Galicia
Galicia

Eleccións galegas do 18 de febreiro: #AGaliciaNaQueQueremosVivir

Este próximo día 18 de febreiro, as galegas e os galegos estamos convocados ás urnas para decidir quen será o próximo ou próxima Presidente da Xunta de Galicia. Como en cada votación, hai moitos aspectos importantes da vida das galegas e galegos en xogo, e por suposto isto concerne tamén os nosos dereitos e liberdades […]

Este próximo día 18 de febreiro, as galegas e os galegos estamos convocados ás urnas para decidir quen será o próximo ou próxima Presidente da Xunta de Galicia. Como en cada votación, hai moitos aspectos importantes da vida das galegas e galegos en xogo, e por suposto isto concerne tamén os nosos dereitos e liberdades individuais. Desde Amnistía Internacional Galicia, plantexámonos as novas eleccións e a apertura desde novo ciclo político como unha oportunidade para mellorar a nosa comunidade e loitar pola defensa dos dereitos de todos os galegos e galegas. É por está razón que lanzamos a campaña #AGaliciaNaQueQueremosVivir, que presenta unha serie de reclamacións a nivel autonómico en temas de especial importancia, como é a sanidade pública e o investimento en atención primaria, a política de vivienda, a defensa das vítimas de violencia de xénero ou a defensa dos Dereitos Humanos en cuestión de acción exterior. 

Neste sentido pronunciouse Antonio Alonso, Coordinador de Amnistía Internacional Galicia: “Neste momento no que se pon o foco nas peticións da ciudadanía en diversas cuestión, queremos facer un chamamento ás nosas candidatas e candidatos para que pasen das promesas aos compromisos e aposten por un proxecto no que os dereitos da poboación galega estean na fronte. É o deber de Amnistía Internacional ser o altofalante nestas cuestións”.

Estas reclamacións centrarse en 4 eixos temáticos que levan sendo unha constante no traballo diario de Amnistía Internacional Galicia, tanto coa sociedade civil coma con outras organizacións de ámbito local e autonómico e as propias institucións galegas:

  • Dereito á saúde. Atención primaria e reducción de listas de agarda.

A prioridade é que a Xunta de Galicia destine, alomenos, un 25% do investimento total en sanidade á atención primaria, tal e como recomenda a Organización Mundial da Saúde, xa que cubre un alto porcentaxe (70%) das necesidades de saúde das persoas.

Actualmente, en Galicia esta partida orzamentaria só chega ao 11,8%, sendo a segunda comunidade autónoma que menos gasta en atención primaria, tal e como se recolle no “Informe de Análise de Gasto Sanitario” realizado por Amnistía Internacional con data de febreiro 2024.

Por outra banda, tal e como se recolle no Marco estratéxico de atención primaria e comunitaria do 2019, débese garantir que as demandas non urxentes se atendan en menos de 48 horas. De acordo con este mesmo “Informe de Análise do Gasto Sanitario”, en Galicia, só o 25,6% das citas se atenden nesta marxe, sendo a media en España do 27%.

  • Dereito á vivenda. Parque de vivienda social e acceso en igualdade de condición.

Amnistía Internacional Galicia reclama que se garanta o dereito a vivenda, por medio de políticas activas de creación de vivenda social. Así, os datos do 2022 reflicten que só un 3,8% do parque de vivenda construida é para estes fins (segundo o Instituto Galego de Estadística), cando o estándar na Unión Europea supera o 15%

Outro grande problema ao que se enfronta a sociedade galega, e española en xeral, é o dos desafiuzamentos. Débese asegurar que as persoas en situación de vulnerabilidade non caian en situación de senfogarismo, e que as administracións competentes aseguren que exista unha vivenda alternativa nestes casos.

Por último, o gasto medio dos fogares en aluguer non deixa de medrar. Calcúlase que se incrementou nun 26,21% na derradeira década e no 2022 se atopaba nos 377,22€ ao mes.

  • Loita contra a violencia feita ás mulleres

Amnistía Internacional recorda ao novo goberno a obrigatoriedade do cumprimento do mandato do Consello de Europa en base ao disposto na Lei Orgánica 10/2022 de Garantía da Liberdade Sexual de crear centros de crise 24 horas para garantir a atencións psicolóxica, xurídica e social ás mulleres vítimas de violencia sexual.

Ata o momento non se executou ningún destes centros, aínda que se planificou un por cada zona sanitaria. O orzamento de case 4 millóns para esta materia provén do mecanismo de recuperación e resiliencia destinado á prevención e atención integral e interdisciplinar no marco das violencias sexuais. Recórdase, tamén, que o prazo marcado por Europa para a súa execución xa está prorrogado neste 2024 e se deberán devolver os fondos non executados a final de ano.

  • Acción exterior

Por último, Amnistía Internacional solicita que se faga da defensa dos Dereitos Humanos unha política transversal no tocante á acción exterior do novo goberno, tanto no contacto co corpo diplomático acreditado en España, como á hora de participar en programas de cooperación, viaxes oficiais, acordos políticos e económicos e recepción de autoridades estranxeiras.