É urxente protexer a todo o persoal sanitario para facer fronte á pandemia do coronavirus
Amnistía Internacional recorda que para que se garanta o dereito á saúde de todas as persoas no Estado español é necesario protexer a quen está en primera liña fronte á pandemia do coronavirus, é dicir, a todo o persoal sanitario e ás e aos profesionais que traballan nos hospitais e centros médicos onde se está combatendo esta doenza.
A organización pide que, de maneira inmediata, se asegure que teñen acceso ás medidas de protección (tales como máscaras, luvas, etc) e que se realicen os test de detección necesarios entre todo o persoal do sector para garantir o seu dereito á saúde e coñecer a incidencia do virus.
“Os traballadores e traballadoras da saúde están realizando un esforzo encomiable, posto que teñen que continuar prestando servizos a pesar dos riscos persoais para eles e para as súas familias. Entre os riscos que corren figuran a posibilidade de contraer COVID-19 ao realizaren o seu traballo, o exceso de horas de traballo, a angustia psicolóxica e o cansazo. Por iso é urxente que o Estado garanta a sá protección”, sinala Esteban Beltrán, director de Amnistía Internacional España. “É fundamental que as medidas propostas polas autoridades españolas, tales como dotar ao sistema de saúde de máis de 50.000 profesionais sanitarios, entre outras, se implementen de forma inmediata, e que se engadan a estas as medidas de protección necesarias para eles”, engade Beltrán.
No Estado español, segundo Sanidade, a 20 de marzo existen un total de 455 profesionais da saúde infectados de coronavirus, e o pasado xoves produciuse o primeiro caso dunha persoa sanitaria falecida como consecuencia do COVID-19. Os informes indican que só na China contraeron a enfermidade máis de 3.000 traballadores e traballadoras da saúde. Nese país faleceron médicos que trataban a pacientes con COVID-19, entre eles Li Wenliang, o primeiro médico que falou da crise incipiente de saúde a finais de 2019.
Os estándares internacionais sobre dereito á saúde obrigan aos Estados a “formular, aplicar e revisar periodicamente unha política nacional coherente destinada a reducir ao mínimo os riscos de accidentes laborais e enfermidades profesionais, así como formular unha política nacional coherente en materia de seguridade no emprego e servizos de saúde”, o que inclúe as condicións laborais dos traballadores e traballadoras da saúde. É necesario proporcionar equipo de protección persoal axeitado e de calidade, información, capacitación e apoio psicolóxico para facilitar o labor de enfermeiros e enfermeiras, médicos/as e demais persoal implicado na resposta.
Podes seguir a toda a información actualizada que Amnistía Internacional vai elaborando sobre a crise do coronavirus e os dereitos humanos no enlace https://www.es.amnesty.org/especial-coronavirus/