Galicia
Galicia

Entrevista a Masha Pavlenko, vicepresidenta da Asociación galega de axuda a Ucraína (AGA Ucraína)

Esta semana tivemos o pracer de poder charlar con Masha Pavlenko, vicepresidenta da Asociación galega de axuda a Ucraína (AGA Ucraína) sobre a actividade da asociación e a situación actual en Ucraína. A asociación dispón dun servizo de acollida de emerxencia e apoio para familias desprazadas, un servizo de inserción laboral, un servizo de tradución […]

Esta semana tivemos o pracer de poder charlar con Masha Pavlenko, vicepresidenta da Asociación galega de axuda a Ucraína (AGA Ucraína) sobre a actividade da asociación e a situación actual en Ucraína. A asociación dispón dun servizo de acollida de emerxencia e apoio para familias desprazadas, un servizo de inserción laboral, un servizo de tradución e interpretación, un servizo de telefonía, un servizo de entrega de alimentos e roupa e un servizo de comunicación e información en liña para os desprazados. 

1. Cóntanos un pouco a historia de AGA Ucraína, cando se funda e con que obxectivo? 

A idea de formar unha asociación xurdiu o día 26 de febreiro na praza de María Pita na Coruña por mor da protesta contra a guerra na cidade. Todos queriamos axudar a Ucraína de calquera forma que puidésemos, así que, para organizarnos mellor e para optimizar o esforzo de cada un, decidimos crear a Asociación Galega de Axuda a Ucraína (AGA-Ucraína), que se fundou oficialmente o 28 de febreiro de 2022. 

2. Cales son os proxectos máis importantes que tedes agora mesmo en marcha? 

Agora mesmo estamos a participar nun proxecto moi importante. A construción do INSTITUTO INTERNACIONAL DE REHABILITACIÓN E PRÓTESE DE POSGUERRA, que se vai crear en Bucha. Por parte de AGA-Ucraína estamos a comprar audífonos para as persoas afectadas polos bombardeos e equipos médicos, como escáneres 3D, que se usarán para facer prótese ás vítimas da agresión rusa. Actualmente, estamos a recadar fondos para aumentar a nosa participación neste proxecto e así poder axudar a un maior número de persoas. Da mesma forma, estamos a recadar fondos para a compra de parches biodegradables para tratar aos feridos desta mesma agresión. Estes son algúns dos  proxectos nos que estamos a participar. 

3. Cantas persoas refuxiadas de Ucraína se calcula que chegaron a Galicia desde o inicio do conflito?

A día de hoxe chegaron uns 3.000 ucraínos a Galicia desde o inicio da invasión. 

4. De que modo estades en contacto cos civís que seguen no país? 

Os homes de 18 a 60 anos non poden saír do país pola Lei Marcial. Case todos os membros da directiva temos familia e amigos que aínda están a vivir en Ucraína e mesmo están a loitar pola liberdade do noso país e de Europa. Unha vogal da directiva agora mesmo está en Ucraína xunto co seu marido que é ucraíno. O meu irmán segue alí tamén. Estamos en contacto diario con todos eles e recibimos noticias directamente desde Ucraína. 

5. Que resposta obtivestes da comunidade civil galega desde a vosa chegada? E das institucións?

De parte da poboación galega recibimos unha resposta impresionante. Ao principio, cando traiamos refuxiados desde Ucraína, houbo moitísimas familias que se ofreceron a acoller a refuxiados ucraínos. Comprometéronse a proporcionarlles aloxamento, manutención e axuda cos trámites legais por seis meses. Tamén contamos coa axuda de moitos galegos no almacén, que nos axudan a clasificar e preparar a axuda humanitaria para o seu envío a Ucraína. Toda esa xente axúdanos e traballa voluntariamente sen esperar recompensa algunha. 

De parte das institucións recibimos apoio nas nosas actividades. O Concello da Coruña abriu a Oficina Municipal de Apoio ao Pobo Ucraíno. Tamén nos prestan unhas salas no Centro Cívico da Cidade Vella para organizar as actividades para os refuxiados ucraínos. 

6. Como se atopan as socias de AGA Ucraína tras un ano tan duro como o que vivistes? 

A situación en Ucraína é moi complicada. Rusia está a atacar con moita intensidade a zona de Donbas e o prezo que estamos a pagar para manter esa zona libre é moi alto. Tamén a economía do país está a sufrir moito, aínda que os ucraínos que quedaron alí, seguen traballando duro para mantela. Pero a pesar de todo o pobo ucraíno é dun único sentimento; temos que seguir loitando ata conseguir unha paz xusta para o noso país. 

7. Cóntanos sobre o evento de conmemoración da invasión que ides realizar na Coruña o 24/03.

O 24/02 cúmprese un ano desde o inicio da invasión a gran escala. Organízanse eventos por todo o mundo e en máis de 30 cidades españolas. Na Coruña organizamos unha marcha que vai partir desde o Obelisco ás 19:30 chegando á praza de María Pita, onde ás 20:00 vai haber unha manifestación con actuacións dos refuxiados ucraínos, distintos coros de Galicia e participación doutras organizacións galegas. Con ese acto queremos mostrar o noso apoio a Ucraína, protestar en contra da guerra e pedir apoio á poboación galega. 

8. De que maneira podemos colaborar os veciños de Galicia con AGA Ucraína? 

Pódese colaborar de moitas formas, tales como doando fondos para diferentes proxectos ás nosas contas bancarias ou bizum ou comprando merchandising coa simboloxía ucraína. Tamén se pode asistir ás nosas manifestacións que organizamos cada sábado nas prazas da cidade da Coruña. E agradécese calquera tipo de apoio aos refuxiados ucraínos, tanto axuda co alugueiro de vivenda, inserción laboral, como unha palabra de apoio ou un abrazo.