Galicia
Galicia

Zhang Zhan, o xornalismo cidadán e a loita pola liberdade de expresión

张展 – Zhang Zhan defínese coma «xornalista-cidadá», unha práctica xornalística de tipo colaborativo que en Occidente estamos acostumados a ver e consumir. Como consecuencia dun acceso máis amplo a gravadoras de audio e son, por exemplo nun dispositivo tan común coma un móbil, e do acceso a Internet, o xornalismo colaborativo pon ao dispor das […]

张展 – Zhang Zhan defínese coma «xornalista-cidadá», unha práctica xornalística de tipo colaborativo que en Occidente estamos acostumados a ver e consumir. Como consecuencia dun acceso máis amplo a gravadoras de audio e son, por exemplo nun dispositivo tan común coma un móbil, e do acceso a Internet, o xornalismo colaborativo pon ao dispor das novas tecnoloxías e medios tradicionais de comunicación imaxes, vídeos e mesmo pequenas reportaxes cando, por diversas causas, ditos medios non teñen acceso inmediato ao acontecemento. Pensemos, por caso, nun lume nun edificio, posto en coñecemento por diversas canles de xeito inmediato a través do envío de imaxes e vídeos por alguén que está a ser testemuña, moito antes ca os xornalistas poidan desprazarse ao lugar dos feitos.

Hai variedades desta práctica que acadan a condición de auténtica «campaña social». Lémbrese, por exemplo, a iniciativa global en liña Signal for Help (Sinal de axuda), un sinal de alarma que consiste en ocultar o polgar na palma da man para alertar a quen pasa xunto a nós ou está a vernos de que necesitamos axuda, unha práctica que se demostrou especialmente útil en períodos de confinamento, cando as vítimas están máis desprotexidas baixo a vixilancia dos vitimarios.

Pero o xornalismo colaborativo ten unha dimensión moi distinta en contextos (case) totalitarios cun control férreo dos medios de comunicación tradicionais e das non menos vulnerábeis redes sociais. Nestes casos tense falado mesmo de xornalismo guerrilleiro. A economista chinesa Zhang Zhan (graduada pola Universidade de Finanzas e Economía do Suroeste) decidiu converterse en «xornalista cidadá» co gallo do gromo da Covid-19 na cidade de Wuhan en 2020. Desprazouse a dita cidade chinesa e gravou unha serie de vídeos nas rúas para amosar o impacto das medidas de confinamento e como estaba a ser xestionada a crise sanitaria polas autoridades. Se no contexto europeo a novidade da situación e a adopción de medidas, en moitos casos con descoñecemento da súa efectividade exacta, tivo como resultado problemas por conflito de competencia institucional e, en ocasións, unha actitude contestataria por grandes camadas sociais, no caso chinés este tipo de cuestionamento á marxe das canles «oficiais» de información –Zhang difundiu os seus vídeos en YouTube– conduciu ao encarceramento de Zhang (maio de 2020), tortura (Amnistía Internacional trouxo á luz pública que esta muller foi torturada durante alomenos tres meses) e unha sentenza de catro anos de prisión (decembro de 2020) polo cargo de «寻衅滋事» (xúnxìn zīshì), ‘provocar liortas’, un crime castigado polo Artigo 293 do Código Penal da República Popular de China (Revisión de 1997). Agás no caso dos vídeos de Zhang recollidos en outros soportes alén do control gobernamental chinés, a día de hoxe resulta difícil atopar na rede un deses vídeos orixinais debido á censura. Un exemplo pode verse neste vídeo de Amnistía Internacional México.

Dende agosto de 2021 Zhang atópase hospitalizada polas graves consecuencias das folgas de fame intermitentes ás que se someteu –e segue a someterse– co obxecto de acadar a súa liberación. En menos de dúas semanas celebraranse os Xogos Olímpicos de Inverno de Beijing, que terán unha duración duns dezaseis días. Nese período, cando os medios de comunicación de todo o mundo teñan as súas cámaras e micrófonos dirixidos a China, será unha oportunidade única para que os cidadáns do mundo esixan, mesmo a través do xornalismo cidadán, a liberación de Zhang Zhan, símbolo da loita pola liberdade de expresión. Unha ferramenta desa loita é a campaña de sinaturas de Amnistía Internacional.