Galicia
Galicia

Os artistas Faks, Israel López, Xela G. Caballo, Cristina López e Luis Sendón firmarán mañá, venres, ás 19.00 horas exemplares despois dunha charla presentada pola coordinadora de AI A Coruña.
A presentación terá lugar no stand da organización, onde poderá verse a exposición das obras que compoñen esta cuarta edición.

David Fajardo, Faks; Israel López, Xela G. Caballo, Cristina López e Luis Sendón participarán mañá na presentación da cuarta edición do fanzine Nai dos Desterrados, o cómic editado por Amnistía Internacional A Coruña para concienciar sobre os Dereitos Humanos. A firma terá lugar mañá, venres, ás 19.00 horas despois dunha charla cos autores que presentará Marga González, coordinadora de AI A Coruña. O lugar será o stand da organización, onde ata o próximo día 23 pode verse a exposición coas viñetas que compoñen a banda deseñada deste ano.

O fanzine repártese de maneira gratuíta nos postos da feira. Unha vez rematado  o salón do cómic, a partir do mes de setembro estará dispoñible nas librarías especializadas de Galicia.

Con esta banda deseñada, o grupo local de AI quere concienciar sobre os Dereitos Humanos aos máis novos. En cada edición, unha serie de artistas colaboran de maneira altruísta e seleccionan algún tema do seu interese, sempre vinculado aos defensores e defensoras dos Dereitos Humanos ou sobre estes dereitos. Campos de refuxiados, a guerra, Lydia X.Z. Brown, a defensora Michelle Dawson, a transfobia e homofobia, migración, Sáhara ou a vulneración dos dereitos das comunidades indíxenas son algunhas das temáticas que se poden  ler nesta cuarta edición de Nai dos Desterrados.

Sen a colaboración desinteresada dos autores, sería imposible publicar este fanzine. Este ano colaboran:

  • Blanca Vila: ten formación como ilustradora na Pablo Picasso, combina os talleres e clases de pintura con encargos de ilustracións personalizadas para particulares ou empresas como un festival ou un produto comercial. A súa historia: “Soñar despierta”.
  • Faks: nado na Coruña. Cursa o ciclo de FP de Ilustración na Pablo Picasso. Coñecido pola súa temática fantástica, ten participado en publicacións como Contos estratos. Ilustrou a novela As aventuras de Margaret White ou o xogo de mesa Crichers. “Historias”.
  • Ness Morais: Ilustradora e deseñadora gráfica. Naceu en Alemaña e agora vive nunha casiña antiga no rural. Estudou na Escola de Arte Antnio Faílde de Ourense e na Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Se non está debuxando, é probable que se encontre cambiando algunha planta de maceta. “Lydia y Michelle”.
  • Ismael López (Allariz, Ourense, 2002) “Soño dende ben cativo con poder sen alguén no mundo do cómic”. Leva dez fanzines autoeditados e conta con varios premios como Certame de Banda Deseñada Axi, Certame do Cómic de Cangas (categoría B) ou no Concurso de Viñetas Xénero, Medios e Comunicación. “Hijo, ¿de qué querías hablarme?”.
  • Xela G.Caballo (Compostela,1998) comezou no mundo da ilustración aos 9 anos realizando unha serie de debuxos para o número 45 da Revista Galega de Educación. Gañou o concurso Viñetas de igualdade de xénero en 2017 e participou no Catálogo de mulleres ilustradas,  2018. Nai de 57 cactus e un poto. Está a intentar escribir un libro, pero aínda non pasou da segunda páxina. “Lonxe”.
  • Miguel Cuba (Lugo, 1982). Doutor en Belas artess pola Universidade de Vigo. Combina a faceta investigadora académica coa súa carreira como artista visual, ilustrador e autor de banda deseñada. Desfrutou das becas artísticas Casa Velázquez de Madrid, Colexio de España en París e Academia de España en Roma. Das  súas mostras individuais cómpre destacar L’akrasie, Iconville. A cidade dos signos ou Visiones de Babilonia. Publicou Punto de Fuga e participou en O puño e a letra de Yolanda Castaño. “Mar de silencio”.
  • Cristina López, Venus Edge. Enfermeira. Cursou Ilustración na Pablo Picasso, para seguir a súa vocación. Na actualidade, estuda no garaxe hermético onde ten conseguido participar nalgunhas publicacións no Diario de Pontevedra, exposición colectivas, e é portadista do libro Infiniteca da colección Cornelius“Presas”.
  • Rubén Rial. (Basilea, 1991). Ilustrador, debuxante de cómics e facedor de fanzines cando cadra. Colaborou con páxinas e debuxos en publicacións colectivas, ademais de contar con varios traballos de temática histórica como Unha historia de Vimianzo (2018), así como outras ilustracións de carácter divulgativo. “Un pobo asolagado”.
  • Luis Sendón (A Coruña, 1981). Traballa como ilustrador e deseñador gráfico desde hai máis de 15 anos. Especializado na creación de todo tipo de artes para grupos e festivais musicais, ten ilustrado varios libros. Membro do colectivo Polaqia, firmou numerosos cómics para a revista Barsowia. Ten editado álbumes escritos por Álvaro López, 38 e Sálpock: o val dos cegos. Actualmente codirixe o selo de cómic Altar Mutante, onde publica regularmente Reino D’Muertos (con guións de Manuel Cráneo) e Amair (con guión de Kike Benlloch). Luis foi o encargado da portada, que podedes ver na imaxe superior e ao que lle agradecemos o resultado obtido.