Galicia
Galicia

Continúa a represión das mulleres en Irán un ano despois da morte de Mahsa Amiri

Este 16 de marzo cúmprese un ano do asasinato de Mahsa Amini por parte do goberno iraniano. Lonxe de mellorar, a situación no país segue sendo crítica un ano máis tarde e os dereitos humanos son vulnerados de maneira sistémica polo goberno e os seus múltiples órganos de represión. En efecto, un lamentable caso que […]

Este 16 de marzo cúmprese un ano do asasinato de Mahsa Amini por parte do goberno iraniano. Lonxe de mellorar, a situación no país segue sendo crítica un ano máis tarde e os dereitos humanos son vulnerados de maneira sistémica polo goberno e os seus múltiples órganos de represión.

En efecto, un lamentable caso que arrasaba a prensa internacional este mesmo mes foron os envelenamentos no mes de novembro de 18 de adolescentes que estudaban no conservatorio de Noor cun gas tóxico e tamén outros colexios de Irán. As estudantes relataron percibir un cheiro a froita podre ou mesmo produtos clorados, como a lixivia, antes de caer enfermas. En decembro, outras 51 nenas dese mesmo conservatorio foron hospitalizadas con síntomas semellantes. Desde entón, varios centenares de escolares iranianas acabaron ingresadas por síntomas de envelenamento por algún tipo de gas tóxico. O obxectivo de tales ataques foron exclusivamente escolas de nenas, excepto nun único caso, no que tamén un colexio masculino foi atacado.

Así, ante tal horrible caso de violencia, o viceministro de Sanidade asegurou que o obxectivo de tales ataques era que se pechasen as escolas de nenas, antes de afirmar que fora “malinterpretado” con respecto a estas declaracións. As palabras exactas do ministro foron as seguintes: “O que quedou claro é que algunhas persoas querían que se pechasen todas as escolas, especialmente as de nenas”. En calquera caso, se este fose o obxectivo do goberno, poderiamos dicir que xurdiu sen dúbida efecto debido a que nos tres meses transcorridos desde o primeiro incidente, o medo a novos ataques levou a numerosas familias a impedir ás súas fillas que vaian a clase.

Os posibles ataques con gas tóxico contra estudantes suceden no medio dunha grave crise de lexitimidade do réxime iraniano, que se viu agravada pola represión das protestas desencadeadas, como mencionabamos, pola morte de Mahsa Amini.

Esta represión e afogo constante dos dereitos humanos non é un acto illado senón que se inscribe nunha política de represión levada a cabo polo réxime desde hai xa máis dun ano. Por dar algúns exemplos da amplitude desta política represiva é o feito de que ao redor de 500 manifestantes resultaron mortos nas protestas. Ademais, segundo varias ONG iranianas no exilio, hai actualmente no país uns 20.000 detidos e catro condenas a morte en relación coas protestas.

Segundo a ONU, un 85,5% das iranianas maiores de 15 anos están alfabetizadas e o 60% das persoas que van á universidade son mulleres. En 1979, cando se instaurou a República Islámica, o 50% da poboación era analfabeta e o 60% deses iletrados eran mulleres. Estes datos indican que nos 44 anos do réxime iraniano, a educación das mulleres e das nenas progresou, aínda que sofren limitacións de gran calado con respecto aos homes. Con todo, en 2012, máis de 30 universidades de Irán prohibiron a presenza de mulleres en case 80 carreiras de diversas especialidades, desde física nuclear a negocios ou arqueoloxía, entre outros moitos estudos. Ademais, a pesar do seu elevado perfil educativo, moitas iranianas non logran atopar un traballo e representan menos do 20% da forza laboral do país, segundo o Banco Mundial. Os postos institucionais de poder, como o de presidenta ou xuíza, estanlles vedados.

Ademais, temos que salientar que os posibles envelenamentos a estudantes en Irán non son os primeiros ataques dirixidos contra mulleres que se producen no país. En 2014, na provincia de

Isfahán, a uns 400 quilómetros ao sur de Teherán, rexistrouse unha onda de ataques con ácido contra mulleres, que quedaron desfiguradas e, en moitos casos, perderon parcial ou totalmente a vista, despois de que un clérigo radical chamase a castigar as mulleres que non levasen ben colocado o veo.

Aínda que é certo que a Fiscalía anunciou unha investigación sobre o acaecido, hai serias dúbidas na comunidade internacional sobre o desenlace xudicial deste axuizamento, nun país onde o Estado de dereito e o respecto aos dereitos humanos brillan pola súa ausencia.

Fontes :

  • “Cientos de adolescentes, envenenadas supuestamente con un gas tóxico en decenas de colegios en Irán”, El País: https://elpais.com/internacional/2023-03-01/cientos-de-adolescentes-envenenadas-supuestamente-con-un-gas-toxico-en-decenas-de-colegios-de-iran.html?rel=buscador_noticias
  • “Irán libera al director de cine Mohammad Rasoulof, encarcelado ocho meses por criticar la represión del régimen”, El País: https://elpais.com/internacional/2023-02-14/iran-libera-al-director-de-cine-mohammad-rasoulof-encarcelado-ocho-meses-por-criticar-la-represion-del-regimen.html?rel=buscador_noticias
  • “La ajedrecista Sara Khadem, exiliada en España, será arrestada si vuelve a Irán”, El País: https://elpais.com/ajedrez/actualidad/2023-02-15/la-ajedrecista-sara-khadem-exiliada-en-espana-sera-arrestada-si-vuelve-a-iran.html?rel=buscador_noticias