«Estamos aquí para rexeitar de forma conxunta unha onda de aporofobia na nosa cidade e tamén no conxunto do Estado, que está sendo alimentada por determinados discursos e posturas reaccionarias. Estamos observando unha combinación de actos individuais de violencia, rexeitamento e criminalización que nos preocupan enormemente e que percibimos cada vez con maior
frecuencia na nosa cidade.»
O venres 20 de novembro o Foro Socioeducativo As Ninguéns convocou unha concentración en Vigo, na Praza do Migrante, contra a aporofobia e o discurso de odio. A mobilización foi apoiada por Amnistía Internacional, así como pola CGT, a Acampada de Vigo e outras organizacións e partidos políticos. Reproducimos a continuación o manifesto de As lido nesta mobilización.
Hoxe estamos aquí para rexeitar de forma conxunta unha onda de aporofobia na nosa cidade e tamén no conxunto do Estado, que está sendo alimentada por determinados discursos e posturas reaccionarias.
Estamos observando unha combinación de actos individuais de violencia, rexeitamento e criminalización que nos preocupan enormemente e que percibimos cada vez con maior frecuencia na nosa cidade.
Eses actos individuais teñen responsables claros, persoas que deben responder polas súas accións. Pero non podemos deixar de lembrar que, moitas veces, o paso deste tipo de pensamentos á acción ten moito que ver cun caldo de cultivo, cun contexto social favorable a determinados discursos que alimentan o odio, a deshumanización e o desprezo cara ás persoas empobrecidas.
Discursos que, en ocasións, envalentonan a quen comparte estas ideas e poden xerar unha sensación de impunidade á hora de cometer actos discriminatorios e violentos.
Queremos lembrar o sucedido recentemente na Travesía do Forno, onde se provocou un incendio nunha infravivenda na que vivían persoas empobrecidas e migrantes en situación de vulnerabilidade. De auténtico milagre non estamos hoxe lamentando perdas humanas. E lembramos tamén o gravísimo episodio sufrido por outro compañeiro sen fogar na avenida de Beiramar, ao que un home lle prendeu lume a un dos colchóns que utilizaba para protexerse do frío mentres durmía na rúa. Unha actuación que puido acabar nunha traxedia e pola que o presunto agresor foi detido e investigado por tentativa de homicidio. O detido manifestou expresamente que agrediu á vítima polo feito de ser estranxeira; é dicir, unha motivación xenófoba desacomplexada.
O delito de aporofobia no Código Penal que, nalgúns supostos, pode estar castigado con ata catro anos de prisión foi un avance histórico. Pero estamos vendo que algunhas das primeiras sentenzas, tanto na nosa comunidade como no conxunto do Estado, están moi lonxe de corresponderse coa extrema gravidade duns delitos tan aberrantes.
Están sucedendo cousas moi graves. E non podemos permitir que estes feitos se normalicen nin que o odio e a deshumanización continúen avanzando na nosa cidade. Por iso, cremos imprescindible continuar visibilizando esta realidade, dicindo alto e claro que a aporofobia existe e non deixa de aumentar.
Pero tamén queremos falar doutra dimensión da aporofobia, a institucional.
Coñecemos non poucos casos de compañeiros e compañeiras que se senten absolutamente cuestionados en determinados dispositivos e recursos nos que deberían recibir atención e protección.
Existe un discurso que intenta desacreditar constantemente estas persoas, presentalas como mentireiras, incumpridoras dos itinerarios de intervención, persoas que dramatizan a súa situación, que esaxeran as súas necesidades ou que pretenden aproveitarse dos recursos públicos. É dicir, estigmatízase permanentemente o seu perfil e trasládaselles a responsabilidade da situación de exclusión na que se atopan.
Vímolo no macrodesaloxo de Beiramar, onde varias decenas de persoas foron expulsadas dun espazo no que malvivían en condicións absolutamente indignas, despois de que mesmo se producise unha morte nese lugar. Falamos de persoas que estaban sobrevivindo nunha antiga nave frigorífica, en condicións extremas, cunha enorme desprotección social.
Cando se produciu aquel desaloxo, aos poucos días trasladouse publicamente a idea de que a situación destas persoas estaba resolta. Pero nós sabemos perfectamente, porque estivemos alí e seguimos acompañando a varias delas, que non era certo.
O mesmo ocorreu coa estación de Vialia, onde máis dunha decena de persoas foron desaloxadas e pouco despois se trasladaron declaracións públicas sobre as alternativas asistenciais ofrecidas, dando unha imaxe de resolución que non se correspondía coa realidade.
Ofrecer uns días de albergue temporal, con colas de agarda para acadar unha praza dispoñible, non significa resolver unha situación de senfogarismo.
Cando o Concello saca peito deste recurso, con moito orgullo, e tantas veces traslada que as persoas que non acoden é porque non saben seguir a disciplina e as normas, está reproducindo un discurso profundamente reaccionario.
Saben perfectamente as razóns polas que moitas persoas deciden non acudir ao albergue, aínda que para tomar esa decisión primeiro tería que haber prazas dispoñibles. E sabemos que no albergue municipal hai 38 prazas nunha cidade de 300.000 habitantes. E queremos lembrar o perigosísimo que resulta que desde posicións de poder se desacrediten ou minimicen estas situacións. Existe unha desigualdade evidente entre o altavoz público que pode ter un alto cargo político e a capacidade que ten unha persoa que vive na rúa para explicar as penurias que está sufrindo ou para explicar a súa realidade.
Queremos lembrar, ademais, a importantísima incidencia negativa que estas situacións teñen na saúde mental das nosas compañeiras. Ser cuestionadas constantemente, culpabilizadas e estigmatizadas, tanto por parte da sociedade como por responsables vinculados ás institucións públicas, provoca un enorme sufrimento. Mesmo o alcalde, como sabedes, segue a negar esta realidade de forma explícita e reiterada. Porque ningunha persoa desexa vivir permanentemente entre carencias, penurias, frío, fame, inseguridade e medo. Ninguén desexa ver como a súa vida se deteriora, como se van acumulando consecuencias gravísimas para a saúde física e mental. Non é unha elección.
Coñecemos compañeiros e compañeiras que atentaron contra a súa propia saúde, na súa vertente física, ante a desesperación absoluta das circunstancias vitais que estaban atravesando.
Por tanto, non debemos deixar de repetir que o iceberg da aporofobia ten moitísimas manifestacións e demasiadas complicidades. E temos que intentar, entre todas, desarticular xuntas este entramado de prexuízos, discriminacións e violencia. E falamos tamén de comprender que moitas sofren múltiples opresións.
Por iso estamos aquí hoxe, na Praza do Migrante, para lembrar tamén que as persoas racializadas sofren dunha maneira especialmente intensa a combinación do racismo e da aporofobia.
Queremos un apoio colectivo, un acompañamento mutuo e unha solidariedade como ferramentas imprescindibles para transformar esta realidade.
Queremos agradecer a todas as organizacións e entidades presentes e tamén aos veciños e veciñas que nos acompañaron dende hai once anos. Cremos que este tecido colectivo é imprescindible para construír unha barreira social para combater esta ameaza. Para frear as reaccionarias e tamén as fascistas, porque detrás de cada comentario despectivo, de cada humillación, hai unha persoa que pode romperse. E vannos ter enfronte.
Obrigadas por ter asistido!
