Galicia
Galicia

28 de setembro. Día de Acción Global polo Acceso ao Aborto Legal e Seguro

O pasado 28 de setembro celebrouse o Día de Acción Global polo Acceso ao Aborto Legal e Seguro, coñecido tamén como o Día pola Despenalización e Legalización do Aborto. Esta iniciativa xurdiu en 1990 no V Encontro Feminista Latinoamericano e do Caribe e a convocatoria estendeuse a numerosos países de Europa, África, Asia e América do Norte. […]

O pasado 28 de setembro celebrouse o Día de Acción Global polo Acceso ao Aborto Legal e Seguro, coñecido tamén como o Día pola Despenalización e Legalización do Aborto. Esta iniciativa xurdiu en 1990 no V Encontro Feminista Latinoamericano e do Caribe e a convocatoria estendeuse a numerosos países de Europa, África, Asia e América do Norte. Coma todos os anos, grupos de mulleres e asociacións feministas convocaron á poboación este día para esixir aos seus respectivos gobernos a legalización do aborto e a facilitación do acceso ao mesmo, nomeando como obxectivo o reducir as mortes por abortos inseguros.

O aborto é un procedemento médico que pon fin ao embarazo. É un coidado de saúde básico que necesitan millóns de mulleres, nenas e outras persoas que poden quedar embarazadas. Así, calcúlase que un de cada catro embarazos termina en aborto cada ano.

Nos lugares onde o aborto é legal e accesible e onde hai menos estigma, as persoas poden acceder ao aborto en condicións de seguridade e sen riscos. Con todo, nos lugares onde o aborto é estigmatizado, penalizado ou restrinxido, as persoas ven obrigadas a recorrer a abortos inseguros. A OMS calcula que cada ano teñen lugar 25 millóns de abortos inseguros, que son a terceira causa de morte materna evitable no mundo. Tamén son a causa de cinco millóns de casos de discapacidade en gran medida evitables.

Todas as persoas teñen dereito á autonomía corporal, que é outro motivo polo que toda persoa que poida quedar embarazada debe ter a posibilidade de abortar. Con todo, moitas persoas, especialmente as pertencentes a comunidades historicamente marxinadas (persoas con baixos ingresos, refuxiadas e migrantes, LGBTI e indíxenas e racializadas entre outras) fan fronte a condicións sociais, económicas e políticas que poñen trabas á súa capacidade para exercer a autonomía reprodutiva.

O termo xustiza reprodutiva introduciuse ao longo da historia da loita feminista para recoñecer que a igualdade de xénero, os dereitos sexuais e reprodutivos e a xustiza social están firmemente interrelacionados. O movemento pola xustiza reprodutiva reclama que os estados aborden as desigualdades sociais, económicas e políticas que impiden que as persoas pertencentes ás comunidades máis marxinadas poidan exercer os seus dereitos sexuais e reprodutivos.

Nalgúns países —como Estados Unidos, Serra Leona, Polonia e Marrocos— abortar ou axudar a alguén a abortar está penalizado. As leis que restrinxen o aborto varían dun país a outro e hai algúns países, como Guinea Ecuatorial e Zambia, que impoñen a pena de cadea perpetua a quen recorre ao aborto. Noutros, existen leis que soamente permiten o aborto en circunstancias concretas, coma pode ser un caso de violación ou incesto.

Mesmo nos países onde o aborto é legal, o acceso a este dereito pode chegar a ser difícil debido a factores como o custo, a distancia dos servizos, o estigma social ou as actitudes conservadoras reforzadas pola relixión.

En todo o mundo, as persoas que defenden o dereito ao aborto están a ser atacadas, incluídas activistas, docentes, acompañantes e profesionais da saúde, entre outras. Estas persoas están expostas a sufrir estigmatización, agresións físicas e verbais, intimidación e ameazas, así como criminalización a través de procesamentos, investigacións e detencións inxustos. A pesar da hostilidade e a falta de recoñecemento, seguen desempeñando o seu labor, axudando a innumerables mulleres, nenas e a calquera persoa que pode quedar embarazada a exercer o seu dereito ao aborto.  

Dende Amnistía Internacional defendemos que o acceso ao aborto é fundamental para a protección dos dereitos humanos consagrados no dereito internacional. Este especifica claramente que as decisións sobre o noso corpo son só nosas, principio que se coñece como autonomía corporal e, neste caso, reproductiva, e que é un dereito fundamental de todo ser humano.

É esencial que as leis relativas ao aborto respecten, protexan e fagan efectivos os dereitos humanos das persoas embarazadas e non as obriguen a recorrer a abortos inseguros. Por todo iso pedimos aos Estados de todo o mundo que cumpran coa súa obrigación de garantir o dereito ao aborto para todas as persoas e de respectar e protexer o dereito de todas aquelas que defenden o dereito ao aborto.

Fonte do mapa: Center for Reproductive Rights, https://reproductiverights.org/maps/the-worlds-abortion-laws-spanish/

Fontes