Galicia
Galicia

Publicación do informe de Amnistía Internacional sobre a pena de morte de 2022 

Segundo os datos dos que dispón Amnistía Internacional, cada día algún Estado executa ou condena a morte a alguén como castigo por algún delito, e ás veces por actos que non deberían estar castigados. Nalgúns países, pode impoñerse esta pena por delitos relacionados coas drogas, mentres que noutros se reserva para os actos de terrorismo […]

Segundo os datos dos que dispón Amnistía Internacional, cada día algún Estado executa ou condena a morte a alguén como castigo por algún delito, e ás veces por actos que non deberían estar castigados. Nalgúns países, pode impoñerse esta pena por delitos relacionados coas drogas, mentres que noutros se reserva para os actos de terrorismo e os asasinatos. Algúns países executan persoas que teñen menos de 18 anos no momento de cometerse o delito polo que foron condenadas (esa cifra ascende en Irán a polo menos 113 execucións desde 1990); outros aplican a pena capital a persoas con discapacidades psíquicas e intelectuais; e outros a aplican no contexto de xuízos sen as debidas garantías, vulnerando claramente as normas e o dereito internacional. Así, a xente pasa anos condenada a morte, sen saber cando lle chegará o momento ou se poderá volver ver a súa familia. Segundo os últimos datos dispoñibles 112 países xa aboliron a pena de morte na súa lexislación (cando Amnistía Internacional comezou ese traballo en 1977, só 16 o fixeran) unha cifra sen dúbida importante pero que debe ser posta en contraste co elevado número de execucións contabilizadas por Amnistía Internacional no mundo en 2022, que ascende a 883. 

En efecto, Amnistía Internacional sostén que a pena de morte constitúe unha violación de dereitos humanos e, en particular, do dereito á vida e do dereito a non sufrir tortura nin tratos ou penas crueis, inhumanos e degradantes. Estes dous dereitos están consagrados na Declaración Universal de Dereitos Humanos, adoptada en 1948 polas Nacións Unidas. Aínda que o dereito internacional dispón que se debe restrinxir o uso a pena de morte para os “máis graves delitos”, é dicir, o homicidio intencional, Amnistía Internacional considera que a pena de morte nunca é a solución. É por iso que cada ano, se investiga a situación da pena de morte, cuxo informe do ano 2022 acaba de ser publicado. 

Este informe revela que se produciu un incremento de ata un 53% das execucións con respecto ao ano pasado e isto sen poder ter en conta o número total de executados en China, cuxa cifra segue sendo considerada un secreto de Estado. Igualmente, neste ano, a maioría das execucións das que se tivo noticia, producíronse en China, Irán, Arabia Saudita, Iraq e Exipto, por esa orde. Así, China segue sendo o maior executor mundial, aínda que se descoñece a verdadeira magnitude do emprego da pena de morte nese país. Excluíndo a China, o 90% de todas as execucións que se deron a coñecer tiveron lugar en tan só tres países: Irán, Arabia Saudita e Exipto. Con respecto a estas cifras, elaborouse un mapa interactivo no que figura a situación en cada un dos países do mundo, co número de condenas e execucións en cada país no que a pena de morte segue sendo permitida e utilizada. 

No que concirne este último aspecto, cabe salientar que Amnistía Internacional rexistrou, polo menos, 2.016 condenas a morte novas en 52 países en 2022, o que supuxo un lixeiro descenso con respecto ás 2.052 de 2021. Tíñase constancia de que ao finalizar 2022 había en todo o mundo polo menos 28.282 persoas condenadas a morte. Doutra banda, a investigación rexistrou polo menos 883 execucións repartidas en 20 países, o que supuxo un incremento do 53% con respecto ao ano 2021, no que se rexistraron polo menos 579 execucións. Igualmente, as cifras dos últimos tres decenios mostran dúas tendencias opostas: o número de países que aboliron a pena de morte para todos os delitos seguiu crecendo, mentres o número de países que levaron a cabo execucións diminuíu de forma constante cada ano. 

A pena de morte constituíu así un tema central na defensa dos dereitos humanos de Amnistía Internacional desde os seus inicios, loitando sempre pola súa abolición absoluta en todos os países do mundo. Os datos revelados polo informe deste ano alértannos e indícannos que a pena de morte segue presente en moitos países do mundo, cobrándose a vida de centos de persoas cada ano. É por iso que desde Amnistía Internacional loitamos para que esta situación cese e para que os dereitos humanos sexan respectados, sen ningún tipo de limitación ou restrición, en todo o planeta. 

Fonte : https://www.amnesty.org/es/what-we-do/death-penalty/