Galicia
Galicia

O próximo 3 de abril, máis de dous anos despois da súa detención inicial, 11 persoas escoitarán unha sentenza pola que se arriscan a penas de ata 15 anos de cárcere polo seu activismo en favor dos dereitos humanos.

Entre estas 11 personas atópanse o expresidente de Amnistía Internacional Turquía, Taner Kiliç, a exdirectora, Idil Eser, e varios membros da organización, así como activistas que traballan polos dereitos das mulleres e en prol da igualdade.

Na madrugada do 6 de xuño de 2017, Taner Kiliç, naquela altura presidente de Amnistía Internacional Turquía, foi detido no seu domicilio na localidade de Esmirna, e, tres días despois, suxeito a prisión preventiva por acusacións, sen ningunha proba, de pertencer ao que o goberno chama “Organización Terrorista Fethullahista”.

Menos dun mes despois, o 5 de xullo, 10 defensoras e defensores dos dereitos humanos -dende entón coñecidos como os 10 de Estambul-, foron detidos e acusados de participar nunha reunión secreta, mentras se atopaban asistindo a un obradoiro sobre benestar e seguridade dixital.

Na primeira vista sobre o caso, o tribunal pediu que a causa contra Taner fose transferida a Estambul, alegando que Taner tiña dirixido a suposta reunión secreta -a pesar de que cando tivo lugar el estaba no cárcere- quedando finalmente as dúas causas diferentes fusionadas nunha soa. O fiscal presentou información e documentos atopados nos ordenadores dos 10 de Estambul que demostraban o seu activismo lexítimo en favor dos dereitos humanos, como material sobre unha campaña pola liberación de docentes que se atopaban en folga de fame ou doutra campaña para tentar deter a venda de gas lacrimóxeno a Turquía.

Na vista máis recente, celebrada en novembro de 2019, o fiscal emitiu a súa opinión final, pedindo que se declare culpable a Taner Kiliç de “pertenza a unha organización terrorista” e a Idil Eser, Özlem Dalkıran, Günal Kurşun, Veli Acu e Nejat Taştan de “axudar, consciente e voluntariamente, a unha organización terrorista”. O fiscal pediu ao tribunal que absolva a Nalan Erkem, İlknur Üstün, Şeyhmus Özbekli, Ali Gharavi e Peter Steudtner.

Máis de dous anos despois da súa detención inicial, o pasado 19 de febreiro celebrouse a vista final, da que as 11 persoas defensoras dos dereitos humanos deberían resultar absoltas, xa que non se ten presentado ningunha proba fundada dos cargos polos que foron acusadas. Se algunha destas persoas é declarada culpable, podendo enfrontarse a penas de ata 15 anos de prisión, suporía un terrible golpe para a sociedade civil independente de Turquía. Ademais, catro dos 11 defensores e defensoras son avogados, arriscándose a perder a súa licenza e a non poder voltar a exercer a avogacía.

Este caso tivo unha grande repercusión en todo o mundo, xerando un enorme apoio e solidariedade, que contou con máis de dous millóns de persoas asinantes da petición para a excarceración e a retirada dos cargos contra estes defensores e defensoras dos dereitos humanos.

Gobernos, institucións e representantes políticos de todo o mundo, así como numeras persoas do mundo da arte, como Zoë Kravitz, Ben Stiller, Mark Ruffalo, Whoopi Goldberg, Zach Galifianakis, Annie Lennox, Bono, Peter Gabriel, Juliette Binoche, Jane Birkin, Angélique Kidjo, Patrick Stewart, Sting, Catherine Deneuve e Ai Weiwei, pediron a liberación dos 11 defensores e defensoras e a retirada dos infundados cargos polos que son inxustamente acusados e acusadas.

O apoio internacional chegado de todo o mundo ten significado moito para os e as 11 activistas e tenlles dado forzas para seguir adiante coa súa defensa dos dereitos humanos.

O 3 de abril é unha data crucial para estas persoas e para todos e todas nós, porque cando se silencia ás personas que defenden os nosos dereitos, todos e todas corremos perigo.