra a Explotación Sexual e a Trata de Persoas, e até o 18 de outubro, Día Europeo contra a Trata, e dentro desta campaña, Amnistía Internacional está a levar a cabo accións simbólicas, como actos na rúa nos que se representa a mulleres encadeadas, ou exposicións en cidades como Barcelona, Córdoba ou Málaga. A organización ten aberta unha ciberacción na que xa se teñen recollido máis de 24.000 sinaturas.
Imaxe: AP Photo/Antonio Calanni