OS MIGRANTES DE GALICIA ENCARAN OS PEORES EFECTOS LABORAIS DA CRISE SANITARIA
O paulatino desconfinamento do que empeza a desfrutar a sociedade galega non se traducirá nun inmediato retorno á situación previa á crise da Covid-19. Pola contra, parece que implicará un proceso de recuperación longo no que se verán especialmente afectados as capas de poboación máis vulnerables, como as persoas migrantes. En Galicia, estas comunidades aínda enfrontan graves problemas derivados da perda de emprego e das dificultades para beneficiarse de certas axudas sociais como a RISGA, segundo denuncia a Federación Galega de Inmigración.
Mentres continúa o estado de alarma e a poboación galega vai aliviando a súa rixidez coa progresiva desescalada do confinamento, entre os colectivos migrantes máis vulnerables seguen a manifestarse os efectos máis devastadores da crise sanitaria. A perda de emprego, o retraso no pagamento dos alugueres ou a exclusión social son as tres máximas que enfrontan estas persoas polo momento, segundo denuncian dende o Foro Galego de Inmigración. “A nivel laboral, temos a situación máis complicada porque as persoas migrantes en Galicia ocupan traballos de moi baixa cualificación e moi precarios, como a hostelaría, no sector de coidados ou na economía somerxida, polo que moitas veces non poden acceder a esas novas axudas e prestacións”, denuncia o voceiro do Foro, Miguel Fernández, o cal, engade, “fará que tarden máis ca outros traballadores en reincorporarse ó mercado laboral”. É precisamente no ámbito laboral onde o Foro está a ter máis problemas no seu servizo de asesoramento e axuda ós migrantes, pero non por iso desatendeu as súas principais reivindicacións a nivel autonómico, como a flexibilización nos prazos e requisitos para o acceso a axudas sociais como a RISGA, entre outras.
Na Coruña, por exemplo, os migrantes ocupados na “venda ambulante, coa manta, e nos coidados de persoas” quedaron sen ningunha fonte de ingresos co inicio do confinamento, conta Xosé Abad, impulsor da rede ACAMPA pola paz e o dereito ó refuxio. Mentres os diferentes colectivos da cidade herculina continúanlles aportando a estas persoas recursos esenciais como alimentos, non conseguen, sen embargo, prestarlles axuda no referido ó pagamento dos alugueres, o cal estalles a supor “un endebedamento moi difícil de resolver”, subliña Abad, quen tampouco descarta posibles “desafiuzamentos” no futuro. Ó igual có Foro Galego de Inmigración, ACAMPA denuncia os impedimentos administrativos que sofren moitos destes migrantes pola súa irregular situación laboral para acceder a determinadas axudas económicas, entre as que inclúen o futuro ingreso mínimo vital anunciado polo goberno central. Polo momento, estes afectados só están a recibir a Renda Social Municipal e a prestación programa A Flote da Fundación Emalcsa.
CETIs de Ceuta e Melilla
Á precaria situación das persoas migrantes en Galicia debemos sumarlle tamén a doutros miles que continúan internados nos Centros de Estancia Temporal de Inmigrantes (CETIs) de Ceuta e Melilla, cuxo caso xa se fixo eco dende Amnistía Internacional e que esixe axilidade e presteza ó Ministerio de Interior no seu traslado á península para aliviar a saturación destes complexos. Dende que comezou o estado de alarma, só 101 persoas saíron ou foron desprazadas ata a península dende o CETI de Melilla, que tendo capacidade unicamente para 780 persoas alberga dende fai semanas a case 1.600. “Ás veces tardamos dúas horas, esperando no corredor, para poder entrar ó comedor, que está ateigado e onde é imposible manter a distancia”, afirma unha muller tunesina que saíu fai dúas semanas do CETI. “Non aturamos máis”, responde outro home sirio, quen afirma que dende que se pechou o complexo e os trámites se demoraron cada vez máis, foille imposible a el e á súa muller volver a ver ó seu fillo.
Neste aspecto, a conxestión dos CETIS está a ser especialmente negativa para os internados máis novos. José Palazón, fundador da Asociación Pro Derechos de la Infancia (PRODEIM) denuncia o delicado estado que enfrontan aqueles menores que saíron ou abandonaron o CETI de Melilla e agora deambulan nas rúas: “Gran parte dos rapaces agora están repartidos pola cidade, vivindo en chabolas coma as do recinto do V Pino, ou ben alugados nalgunha casa do extrarradio de Melilla”. É no campamento do V Pino onde se están a manifestar os efectos máis duros do confinamento entre os sectores máis desfavorecidos da Cidade Autonómica. “Cando comezou o estado de alarma, levantouse unha carpa nesa parcela para acoller ós nenos e maiores que estaban na rúa e ós viandantes que ían e viñan dende Marrocos, e que está totalmente exposto ó frío, á choiva, onde non hai comida e o pouco que lles levan non lles é nada”, afirma Palazón. Dúas semanas despois de erixirse, o V Pino sufriu varias inundacións, polo que a maioría dos seus ocupantes foron trasladados á praza de touros, pero aínda permanecen preto de 80 persoas no lugar, ante o cal, sinala Palazón, que a delegada de Goberno, Sabrina Moh, ou o exército deberían actuar “para habilitar espazos máis grandes e mellores onde aloxar a estas persoas”.
Ilustracións de Ferrán Martín.