11º CONCURSO XUVENL DE MICRORRELATOS E HAIKUS
Este ano celebrouse o 11º Concurso Xuvenil dedicado aos Microrrelatos e Haikus. Nesta edición o tema foi a situación das mulleres baixo o réxime talibán en Afganistán. O lema foi: «Quero escoitar a túa voz» Como organización, recoñecemos a importancia da arte, a súa expresión e recoñecemento para as poboacións máis novas, e parécenos importante […]
Este ano celebrouse o 11º Concurso Xuvenil dedicado aos Microrrelatos e Haikus. Nesta edición o tema foi a situación das mulleres baixo o réxime talibán en Afganistán. O lema foi: «Quero escoitar a túa voz» Como organización, recoñecemos a importancia da arte, a súa expresión e recoñecemento para as poboacións máis novas, e parécenos importante a súa relación con temáticas en materia de dereitos humanos. Polo tanto, comprácenos compartir os relatos gañadores, cos nomes das súas autorías.

Primeiramente, na categoría de 12 e 13 anos, atopámonos cun Haiku gañador na modalidade do xurado. A pequena Sabela Rodríguez Martínez, pertencente ao IES Sanxenxo, relata o seguinte:
Unha brétema non me quere deixar ver lonxe viaxarei

Seguidamente, na categoría de 14 a 16 anos e como gañador nas modalidades tanto de xurado como de público, atópase o microrrelato de Lisbeth Guitián Álvarez, do IES Ribeira do Louro. O relato se titula «O QUE EU VEXO»:
Teño catorce anos. Son unha rapaza moi fermosa.
Por iso tes que poñerme este pano por enriba.
Que ninguén me poida ver mais ca ti.
Noutras culturas aínda sería unha nena e iría a escola
pero eu xa sei cociñar, limpar, rezar e ata podo ter moitos fillos.
Todo o que ti me digas.
Só falo se ti me preguntas e non podo falar con ninguén máis.
Eres o meu “amo”.
Tampouco podo sorir, nin tocar nada coas miñas mans,
por iso poño guantes cando saio a rúa, contigo por suposto. Sempre vou detrás de ti coma se fose a túa sombra.
Teño que vestir con cores escuras, non vaia ser que chame a atención e pola miña culpa quedes en ridículo.
Iso faría que me pegaras unha boa malleira, me deixes sen comer varios días ou mesmo me botaras da casa, sen ningún diñeiro, porque non podo traballar.
E non podería dicir nada de nada porque iso é o que di
A TÚA LEI.
Pero o que non di é o que vexo eu dende debaixo desta tea,
que me afoga.
Vexo as nubes, vexo o arco da vella, vexo a herba,
vexo as cores, vexo nenos xogando, vexo o sol, vexo as frores...
Vexo mulleres fortes, que non se rinden.
Vexo o seu poder debaixo dos velos.
Vexo as súas gañas de loitar.
Vexo que todo isto rematará.
Vexo o teu fin!!!

Finalmente, na categoría de 17 a 21 anos, Martín Táboas Vásquez do IES Ribeira do Louro, recibiu o premio do xurado co seu texto titulado «CON VERBAS DE ALÁ»:
Querida irmá:
Sinto moito non ter falado contigo. Seguramente tarde en volver contestar, mais quero que saibas como vai todo por aquí, como vai todo en Afganistán:
Cubríronnos os beizos, con teas negras os nosos corpos enfundados na penumbra. Os nosos ollos engaiolados entre fíos. Nin donas dos nosos camiños, nin donas dos nosos futuros, nin donas da nosa propia educación. Acaso é xusto que gobernen, controlen e prohiban a nosa propia liberdade?
Aínda de negro, as nosas figuras femininas: a da miña irmá,a da miña nai… son os maiores puntos brancos. Cúbremnos para tapar os nosos seos, mais núan e humillan os nosos dereitos.
Irmá, quero escoitar a túa voz, pero o aire non transporta as túas verbas. O aire está quedo. Quero escoitarte si, pero por favor; sopra, sopra e crea un vento que axude a castigar os malditos que apresan a Liberdade. Ás veces dáme pena pensar que non te escoito porque ti non me queres falar, pero se iso é así é triste pensar que se esqueceron de nós. Estamos cheas de luz, mais cubertas de sombras. Quero escoitar a túa voz pois roubáronme o dereito a manifestala.
PD: Non esquezas tamén entregar as cartas ó resto de miñas irmás: ás do norte, ás do sur…A todas elas, menos ás que estean presas nas teas negras. Esas han de estar a escribir máis cartas coma esta, han de estar a escribir para as de alí, as de alá…
Amnistía Internacional aplaude a súa participación e espera con ansias os próximos concursos. Ademais, animamos á poboación infantil e xuvenil a continuar creando e desenvolvéndose no mundo da arte. Xa que, sen a súa participación, o mundo artístico estaría incompleto.
