Galicia
Galicia

Publicación do Informe Anual 2023/2024 sobre a situación dos dereitos humanos no mundo

O pasado 23 de abril Amnistía Internacional publicou o seu Informe anual 2023/2024 sobre a situación dos dereitos humanos no mundo. Este informe documenta motivos de preocupación en materia de dereitos humanos en 155 países durante 2023, vinculando cuestións a nivel global e rexional e analizando as súas implicacións para o futuro. O informe presenta […]

O pasado 23 de abril Amnistía Internacional publicou o seu Informe anual 2023/2024 sobre a situación dos dereitos humanos no mundo. Este informe documenta motivos de preocupación en materia de dereitos humanos en 155 países durante 2023, vinculando cuestións a nivel global e rexional e analizando as súas implicacións para o futuro. O informe presenta un cru exame da traizón aos principios de Dereitos Humanos perpetrada polos líderes e institucións actuais.

Os indicios de crimes de guerra continúan acumulándose mentres o goberno israelí se burla do dereito internacional en Gaza. Tras o terrible ataque de Hamás e outros grupos armados do 7 de outubro, as autoridades israelís responderon con bombardeos aéreos implacables contra zonas civís poboadas, que aniquilaron a miúdo a familias enteiras; obrigaron a desprazarse a case 1,9 millóns de persoas palestinas, e, a pesar do aumento da famina en Gaza, restrinxiron o acceso a unha axuda humanitaria que se necesitaba desesperadamente. Igualmente, o informe pon de relevo o uso descarado que fixo Estados Unidos do seu dereito de veto para paralizar durante meses a aprobación dunha moi necesaria resolución do Consello de Seguridade da ONU a favor dun cesamento do fogo. Tamén destaca o grotesco que resulta a dobre moral de países europeos como Reino Unido e Alemaña, dadas as súas fundadas protestas contra crimes de guerra de Rusia e Hamás, á vez que apoian as accións das autoridades israelís e estadounidenses neste conflito.

No informe documéntase tamén a flagrante infracción das normas establecidas cometida polas forzas rusas durante a súa persistente invasión a gran escala de Ucraína. Póñense de relevo os ataques indiscriminados contra zonas civís densamente poboadas, así como contra infraestruturas de exportación de cereais e enerxía, e o uso da tortura e outros malos tratos contra prisioneiros de guerra. Todo iso súmase á enorme contaminación ambiental xerada por actos como a destrución aparentemente deliberada da presa de Kajovka, que, segundo a opinión xeral, foi cometida polas forzas rusas.

As forzas armadas e as milicias asociadas de Myanmar tamén levaron a cabo ataques contra civís que, só en 2023, se cobraron máis de 1.000 vidas. Igualmente, en Sudán, as dúas partes enfrontadas —as Forzas Armadas de Sudán e as Forzas de Apoio Rápido— levaron a cabo ataques selectivos e indiscriminados que mataron e feriron a civís e dispararon armas explosivas desde barrios densamente poboados que mataron a 12.000 persoas en 2023. Esta situación provocou a maior crise de desprazamento do mundo, na que máis de 8 millóns de persoas se viron obrigadas a fuxir.

Vulneración do dereitos LGTBI e uso incontrolado da tecnoloxía

Por outra banda, Amnistía Internacional determinou que actores políticos de moitas partes do mundo están a intensificar os seus ataques contra as mulleres, as persoas LGBTI e as comunidades marxinadas que se utilizaron historicamente como chibo expiatorio por motivos políticos ou electorais. Para instigar e axudar a estas forzas políticas represivas a propagar a desinformación, enfrontar a unhas comunidades con outras e atacar ás minorías, instrumentalizáronse cada vez máis tecnoloxías novas e xa existentes.

No informe sinálase tamén o amplo uso que se fixo de tecnoloxías xa existentes para consolidar políticas discriminatorias. Estados como Arxentina, Brasil, India e Reino Unido recorreron cada vez máis ás tecnoloxías de recoñecemento facial para controlar protestas públicas e acontecementos deportivos e discriminar a comunidades marxinadas, en especial ás persoas migrantes e refuxiadas. O uso infame de recoñecemento facial foi máis xeneralizado aínda na Cisxordania dos Territorios Palestinos Ocupados, onde Israel se serviu del para endurecer as restricións da liberdade de circulación e axudar a manter o sistema de apartheid. En Serbia, a implementación dun sistema de benestar social semiautomatizado deixou a miles de persoas sen acceso a asistencia social vital. En particular víronse afectadas as comunidades romaníes e as persoas con discapacidade, o que demostrou ata que punto a automatización descontrolada pode exacerbar a desigualdade.

Con millóns de persoas fuxindo de conflitos no mundo, o informe pon de relevo como se confiaron a gobernanza da migración e o control de fronteiras a tecnoloxías abusivas por medios como o uso de alternativas dixitais á detención, tecnoloxías de externalización de fronteiras, software de datos, técnicas biométricas e sistemas algorítmicos de toma de decisións. A proliferación destas tecnoloxías perpetúa e reforza a discriminación, o racismo e a vixilancia desproporcionada e ilegal contra as persoas racializadas.

Amnistía Internacional revelou como os algoritmos de Facebook contribuíran a xerar violencia étnica en Etiopía no contexto do conflito armado. Este caso é un bo exemplo de como se instrumentaliza a tecnoloxía para enfrontar a unhas comunidades contra outras, especialmente en épocas de inestabilidade. En novembro terán lugar as eleccións presidenciais de Estados Unidos nun contexto de discriminación, acoso e abusos crecentes nas plataformas de redes sociais contra comunidades marxinadas, como as persoas LGBTI. Tamén foi en aumento o contido ameazador e intimidatorio contra o aborto. Outro exemplo: ao redor de mil millóns de persoas van votar este ano nas eleccións de India nun contexto de ataques contra manifestacións pacíficas e discriminación sistemática de minorías relixiosas. En 2023, Amnistía Internacional revelou que se utilizou software espía invasivo contra notables xornalistas do país, e en xeral as plataformas tecnolóxicas convertéronse en campos de batalla políticos.

Movilización global sen precedentes

O conflito entre Israel e Hamás desencadeou centenares de protestas en todo o mundo. A xente pediu un cesamento do fogo para poñer fin ao enorme sufrimento da poboación palestina de Gaza, así como a liberación de todas as persoas tomadas como reféns por Hamás e outros grupos armados, bastante antes de que o fixesen moitos gobernos. Doutra banda, a poboación botouse á rúa en Estados Unidos, O Salvador e Polonia para reivindicar o dereito ao aborto cando a reacción contra a xustiza de xénero fíxose sentir. En todo o mundo, miles de persoas sumáronse ao movemento xuvenil Fridays For Future para pedir o abandono xusto e rápido dos combustibles fósiles. En 2023, o activismo incansable logrou tamén varias vitorias importantes en materia de dereitos humanos. Tras o traballo de incidencia levado a cabo polo movemento #MeToo e por outras organizacións da sociedade civil de Taiwan para poñer fin á violencia sexual na internet, o goberno aprobou unha reforma da Lei de Prevención de Delitos de Agresión Sexual. Tras anos de activismo, catro defensores e defensoras dos dereitos humanos do caso de Buyukada —Taner Kılıç, İdil Eser, Özlem Dalkıran e Günal Kurşun, a quen se declarou culpables en xullo de 2020 por cargos infundados— resultaron finalmente absoltos en Turquía.

A persistente falta de rendición de contas en España e a incertidume dos avances lexislativos

En España, a principal preocupación de Amnistía Internacional é a persistente falta de rendición de contas polas violacións de dereitos humanos cometidas polo Estado. Non hai vontade política para abrir investigacións independentes e efectivas sobre graves violacións de dereitos humanos, como as ocorridas en residencias durante a COVID-19,  tras o salto do valo de Melilla en 2022 ou tras os abusos policiais á hora de reprimir algunhas manifestacións.

No último ano, tampouco houbo avances que permitan aclarar responsabilidades sobre quen espiou mediante o programa Pegasus. A lentitude tamén contribúe a perpetuar este clima de impunidade. Isto non só impide que as vítimas obteñan a xustiza e a reparación que merecen, senón que tamén erosiona o Estado de Dereito. Ademais, leis como a Lei de Segredos Oficiais de 1968, un vestixio do pasado franquista, seguen impedindo a investigación e o acceso á xustiza en materia de dereitos humanos. 

Por outra banda, a anterior lexislatura trouxo avances lexislativos importantes en materia de dereitos humanos en España. Desde a loita contra a violencia sexual ata o recoñecemento dos dereitos das persoas trans. Con todo, estes logros están embazados por un risco real de que estes avances se convirtan en papel mollado se non se toman medidas concretas para a súa implementación efectiva. A desigualdade na implementación destas leis, e outras como a Lei de Memoria Democrática, nas comunidades autónomas, xera brechas na protección dos dereitos humanos. Mentres que nalgunhas comunidades avánzase na aplicación das medidas necesarias, noutras obsérvase unha negativa para impulsalas ou mesmo se aproban leis autonómicas que contradin os avances logrados a nivel nacional, como é o caso co acceso ao aborto, os dereitos das persoas trans ou o dereito a unha vivenda digna.

Neste sentido, é fundamental que as administracións, tanto estatais como autonómicas, traballen xuntas para asegurar a implementación efectiva das leis que protexen e facer realidade os dereitos humanos. A falta de acción neste sentido podería converter estes avances lexislativos en meras declaracións de intencións sen impacto real na vida das persoas.

AI Galicia denuncia as carencias do noso sistema presentes no Informe Anual da organización

Con respecto á nosa comunidade, Galicia centra as suas denuncias en 4 áreas fundamentais que son retratadas e presentadas no informe.

  1. Sanidade universal. O goberno da Xunta deberá facer fronte ao deficiente finaciamento da Atención Primaria na nosa comunidade. O orzamento da Atención Primaria non chega nin de lonxe ao 25% do investimento total en Sanidade, tal e como se recomenda dende a OMS. Na actualidade, este gasto atópase en torno ao 12,7%, tal e como recolle o último “Informe sobre dereito á saúde en España” da nosa organización.
  2. Vivenda. Os datos de acceso a vivenda pública na nosa comunidade están moi lonxe do 15% de vivenda social dispoñible de media no resto da Unión Europea chegando só ao 3,8% do total, segundo datos do Instituto Galego de Estadística. Do mesmo xeito, calcúlase que na nosa rexión existen un total de 299.396 vivendas baleiras segundo o último censo dispoñible do 2011 (un 18,64% do total construido). Por outra banda, o gasto medio dos fogares en aluguer non deixa de medrar, o que choca coa reticencia do goberno da Xunta a declarar Zonas de Aluguer Tensionadas a aqueles concellos que o están a solicitar.
  3. Violencia sexual e de xénero. É preciso tamén poñer data á creación dos Centros de Crise 24h que se deben abrir nas catro provincias galegas antes de final de ano en base ao mandato do Consello de Europa.
  4. Uso excesivo de forza. A preocupación céntrase na utilización de balas de goma por parte da Policía Nacional como método de disolución, como foi o caso das protestas do metal en Vigo nos pasados meses de xuño e xullo do 2023, con resultado dun ferido.