Galicia
Galicia

Tendemos a pensar que o racismo existe, pero non na nosa casa, na nosa cabeza. Que o racismo son golpes e asasinatos, e non chistes “sen importancia”. Pero o racismo ten moitas cores.

No 2020, o asasinato nos Estados Unidos de George Floyd a mans das forzas de seguridade prendeu a chama do movemento Black Lives Matter en todo o mundo. Unha loita que encheu as rúas en centos de cidades arredor de todo o planeta, tinguiu Instagram de negro durante un día e mesmo axudou a  avanzar, aínda que grotescamente pouco, na consecución de dereitos. 

Porén, non precisamos viaxar ata o continente americano para falar de discriminación racial. En España somos expertas no “humor” racista, en reirnos de clichés e tópicos manidos e pouco reais, e en expresar ideas que non son outra cousa máis que racistas: que os xitanos rouban cobre, andan na droga e son analfabetos, unha clase inferior; que os negros son manteiros e veñen de xeito ilegal en pateiras para roubar o traballo dos españois de pura sangue; ou mesmo ideas tan retrógradas e surrealistas como as expresadas este febreiro na homenaxe á División Azul en Madrid, con discursos cargados de odio xenófobo cara os xudeus. O espírito do odio, do racismo e do fascismo seguen vivos no noso país, no noso entorno. 

Somos racistas cando facemos un “chiste” sobre persoas racializadas, e tamén somos racistas cando reimos estes “chistes” coma se fosen graciosos.

Somos racistas cando miramos por riba do ombro á muller coa cabeza tapada no metro, no mercado ou na rúa, e tamén cando non facemos nada por evitar que outras a miren mal.

Somos racistas cando defendemos os nosos dereitos e privilexios sen darnos conta de que todas temos os mesmos dereitos polo simple feito de nacer.

Somos racistas cando illamos á nena ou ao neno migrante ou xitano na clase, e tamén cando deixamos que a illen.

Somos racistas cando ao contar a historia dun crime pómos énfase en dicir que era un marroquí, un colombiano ou un senegalés quen o cometeou, pero obviamos cando o violador, asasino ou ladrón é o noso veciño.

Somos racistas cando non lle damos importancia ao racismo.

Loitemos xuntas por destruir todas as cores do racismo, e non ás dos nosos corpos. Mudemos o mundo, fagámolo máis xusto.