III Concurso Xuvenil de Microrrelatos da Rede de Escolas de Amnistía Internacional – Grupo de Acción Local do Barbanza
A Rede de Escolas de Amnistía Internacional e o Grupo de Acción do Barbanza convocan o III Concurso Xuvenil de Microrrelatos baixo o lema “Eu véxote”, sobre a visibilización da loita feminista que está a medrar nos últimos tempos.
Este concurso literario ten como obxectivo fomentar a defensa dos dereitos humanos entre o alumnado de educación secundaria, centrándose, nesta edición, na maior visibilidade que está a acadar a loita feminista, exemplo paradigmático dunha loita de séculos que hoxe serve como modelo para outras accións en defensa dos dereitos humanos.
Neste certame establécense dúas modalidades, a primeira das cales conta con dúas categorías, en función da idade:
Modalidade 1: Premio ao microrrelato mellor valorado polo xurado
Categoría A: Autoras/es con idades comprendidas entre 12 e 13 anos.
Categoría B: Autoras/es con idades comprendidas entre 14 e 16 anos.
Modalidade 2: Premio ao microrrelato máis popular
Os textos presentados colgaranse na páxina de Facebook de Amnistía Internacional Barbanza
Durante un prazo dunha semana desde a súa publicación, as/os seguidoras/es desta páxina poderán votar mediante a opción «gústame». Aquel relato que máis votos obteña será o gañador. Na publicación, para preservar a obxectividade, non aparecerá o nome do/a autor/a e os relatos inseriranse aleatoriamente.
Os microrrelatos deberán ser orixinais e inéditos, cunha extensión máxima de 250 palabras, sen incluír o título, e poderán redactarse en galego ou castelán. Cada participante poderá presentar un único texto. O alumando pode enviar os seus textos desde o 13 de xaneiro ata o 28 de febreiro de 2020 (ámbolos dous incluídos) ao enderezo barbanza@es.amnesty.org, indicando o seu nome e apelidos, idade, centro escolar, correo electrónico, teléfono de contacto e título do microrrelato.
O Premio ao microrrelato mellor valorado polo xurado consistirá nun cheque de 100 € para gastar nunha librería da zona. O Premio ao microrrelato máis popular consistirá nun cheque de 50 €, para ser empregado igualmente nunha librería do Barbanza.