Máis de 400 organizacións únense para reclamar o fin dos controis policiais racistas no Día Internacional Contra a Discriminación Racial
As paradas, identificacións e redadas racistas teñen graves consecuencias para as persoas, afectando á súa saúde física e emocional
- A sociedade civil impulsou múltiples iniciativas para que se incorporen formularios de parada nas actuacións policiais, mesmo mocións en diferentes concellos
- O vindeiro martes 24 diversos colectivos reúnense en Vigo para compartir estratexias fronte ao racismo e valorar accións conxuntas.
Co gallo Día contra a Discriminación Racial, que se conmemora este 21 de marzo, e baixo o lema «Parade o racismo e non ás persoas», organizacións como Amnistía Internacional, Rights International Spain, Red Acoge, Fundación Secretariado Gitano, IRIDIA, Defender a Quien Defiende, a Coordinadora de ONGD e así ata 400 entidades de toda España, uníronse á campaña para reclamar medidas urxentes e concretas para facer efectivos os principios de igualdade e non discriminación en todas as actuacións policiais.
As organizacións denuncian que as paradas, identificacións e redadas racistas teñen graves consecuencias para as persoas, afectando á súa saúde física e emocional, ao verse sometidas a controis inxustificados que as obrigan a ter que identificarse, e mesmo ser cacheadas en espazos públicos. En xeral, falamos dunha práctica que profunda a estigmatización social á vez que vulnera liberdades e dereitos fundamentais.
Para as persoas migrantes, incluídas as que están en procesos de regularización, as consecuencias poden ser dramáticas porque poden incluír a expulsión ou a dilación na obtención de permisos de residencia e traballo se a policía as para e as multa ou lles impón algún tipo de sanción.
Ademais, as recentes negociacións no marco da UE en materia de retorno son alarmantes. Co novo Regulamento de Retorno en debate no Parlamento Europeo póñense en risco os dereitos máis básicos. Ábrese a porta a paradas con perfil racial, redadas en espazo público, deportacións e máis vixilancia, achegando á Unión Europea ao modelo do ICE en EE.UU., priorizando a coerción fronte á protección.
Un problema documentado e sinalado por organismos internacionais
A Axencia de Dereitos Fundamentais da Unión Europea, o Consello de Europa e organismos de Nacións Unidas denunciaron estas prácticas en España e pediron a súa expresa prohibición.
Diversas investigacións puxeron cifras ao racismo nas actuacións policiais. No Estado español, un estudo de observación directa realizado pola Asociación Pro Derechos Humanos de Andalucía (APDHA) na estación de autobuses de Granada en 2016 revelou que por cada persoa branca identificada parábase a 42 persoas negras.
Outros datos mostran que por cada persoa de nacionalidade española identifícase a máis de sete persoas estranxeiras.
A nivel europeo, a Axencia de Dereitos Fundamentais da Unión Europea (FRA), nun informe de 2024, baseado nunha enquisa a 6.752 inmigrantes e descendentes de inmigrantes procedentes de países do África subsahariana en 13 Estados membros da Unión Europea, sinalaba que as persoas negras teñen un maior risco de ser obxecto de controis policiais. Un 34% de mozos entre 16 e 24 anos foi interpelado por forzas da orde nos cinco anos anteriores á investigación. En España o 34% dos homes afrodescendentes foron obxecto de paradas e identificacións policiais. Entre as persoas ás que a policía detivo durante o ano anterior ao informe, o 58% considerou que a súa última detención debeuse á discriminación racial. España, cun 66%, é o segundo país coa taxa máis alta.
Ante esta situación, o Comité para a Eliminación da Discriminación Racial de Nacións Unidas instou ao Estado español a “tomar as medidas necesarias para poñer fin de maneira definitiva aos controis de identidade baseados en perfís raciais e étnicos”, así como a garantir a súa investigación e sanción.
Impacto nas persoas afectadas
Máis aló dos datos, as organizacións denuncian o impacto directo que estas prácticas teñen na vida das persoas afectadas. As paradas policiais inxustificadas implican controis de identidade e mesmo cacheos en espazos públicos que xeran afectacións na saúde física e emocional, ademais de reforzar a estigmatización social e a criminalización das persoas migrantes e racializadas.
Esta realidade afecta tamén a adolescentes e persoas mozas, quen non só se ven sometidos a controis desproporcionados, senón que experimentan un impacto negativo na súa identidade e sentimento de pertenza, ao verse sinalados como sospeitosos, tal e como sinala este mozo de orixe colombiana:
“Estabamos a tomar un café nunha terraza, había varias mesas ocupadas pero a policía só identificou aos que pareciamos estranxeiros, cando lle preguntei díxome que lle parecía estraño que eu estivese a tomar alí un café porque facía frío”.
Negación institucional e falta de mecanismos efectivos
Un dos principais obstáculos para abordar esta problemática é a súa negación por parte das autoridades implicadas, que adoitan limitarse a sinalar que se trata de casos illados atribuíbles a comportamentos individuais, sen querer recoñecer a existencia dunha práctica estrutural. Con todo, organizacións de dereitos humanos e colectivos sociais levan anos denunciando que se trata dunha práctica arraigada como método de control migratorio, que contribúe a xerar desconfianza cara ás forzas policiais, aumenta a infradenuncia de vulneracións de dereitos e reforza o sentimento de indefensión entre as persoas afectadas.
As organizacións lembran a necesidade de incluír na lei unha prohibición explícita das identificacións policiais baseadas no perfil racial ou étnico, conforme ao principio de igualdade e non discriminación, pedindo que se faga no artigo 16 da Lei de Seguridade Cidadá.
“Ía coa miña moza que conducía a súa moto, parounos a policía para pedir os papeis da moto pero en canto me quitei o casco viñeron cara a min, e a quen lle pediu os papeis foi a min e non ela, ela protestou porque era ela quen conducía pero nin caso, pedinlle que non protestase porque a experiencia me di que só podía prexudicarme, é triste pero é así. Despois de 10 minutos deixáronnos marchar, preguntei por que me pediran documentación, dixeron só que estaban a facer o seu traballo, pero en ningún momento identificárona a ela, ao final arruináronnos a noite, faste a pregunta, se eu fose branco, pediríanme os papeis?”, narra Thimbo Samb, actor e activista senegalés, en primeira persoa.
Formularios de parada: unha ferramenta de prevención
Ante esta situación, as organizacións adheridas reclaman medidas concretas para erradicar esta práctica discriminatoria, concretamente a implementación de formularios de parada, rexistro e identificación nas actuacións policiais, seguindo as recomendacións do Defensor do Pobo.
Estes formularios permiten documentar obxectivamente as motivacións, o contexto e os resultados das intervencións policiais, facilitando a identificación de posibles prácticas discriminatorias. Ademais, contribúen a mellorar a transparencia institucional, reforzar a calidade do traballo policial e fortalecer a confianza entre a cidadanía e as Forzas e Corpos de Seguridade.
As organizacións subliñan que “o éxito desta ferramenta depende de que os datos recollidos permitan identificar os grupos de poboación afectados, as razóns das intervencións e os seus resultados, así como de garantir a transparencia na comunicación pública da información”.
Os formularios axudan a detectar e previr posibles prácticas discriminatorias, especialmente cara a persoas migrantes ou racializadas. Para iso, deben integrarse nun sistema de rexistro accesible para supervisión independente, con datos desagregados que permitan detectar patróns discriminatorios. Así mesmo, consideran imprescindible que a sociedade civil participe no deseño, desenvolvemento e avaliación destes sistemas de rexistro.
Mobilizacións e accións en distintas cidades
No marco da campaña “Parade o racismo e non ás persoas”, as organizacións adheridas realizarán durante as próximas semanas accións de sensibilización e mobilización en diferentes cidades, con actividades públicas destinadas a visibilizar a existencia dos controis policiais racistas e reclamar medidas efectivas para a súa erradicación.
Nesta liña realizaranse actos en localidades como Cáceres, Granada, Málaga, Murcia, Palma de Mallorca, Toledo e Valencia e presentaranse mocións pedindo o establecemento de formularios de parada por parte das forzas e corpos de seguridade en concellos como os de Valencia, Salamanca e Barcelona. O martes 24 terá lugar un encontro de organizacións de persoas migrantes e que traballan con persoas migrantes no local de Amnistía Internacional en Vigo para artellar accións conxuntas contra o racismo nos próximos meses.
As entidades lembran que visibilizar esta práctica é un obxectivo fundamental, dado que se trata dun problema endémico que segue sendo sistematicamente negado en España, malia a evidencia acumulada durante anos.
Conclúen que poñer fin aos controis policiais racistas é unha condición imprescindible para garantir o principio de igualdade e non discriminación, así como para avanzar cara a unha sociedade máis xusta, inclusiva e respectuosa cos dereitos humanos.
