Galicia
Galicia

Vulneracións do dereito á educación das nenas e mulleres en Afganistán

O 5 de agosto de 2021, os talibáns tomaron o poder en Afganistán e desde ese momento os dereitos humanos – e especialmente os dereitos das nenas e mulleres afgás – están en perigo. Ata entón, as mulleres e nenas podían ter acceso libre tanto á educación primaria e secundaria como á educación universitaria e […]

O 5 de agosto de 2021, os talibáns tomaron o poder en Afganistán e desde ese momento os dereitos humanos – e especialmente os dereitos das nenas e mulleres afgás – están en perigo. Ata entón, as mulleres e nenas podían ter acceso libre tanto á educación primaria e secundaria como á educación universitaria e mesmo ser donas dos seus propios negocios e ocupar cargos políticos. Con todo, agora a gran maioría teñen que quedar na casa, seguindo as novas leis e normas do poder talibán.

É por iso que hoxe a porcentaxe de nenas que poden ir ao colexio é moi reducida e que existe unha clara segregación entre homes e mulleres nas universidades, o cal supón un gran obstáculo para as mulleres e nenas, que ven frustradas en innumerables ocasións as súas carreiras formativas e profesionais.

Un exemplo deste tipo de medidas machistas e discriminatorias é a decisión das autoridades talibás en marzo de 2022 de manter pechadas as escolas para as nenas ata que se deseñaran uniformes escolares en acordo cos costumes e a cultura afgá e coa sharia. Aínsa que os talibáns prometeron que as nenas poderían volver á escola unha vez que os uniformes fosen modificados, a día de hoxe as nenas seguen privadas da posibilidade de ir á escola. Isto é unha violación flagrante do dereito á educación e un golpe importante para o futuro das mulleres afgás.

Ademais, a persecución das mulleres por parte das autoridades non se limita unicamente á educación. Un mes despois desta medida, os talibáns decretaron que todas as mulleres están obrigadas a levar o veo integral – con preferencia o burqa – e evitar todo tipo de movementos « innecesarios ». Desta forma, limítase o dereito á liberdade de movemento, de expresión e de asociación das mulleres, discriminación baseada unicamente en razóns de xénero. É por iso que moitas mulleres nin sequera saen de casa sen un titor masculino e deixaron de realizar outras actividades na esfera pública para evitar así a violencia e as represalias.

A nivel internacional, a Alta Comisionada das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos, Michelle Bachelet, afirmou nun comunicado que « o incumprimento por parte das autoridades de facto dos compromisos de reabrir as escolas para nenas a partir do sexto grao (…) é profundamente prexudicial para Afganistán ». Igualmente, o Secretario Xeral da ONU, Antonio Guterres, manifestou o seu profundo pesar pola suspensión imposta polos talibáns da volta á escola para as nenas de secundaria.

As mulleres afgás xa conseguiran avanzar en moitos dereitos durante os últimos 20 anos a pesar da inestabilidade política e o conflito en Afganistán e agora poderían perder todo o que lograran coa presenza dos talibáns. Desde Amnistía Internacional denunciamos esta situación de discriminación das mulleres e mostramos a nosa máis sincera solidariedade coas nenas e mulleres afgás, defendendo o seu dereito á educación como dereito humano fundamental.

Fontes:

  • « Afganistán: Mujeres y niñas en peligro. ¡Firma para proteger sus derechos! », Amnistía Internacional España: https://www.es.amnesty.org/actua/acciones/afganistan-mujeres- nov21/.
  • « Amnistía Internacional reivindica el derecho a la educación de las niñas afganas », Cadena Ser Castilla y León: https://cadenaser.com/castillayleon/2022/09/22/amnistia- internacional-reivindica-el-derecho-a-la-educacion-de-las-ninas-afganas-radio-castilla/.
  • « La ONU denuncia la decisión de los talibanes de no reabrir las escuelas para todas las niñas », Naciones Unidas. Noticias ONU: https://news.un.org/es/story/ 2022/03/1506102.
  • « «¿Cuál será nuestro futuro?»: talibanes mantienen el veto de la educación a las niñas », France 24: https://www.france24.com/es/medio-oriente/20220323-afganistan- cierre-escuelas-ni%C3%B1as-talibanes.