Galicia
Galicia

Entrevista Amnistía Internacional Galicia de Xosé Abad, presidente de Acampa 

As iniciativas cidadás son hoxe en día un gran pulmón na loita polos dereitos humanos en todo o mundo, sendo unha clara proba do compromiso da sociedade civil polo respecto e difusión de valores como a democracia, a xustiza social e a non discriminación. Así, Rede Acampa é unha iniciativa cidadá sen fins de lucro […]

As iniciativas cidadás son hoxe en día un gran pulmón na loita polos dereitos humanos en todo o mundo, sendo unha clara proba do compromiso da sociedade civil polo respecto e difusión de valores como a democracia, a xustiza social e a non discriminación. Así, Rede Acampa é unha iniciativa cidadá sen fins de lucro que nace no 2016 coa intención de se converter nun espazo común das organizacións, colectivos, activistas ou particulares con conciencia social que traballan na defensa dos Dereitos Humanos e o Dereito a Refuxio. É por isto que Acampa naceu coa ambición de facer de nexo entre todas estas organizacións para que se puidesen reunir, falar das realidades nas que cada unha delas traballa e, ao tempo, permitir á cidadanía reflexionar colectivamente, acceder a eses relatos, a esas realidades escoitando ás testemuñas do que acontece dunha maneira directa. En Amnistía Internacional Galicia, tivemos o inmenso pracer de entrevistar a Xosé Abad, presidente da organización. 

Na entrevista, Xosé Abad presentounos a sétima edición do encontro “Acampa 2023: Odio ou Convivencia” organizado neste mesmo mes e no que participaron personalidades como Pepe Mujica (en streaming), Virginia Álvarez ou Baltasar Garzón e que tivo lugar o pasado 16 de xuño nos xardíns de Méndez Núñez na Coruña. 

Sobre o seu subtítulo, o presidente de Acampa expresounos a súa preocupación con respecto ao odio que medra en todo o mundo ao mesmo tempo que minguan os dereitos humanos : 

“Medra o fascismo, medra a intolerancia, a xenofobia… e medra, ademais, nun tempo histórico no que os desprazamentos de persoas polas guerras, pola crise climática…se contan en millóns. Os movementos migratorios son imparables. E o odio é o que encontran no seu tránsito e no seu destino”. 

Deste xeito, as principais actividades do programa deste ano estaban organizadas arredor desta temática. No encontro había un campo simulado de persoas refuxiadas e que será un dos sinais de identidade de cada encontro internacional. Esta simulación “(…) é peza fundamental porque permite aos visitantes non só ver o que ven moitas veces a través da pantalla da tele senón entender, sentir, reflexionar”. 

Abad salienta especialmente a situación no valo de Melilla onde: “o 24 de xuño do pasado ano produciuse un masacre que xamais debeu acontecer. 37 mortos, 77 desaparecidos e 470 devolucións en quente. Seres humanos atrapados entre as forzas de seguridade dos dous países, baixo gases lacrimóxenos…”. Deste xeito, de maneira simbólica, levantarase un valo simulado nos xardíns, que dará acceso ao recinto. Haberá tamén exposicións fotográficas de gran formato e unha serie de relatores convidados que falarán da realidade do odio hoxe en día. 

Outro proxecto sobre o que puidemos falar con Abad é o III Recoñecemento Internacional á Defensa dos DDHH, que celebra este ano a súa terceira edición : 

”Quixemos que, dunha maneira testemuñal, a través dos integrantes da Rede Acampa, puidesen recibir o aplauso colectivo da cidadanía que lles debe tanto. Esa é a filosofía. O recoñecemento é un GRAZAS polo voso exemplo”. 

Na categoría internacional, este ano se lle concedeu a Pepe Mujica e na categoría local a Rafael Pillado, o exemplo do sindicalista defensor dos dereitos laborais e sociais que todos quereriamos ser. Neste caso, a entrega será a título póstumo, pois faleceu en febreiro. 

Sobre o futuro de Acampa, o seu presidente móstrase moi seguro co imparable crecemento da asociación : “ Neste momento son máis de 75 as asociacións e colectivos que integran a rede (…). O Movemento Acampa non deixa de medrar. Ao longo do ano mantemos reunións nas que imos perfilando o contido de cada encontro”. 

O segredo desta próspera evolución está, para Abad, no traballo e a seguridade de que o que están a facer é imprescindible, reflexión que remata coas seguintes palabras : “Hai que mirar, hai que entender. Se de algo estamos seguros é da importancia de reflexionar conxuntamente e de que é a sociedade civil a única que pode conter ou facer cambiar a deriva que estamos a vivir”.