Galicia
Galicia
75º Aniversario dos Dereitos Humanos

75 aniversario da Declaración Internacional dos Dereitos Humanos

En 2023 conmemoramos o 75 aniversario da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, que coincide co 30 aniversario da Oficina do  Alto Comisionado para os Dereitos Humanos. Durante 75 anos, a ambición da Declaración foi a de asentar nas sociedades igualdade, as liberdades fundamentais e a xustiza. A Declaración serve como un modelo e base para a elaboración […]

En 2023 conmemoramos o 75 aniversario da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, que coincide co 30 aniversario da Oficina do  Alto Comisionado para os Dereitos Humanos.

Durante 75 anos, a ambición da Declaración foi a de asentar nas sociedades igualdade, as liberdades fundamentais e a xustiza. A Declaración serve como un modelo e base para a elaboración das políticas e leis a nivel internacional, nacional e local.

A Declaración foi adoptada pola Asemblea Xeral de Nacións Unidas o 10 de decembro de 1948 e foi o resultado dun longo proceso de posta en común para dar base a unha constitución de dereitos logo da barbarie da Segunda Guerra Mundial. Estes códigos supoñen dar un sentido legal, ético e político a eses espazos baleiros que permiten a violación da dignidade humana. Para este 75 aniversario convén seguir traballando no seu entendemento e perfeccionamento xa que o mundo en que se están a asentar vai cara un planeta de abxección.

Dende Amnistía Internacional, creemos que a loita polos Dereitos Humanos é unha loita cara a construción de futuros. O futuro entendido como un proxecto de mellora da humanidade no seu conxunto e con isto non só queremos reforzar os dereitos existentes, se non traballar en posibles gretas que o mundo actual vai creando.

A desastre ecolóxica, o camiño cara unha guerra total planetaria- os conflitos bélicos están no seu nivel máis alto dende 1945-, o crecemento das desigualdades, a polarización cada vez máis persistente dentro dos países e entre eles, o incremento da presión sobre o espazo cívico, a falta de control na innovación tecnolóxica no ámbito dixital, a maior presenza de discursos de odio e a aceptación e quizás un certo estado de normativizade en cuestións tan cruentas como son a situación dos refuxiados, a pobreza e o tráfico de persoas; fan que neste aniversario amplifiquemos a voz e fagamos un chamamento sobre a importancia dos Dereitos Humanos como unha linguaxe compartida.

A  humanidade, independentemente das súas diferencias sociais, culturais , económicas e políticas temos en común a nosa fraxilidade; obviala é crer na superioridade ou diferenza dunhas persoas sobre outras. Isto nos leva a xermolo das desigualdade e asimesmo ao o retroceso nos Dereitos Humanos.

Deste xeito os Dereitos Humanos deben ser entendidos como un código, unha metalinguaxe, que debe axudarnos a superar calquera fenda ou enfrontamento que ameace ao noso planeta.

Previr as violacións dos Dereitos Humanos require constancia, traballo, coraxe e determinación por parte de todxs: gobernos, comunidades e persoas; e neste momento deberemos traballar a carón doutras propostas como son a Axenda 2030, a urxencia polos códigos e as regulacións éticas da intelixencia artificial e sumarnos a posibles imaxinarios de futuro que contrarresten o posible deterioro ou dano aos Dereitos Humanos.

Nestes tempos complexos e difíciles debemos levar a nosa mirada á universalidade dos Dereitos Humanos como unha folla de ruta, un  camiño base sen posibilidade dun paso atrás.

Para saber máis sobre o tema, escoita o novo podcast de Amnistía Internacional España, «¿Quién dijo miedo?», xa en tódalas plataformas.