Galicia
Galicia

Mahsa Amini e a vulneración dos dereitos das mulleres en Irán

O pasado 16 de setembro o mundo enteiro lamentaba a morte de Mahsa Amini, unha estudante iraniana de 22 anos, tres días despois de ser arrestada pola policía relixiosa islámica (tamén chamada policía da moral) por levar o veo de maneira inapropiada. Aínda que a policía afirmou que Amini morrera por mor dun problema cardíaco […]

O pasado 16 de setembro o mundo enteiro lamentaba a morte de Mahsa Amini, unha estudante iraniana de 22 anos, tres días despois de ser arrestada pola policía relixiosa islámica (tamén chamada policía da moral) por levar o veo de maneira inapropiada. Aínda que a policía afirmou que Amini morrera por mor dun problema cardíaco que a sumira en tres días de coma, esta versión foi posta en dúbida pola maior parte da comunidade internacional, que acusa a policía iraniana de malos tratos, que poderían ter causado a súa morte. Este terrible episodio ocorreu nun contexto xa complexo no país. Así, o país está dirixido desde agosto de 2021 por Ibrahim Raïssi, que marca a culminación da conquista do poder nacional por parte da rama máis conservadora do clero militante xiita.

A morte da moza foi o detonante dun gran número de protestas en Irán. Sen estas manifestacións, o nome de Mahsa Amini – que nunca se pronunciou politicamente e que nunca mostrou oposición ao réxime de Raïssi – sumaríase en silencio a unha longa lista de vítimas da represión en Irán (a ONG Iran Human Rights xa cifrou en máis de 150 os falecidos nas protestas contra o réxime).

Con todo, desde o día da súa morte, lanzouse unha importante campaña en redes sociais coa petición « Di o seu nome », acompañada de manifestacións e ocupacións das rúas de todo o planeta. A estas protestas sumáronse un grupo de actrices de renome internacional como Juliette Binoche ou Marion Cotillard, que saíron en redes sociais cortando o cabelo como protesta perante a represión das mulleres en Irán. A nivel institucional, Europa xa pediu que Irán renda contas rápido pola morte de Massa Amini. Ademais, o Parlamento Europeo aprobou o pasado xoves 6 de outubro unha resolución que reclama novas sancións a Teherán. Pola súa banda, Estados Unidos decidiu esta semana sancionar o ministro do Interior de Irán, Ahmad Vahidi, e o de Comunicacións, Elisa Zarepour, polos seus papeis na represión das protestas neste país contra o veo e a violencia contra as mulleres.

Por parte de Amnistía Internacional, sucedéronse as críticas e condenas pola morte de Amini e convocáronse múltiples manifestacións en todo 1o mundo. Así, por exemplo, convocouse en Madrid o pasado xoves unha concentración fronte á embaixada de Irán para protestar contra esta aberración dos dereito humanos. « Concentrámonos para pedir unha investigación penal sobre a morte de Mahsa Amini », afirmou Yolanda Vega, especialista sobre Irán en Amnistía Internacional. Tamén, engadiu: « para que se derroguen as leis discriminatorias sobre o uso obrigatorio do veo en Irán, para que se garanta o dereito á protesta de milleiros de mulleres e homes que nestes momentos están a sufrir unha brutal represión por saír á rúa e protestar pacificamente ». Así mesmo, con estas concentracións quérese reclamar igualmente que se investigue o uso excesivo da forza que se está utilizando nas manifestacións e que acabou xa coa vida de decenas de mulleres, homes, e mesmo menores, e provocou que centos de persoas resultasen feridas.

Fontes :

  • « Amnistía llama a concentrarse frente a la Embajada de Irán el jueves en protesta por la represión », Europapress : https://www.europapress.es/nacional/noticia-amnistia-llama- concentrarse-frente-embajada-iran-jueves-protesta-represion-20221003174619.html
  • « La socióloga Shirali sobre las protestas en Irán: “Los jóvenes refugiados en la indiferencia han despertado”, El País: https://elpais.com/internacional/2022-09-27/la-sociologa-shirali-sobre-las- protestas-en-iran-los-jovenes-refugiados-en-la-indiferencia-han-despertado.html
  • « Los nombres de la represión en Irán », El País: https://elpais.com/internacional/2022-10-07/los- nombres-de-la-represion-en-iran.html
  • « Juliette Binoche, Marion Cotillard y otras 50 francesas se cortan el pelo en solidaridad con las mujeres iraníes », El País: https://elpais.com/gente/2022-10-05/juliette-binoche-marion-cotillard- y-otras-50-francesas-se-cortan-el-pelo-en-solidaridad-con-las-mujeres-iranies.html
  • « El Parlamento Europeo reclama sanciones a Irán por la represión de las protestas2, El País: https://elpais.com/internacional/2022-10-06/el-parlamento-europeo-reclama-sanciones-a-iran-por- la-represion-de-las-protestas.html
  • « Estados Unidos sanciona al ministro del Interior iraní por reprimir las protestas contra el velo », El País: https://elpais.com/internacional/2022-10-06/estados-unidos-sanciona-al-ministro-del- interior-irani-por-reprimir-las-protestas-contra-el-velo.html