Galicia
Galicia

Mobilización contra a lei mordaza e a ameaza da liberdade de expresión en España

A liberdade de expresión é un dereito fundamental que cobre as liberdades de opinión, de información e de prensa. É necesario para poder exercer outros dereitos humanos e para participar activamente nunha sociedade libre e democrática. É por isto que, segundo o dereito internacional, calquera limitación á mesma ten que ser mínima, proporcionada e xustificada. A liberdade […]

A liberdade de expresión é un dereito fundamental que cobre as liberdades de opinión, de información e de prensa. É necesario para poder exercer outros dereitos humanos e para participar activamente nunha sociedade libre e democrática. É por isto que, segundo o dereito internacional, calquera limitación á mesma ten que ser mínima, proporcionada e xustificada.

A liberdade de expresión en España sufriu un grave retroceso desde 2015, ano no que o Congreso aprobou a Lei Orgánica de Protección da Seguridade Cidadá (LOSC, coñecida como “Lei Mordaza”) e a reforma do Código penal, as cales entraron en vigor o 1 de xullo dese ano. Estas leis foron aprobadas a pesar das advertencias formuladas por expertos das Nacións Unidas que denunciaron como algúns dos preceptos contidos en ambas as normas podían supoñer unha restrición desproporcionada aos dereitos de liberdade de reunión, expresión e información.

A Lei Mordaza ampliou a potestade sancionadora da Administración, contemplando infraccións definidas de forma excesivamente vaga e ampla que favorecen a discrecionalidad policial. Todo isto traduciuse nun impacto negativo no exercicio dos dereitos humanos á liberdade de expresión, reunión e información.

Desde a chegada do novo governo progresista, está previsto que se modifique a Lei Mordaza, pero tal e como se expuxo a reforma na anterior lexislatura, a protesta seguiría correndo un grave risco de continuar amordazada. O acordo de goberno alcanzado en novembro de 2021 para a reforma da lei non contemplaba nin a reforma nin a eliminación dos elementos máis lesivos para os dereitos humanos en España, sendo unha simple maquillaxe á Lei Mordaza. En 2023, o acordo de investidura entre PSOE e Sumar recolle a promesa da reforma e derrogación da lei mordaza. Porén, nada concreto se fixo ata agora neste aspecto.

No caso de que non se avance nas negociacións e na tramitación parlamentaria para transformar substancialmente o proxecto de lei, manteranse as ameazas ao dereito de protesta dos movementos sociais, os medios de comunicación seguirán vendo mermada a súa liberdade de información, e perpetuarase a discriminación e a indefensión de colectivos como migrantes, persoas refuxiadas, traballadoras sexuais, vítimas de trata ou persoas sen fogar.

Persoas usuarias de redes sociais, xornalistas, profesionais do dereito e artistas musicais foron procesadas e condenadas en virtude do artigo 578 do Código penal, que castiga o «enaltecemento do terrorismo» e a «humillación das vítimas dos delitos terroristas”. Estes foron os casos dos raperos Pablo Hásel en 2021, en prisión por delito de enaltecemento do terrorismo e condenado por inxurias contra a coroa e contra as institucións do Estado; e Valtonyc, condenado en 2017 por delitos tamén de «enaltecemento do terrorismo», «ameazas non condicionais» e «calumnias e insultos graves á Coroa”. Amnistía Internacional considera que ambas as condenas son inxustas, causando restricións ilícitas do dereito de liberdade de expresión. O delito de ofensa contra os sentimentos relixiosos tamén debe desaparecer do Código penal como mostrou a condena ao Colectivo Libre Expresión Feminista de Málaga por participar nunha mobilización co título “Gran Procesión do Santo Chumino Rebelde”.

Que pedimos desde Amnistía Internacional para defender a liberdade de expresión en España?

  • Revisar a lexislación reguladora do dereito de reunión e de protección da seguridade cidadá, eliminando aqueles artigos que poidan limitar ou interferir de maneira desproporcionada na liberdade de reunión, expresión e información.
  • Incorporar mecanismos independentes de investigación e garantías efectivas de supervisión e de rendición de contas da actividade policial para evitar o uso excesivo da forza ou actuacións arbitrarias.
  • Derrogar o artigo 578 do Código penal e garantir que ningunha das súas disposicións viola as obrigacións contraídas por España.
  • Defender os dereitos das vítimas do terrorismo en lugar de sufocar a liberdade de expresión no seu nome.
  • Derrogar do Código penal os delitos de inxurias á coroa e as institucións do Estado e de ofensa contra os sentimentos relixiosos.

Por iso estamos a impulsar mobilizacións para o 22 de xuño en todo o Estado español. O pasado 21 de maio, celebrouse en Santiago de Compostela un acto organizado polo TSOC, onde Daniel Canales e Serlinda Vigara (#DefenderAQuienDefiende) trataron sobre como loitar polo dereito a protestar e a situación xurídica deste dereito en España. Ademais, os asistentes tiveron a oportunidade de ver o documental «No Callarem«. Tamén, o 10 de xuño, no Congreso dos Deputados e Deputadas, celebrouse a xornada “SEN MORDAZAS: 9 anos, nin un máis”. Movementos afectados pola Lei Mordaza denunciaron a criminalización da protesta, e as portavocías parlamentarias debateron sobre a reforma necesaria.

O reto é enorme, pero estamos convencidas de que se nos unimos, podemos logralo! Podedes atopar aquí toda a información sobre a mobilización. Deixamos por aquí a ligazón para más información sobre a mobilización!

Para mais información sobre o dereito de protesta no mundo, podedes ler o noso artigo publicado neste blogue sobre esta temática.

Fontes:

https://www.es.amnesty.org/en-que-estamos/espana/libertad-de-expresion

https://www.boe.es/buscar/act.php?id=BOE-A-2015-3442

https://www.europapress.es/epsocial/derechos-humanos/noticia-amnistia-internacional-dice-interior-compromete-reformar-ley-mordaza-rendicion-cuentas-policia-20240313171935.html