Votar non á moratoria, é votar si a un “tsunami” de desafiuzamentos de 70.000 familias vulnerables en todo o Estado.
As familias en risco de desaloxo seguen en perigo: os colectivos sociais seguirán loitando por manter a protección contra os desafiuzamentos.
A coalición de entidades #NiUnDesahucioMás, unha plataforma de 100 entidades unidas contra as expulsións sen alternativa habitacional queremos manifestar que é necesario recuperar a vixencia do escudo social, porque os fondos de investimento estaban xa solicitando a execución masiva de desafiuzamentos. Todos estes procedementos débense deter de novo, co apoio dos colectivos de vivenda e os/as letrados/as das familias en risco. Lamentamos que familias en situación de vulnerabilidade e en risco de sufrir un desaloxo, tivesen que sufrir as consecuencias da falta de acordo político, enfrontándose a situacións de rúa.
Desde os movementos sociais consideramos que non era necesario separar o escudo social das pensións. A quen se debe protexer é ás familias en risco de desafiuzamento. A Plataforma esixe que durante este mes, non haxa máis escusas. A prioridade deben ser as familias en risco de desafiuzamento.
Como exemplo, Cataluña, onde 13.000 familias están pendentes dun desafiuzamento se non se converte a medida en definitiva. Mentres, os propietarios das vivendas en risco de desaloxo foron compensados con 8.000.000€. Máis do 80% das solicitudes de compensación do ano 2025 foron de empresas propietarias de inmobles. Este dato demostra que quen está detrás da maioría dos desafiuzamentos son os grandes posuidores e non os pequenos propietarios particulares.
O novo decreto incorpora o bono enerxético, axudas pola DINA, bonificacións fiscais e a prórroga da prohibición dos desafiuzamentos. Despois de reunións ata o último minuto pechouse un acordo no Consello de Ministros que establece a separación do anterior escudo social en dous decretos, un para resolver a subida das pensións e outro para prorrogar o escudo social.
Segue sendo insuficiente porque consideramos urxente resolver esta situación con medidas estruturais e cunha normativa específica. Non podemos seguir con máis moratorias. O Goberno e os diferentes grupos parlamentarios coñecen as nosas reivindicacións e ten que traballar por resolver este problema adoptando unha norma que conte coa participación dos colectivos sociais que loitamos contra os desafiuzamentos.
Recuperamos temporalmente o escudo social grazas á presión social e agora é imprescindible deter os miles de procedementos de desafiuzamento que se activaron. Esperamos que nun mes o Congreso valide o novo decreto sen ningún tipo de escusa por parte dos partidos políticos, sen máis dilacións, nin rebaixas. Xa non hai escusas para adoptar a moratoria. Esperamos que se vote de maneira urxente a mesma. Se volven votar en contra como o fixeron o 27 de xaneiro demostraría que defenden os intereses das grandes corporacións e aos fondos de investimento.
Votar non á moratoria, é votar si a un “tsunami” de desafiuzamentos de 70.000 familias vulnerables en todo o Estado.
