Galicia
Galicia

Informe sobre a situación das mulleres en conflitos armados: unha reivindación pendente para o próximo 8M 

As mulleres son vítimas dunha violencia estrutural que non cede a ningunha tregua. O machismo e o patriarcado arrasan a vida de millóns de mulleres no mundo. Así, esta violencia que ten lugar contra as mulleres no mundo toma formas moi diversas, que van desde a discriminación, ata a exclusión ou a violencia física. Esta […]

As mulleres son vítimas dunha violencia estrutural que non cede a ningunha tregua. O machismo e o patriarcado arrasan a vida de millóns de mulleres no mundo. Así, esta violencia que ten lugar contra as mulleres no mundo toma formas moi diversas, que van desde a discriminación, ata a exclusión ou a violencia física. Esta situación vese aínda empeorada en contextos complexos e de grandes dificultades, como pode ser os casos dos conflitos armados. É por iso, que o novo informe de Amnistía Internacional “Mulleres, nenas e conflitos armados” pon o foco na violencia que viven hoxe en día as mulleres en situacións de conflitos bélicos, e isto a tan só unhas semanas da celebración do 8M, o Día Internacional da Muller.

En primeiro lugar, o informe subliña que as desigualdades de xénero fanse evidentes e increméntanse en situacións de conflito bélico. Nestes casos, as mulleres sofren, entre outros, desprazamentos forzados, violencia sexual individual e colectiva, escravitude sexual, traballo escravo, matrimonios infantís ou mesmo son en moitas ocasións recrutadas como nenas soldado. 

Así, non podemos esquecer que non todos os conflitos que están a acaecer no mundo teñen a mesma cobertura mediática, o que provoca que en moitas ocasións as mulleres sexan silenciadas e esquecidas. Polos medios de comunicación, non as oímos falar, por exemplo, na guerra de Siria, nin en Myanmar, nin nos conflitos de África. Con isto, non se pretende por suposto negar a importancia doutros conflitos que si que teñen unha maior cobertura –como é o caso de Gaza, Ucraína ou Afganistán– senón subliñar que non pode haber unha xerarquía entre os mesmos e que todas as mulleres vítimas de violencia –dá igual o contexto bélico no que se atopen– deben de ser escoitadas e respectadas.

Ademais, mesmo conflitos que teñen hoxe en día unha ampla cobertura mediática son testemuñas da violencia sistemática feita ás mulleres. Por exemplo, a guerra en Gaza caracterízase pola súa falta de axuda humanitaria, ademais de que os ataques continuos nos centros de saúde impiden o acceso á atención sanitaria, incluíndo a atención materna e obstétrica necesaria, expoñendo a nais, mulleres embarazadas (50.000) e fillos/as a riscos de saúde graves. Situacións similares ocorren en Ucraína –dificultade de acceso a recursos básicos, violencia sexual…– e en Afganistán, onde as mulleres non poden volver ao seu traballo, nin desprazarse se non van acompañadas e onde as nenas de máis de 12 anos non teñen acceso á educación. 

“Estaba na casa coa miña nai e a miña avoa cando chegaron dous mozos con fusís sobre as 11 da mañá…Dixéronnos: “Violaron ás nosas familias e agora tócanos a nós violarvos”. Un violoume a min no patio e o outro violou á miña nai dentro da casa. Agora a miña nai está moi enferma, está moi deprimida e angustiada. Nunca falamos do que pasou. É imposible”. (Lucy, 14 anos. Etiopía)

Hoxe en día, as mulleres son moi frecuentemente tratadas como botín de guerra e polo tanto vítimas de secuestros, violacións, escravitude sexual, trata e prostitución e matrimonios ou embarazos forzados. Ademais, este tipo de situacións veñen acompañadas en practicamente todos os casos por un forte estigma social, do que non conseguen desfacerse. As mulleres son perseguidas, abusadas e violentadas de maneira constante e sistemática nestes conflitos de guerra, sen que os Estados sexan capaces de controlar e poñer fin a esta deleznable situación. Por exemplo, debido á guerra en Ucraína, aumentou a violencia de xénero intrafamiliar e a violencia sexual contra as mulleres. Ademais están abandonadas polas autoridades. Igualmente, no caso de Ucraína, cabe subliñar a ameaza das mafias que están á espreita sobre as mulleres e nenas e nenos que foxen da guerra.

Desde unha perspectiva interseccional, o informe de Amnistía Internacional denuncia como o poder patriarcal subxace detrás de todo este sistema de discriminacións, buscando –entre outros– a deshumanización e cousificación das mulleres e a extensión dun medo constante entre a poboación. É por iso que Amnistía Internacional avoga polo cumprimento do dereito internacional e por unha protección integral e responsable das mulleres en contextos de conflito bélico, así como unha reparación xusta das vítimas e unha inserción e protección despois do conflito. 

Fontes:

https://www.es.amnesty.org/en-que-estamos/blog/historia/articulo/la-mujer-y-los-conflictos-armados/

https://www.es.amnesty.org/en-que-estamos/blog/historia/articulo/los-derechos-de-ninos-durante-un-conflicto-armado/