Galicia
Galicia

Protexamos a protesta: mapa dixital sobre o dereito de protesta no mundo

A protesta é hoxe en día un dereito fundamental en todo país que se diga democrático. Este dereito permite a todo individuo ou grupo de individuos contestar o poder establecido e funcionar como contrapoder, dando unha voz e un medio de expresión á sociedade civil. O dereito de protesta é así o corazón de moitos […]

A protesta é hoxe en día un dereito fundamental en todo país que se diga democrático. Este dereito permite a todo individuo ou grupo de individuos contestar o poder establecido e funcionar como contrapoder, dando unha voz e un medio de expresión á sociedade civil. O dereito de protesta é así o corazón de moitos movementos sociais, sacando á luz inxustizas e abusos, ou esixindo maiores rendicións de contas ou, en valores absolutos, un mundo mellor. Pensemos por exemplo nas mulleres europeas de inicios do século XX que loitaron, sacrificando mesmo ás veces as súas vidas, porque o dereito ao voto das mulleres fose unha realidade. 

Doutra banda, a capacidade de protestar en condicións de seguridade é tamén unha cuestión que coincide parcialmente co dereito a non ser discriminado. Trátase así de que todo o mundo teña un dereito igualitario á protesta, independentemente da idade, raza, identidade de xénero ou calquera outro factor tanto físico como socio-económico. 

Con todo, hoxe en día no mundo numerosos países nos que as forzas armadas propias do Estado son utilizadas de maneira sistemática para vulnerar dereitos e reprimir aos seus cidadáns. Pensemos así, por exemplo, no tráxico caso das mulleres en Irán e a desgraciada morte de Mahsa Amini fai xa máis dun ano. Ademais, a esta situación engádese a dificultade de que non sempre esta violencia faise de forma evidente e pode resultar así moi difícil coñecer cal é a situación en moitos países. 

Para tentar cubrir esta lacra, Amnistía Internacional publicou, no marco da súa campaña Protexamos a protesta, unha cartografía na que figuran as numerosas violacións de dereitos humanos que se perpetran en todo o mundo contra as persoas que protestan. Este mapa mostra así que moitos gobernos tratan as protestas como unha ameaza en lugar de como un dereito, e que os axentes encargados de facer cumprir a lei cren que o seu papel é reprimir e someter a quen protesta en lugar de facilitar que exerzan os dereitos dos e das cidadás. Como consecuencia, miles de persoas son perseguidas ilexítimamente, arrestadas, golpeadas e mesmo asasinadas durante manifestacións e outro tipo de actos de denuncia. Tamén afrontan consecuencias devastadoras despois, só por participar en protestas. 

O mapa dixital interactivo que publica Amnistía Internacional revela tamén, por exemplo, o número de países que fan un uso indebido de armas menos letais como gas lacrimóxeno, balas de goma, aerosois de pementa e porras para hostigar, intimidar, castigar ou dispersar a manifestantes, reprimindo o seu dereito de reunión pacífica. 

Ademais de indicar os países onde as persoas que protestan sofren abusos e o tipo de ameazas que afrontan, o mapa detalla a lexislación vixente sobre protestas, publicacións da ONU pertinentes e sentenzas de tribunais internacionais, e explica como pode emprender a acción a cidadanía. Actualizado en tempo real, ofrece un panorama arrepiante da realidade cotiá de quen protesta en todo o mundo. 

En efecto, este mapa aparece nun momento crítico no que respecta ao dereito de protesta e ás violacións de dereitos acometidas polos propios Estados e os seus gobernos correspondentes. Segundo o seguimento realizado por Amnistía Internacional, en 2022 houbo denuncias cribles de uso ilexítimo da forza a mans das forzas de seguridade estatais contra persoas que se manifestaban pacificamente en polo menos 86 dos 156 países examinados no seu Informe Anual. En 37 países, as forzas de seguridade usaron armas letais contra as persoas manifestantes, a pesar de que as armas de fogo non son adecuadas para o control de multitudes e de que a policía non debería usalas nunca para dispersar unha reunión.

Por último, esta iniciativa é propia da importancia que lle damos desde Amnistía Internacional á investigación e pesquisas sobre o que está a acontecer no mundo, loitando contra toda opacidade e toda falta de transparencia na vulneración de dereitos en calquera país do mundo.