Galicia afronta todos os anos unha devastadora realidade, os incendios forestais arrasando os nosos montes e poñendo en risco milleiros de vidas. A vaga de lumes vivida no verán de 2025 marcou un punto de inflexión ao revelar as graves consecuencias da inacción fronte á emerxencia climática. En adición, estudos realizados pola ONU aseveran que […]
Galicia afronta todos os anos unha devastadora realidade, os incendios forestais arrasando os nosos montes e poñendo en risco milleiros de vidas. A vaga de lumes vivida no verán de 2025 marcou un punto de inflexión ao revelar as graves consecuencias da inacción fronte á emerxencia climática. En adición, estudos realizados pola ONU aseveran que os “incendios extremos” seguirán aumentando en incidencia a taxas alarmantes. Por isto, dende Amnistía Internacional e Ecoloxistas en Acción diriximos unha carta aberta ao presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, reclamando medidas urxentes que aborden a raíz do problema e propoñendo actuacións concretas en materia de prevención, recuperación, reparación e formación coa intención de evitar que esta traxedia se repita e tratar de garantir maior seguridade nun futuro.
Dende Amnistía Internacional e Ecoloxistas en Acción parécenos importante lembrar que os lumes non son só unha cuestión ecolóxica senón un problema político e de Dereitos Humanos. Por iso, queremos poñer o foco na responsabilidade institucional, esixindo medidas preventivas baseadas na transparencia. Galicia precisa unha estratexia a longo prazo que combine unha xestión forestal responsable, educación ambiental e participación social.
Esta Carta aberta sobre medidas urxentes e estruturais fronte aos lumes e a crise climática en Galicia, menciona información estatística relevante sobre como a crise climática continuará xerando incendios durante todo o presente século, pero tamén resalta que non se trata dun problema ambiental alleo a outros aspectos sociopolíticos, xa que abrangue tamén factores estruturais como os Dereitos Humanos, entre eles o dereito á vida, á saúde e o dereito a un medio ambiente limpo e sostible:
«Segundo o Sistema de Información de Incendios Forestais da Comisión Europea do programa Copernicus, en Galicia houbo máis de 171.000 hectáreas queimadas desde o inicio do verán (122.000 de incendios rexistrados desde o inicio de agosto). Segundo a ONU, os incendios extremos aumentarán un 14 % para 2030, un 30 % para 2050 e un 50 % a final de século.«
Debido a iso, esíxense diversas medidas de prevención, recuperación e formación. A continuación menciónanse algunhas delas:
Medidas de prevención:
- Establecer unha política de prevención de incendios forestais que prepare os montes no contexto do cambio climático cunha xestión forestal preventiva e campañas de extinción de incendios que non estean ligadas á época estival.
- Dignificación das condicións laborais e o fin da temporalidade e precariedade das persoas que se enfrontan en primeira liña ao lume.
- Mellorar a capacidade e os medios dos equipos de investigación dos incendios que permitan levar diante da xustiza ás persoas responsables.
- Deseñar e levar a cabo campañas de sensibilización e de participación cidadá sobre comportamento cidadán fronte ao lume e alternativas ao uso cultural do lume.
- Poñer todos os medios para apoiar ás comunidades de montes veciñais en man común na súa tarefa de ordeamento e limpeza dos montes incluida a aprobación a tempo das axudas da Xunta para a prevención de lumes.
Medidas de recuperación, reparación e formación:
- Aplicar medidas urxentes de control das cinzas e escorras para evitar procesos erosivos e de contaminación de cursos de auga.
- Colocar os dereitos humanos no centro das políticas de prevención, resposta e reparación, garantindo a transparencia e o acceso á información fiable, oportuna, pertinente, accesible e precisa, sen discriminación.
- Poñer en práctica plans de recuperación con axudas ás vítimas das zonas incendiadas para reparar os danos en infraestruturas cun enfoque participativo nos procesos de toma de decisión, planificación e seguimento dos esforzos de recuperación.
- Revisar os sistemas de comunicación e de avisos e alerta en emerxencias dentro do Sistema de Protección Civil.
- Elaborar protocolos sobre o uso do sistema Es-Alert nos plans de emerxencias.
- Desenvolver plans de sensibilización e formación á cidadanía sobre actuacións en emerxencias e toma de conciencia do risco aparellado a determinados niveis de alerta.»
A evolución da crise climática e con ela da vaga de lumes en distintas partes do mundo, incluíndo Galicia como escenario principal neste caso específico, lévanos a cuestionarnos achega do papel das organizacións e institucións gobernamentais respecto a dita problemática. Urxe levar a cabo as medidas de prevención propostas na presente carta, así como as medidas de reparación cara ás vítimas dos incendios dos últimos acontecementos, se o que se busca é que non haxa máis vítimas nin perdas que poderían ser previstas.
Os incendios e a crise climática son unha responsabilidade comunitaria e a participación social é clave. Todo isto sen esquecer a forza que poden exercer as institucións e gobernos poñendo en primeiro lugar os dereitos das persoas, incluíndo a quen se enfronta directamente aos incendios, e sen esquecer a protección ao medio ambiente. É por isto que os orzamentos do 2026 son unha oportunidade ideal para poñer en práctica medidas concretas en favor da conservación, pasando do discurso á acción.
