Galicia
Galicia

A nova negativa do Congreso para validar a moratoria antidesafiuzamentos deixa a miles de familias vulnerables fronte a unha emerxencia habitacional evitable

As organizacións denuncian que os máis de 70.000 desafiuzamentos que se reactivarán a partir de agora serán consecuencia desta nova decisión política.

Desde hoxe 70.000 familias vulnerables máis en todo o país volven estar en perigo de enfrontarse a un desafiuzamento sen alternativa habitacional. O Congreso votou hoxe en contra da validación do Real Decreto, aprobado polo Goberno en febreiro, para prorrogar a moratoria de desafiuzamentos de persoas e familias vulnerables.

As formacións políticas que se opuxeron a esta medida de mínimos foron Partido Popular, Vox, Junts per Catalunya e UPN.

Desde as organizacións sociais da plataforma #NiUnDesahucioMás denunciamos que non estamos ante un debate técnico ou conxuntural: estamos ante unha decisión política con consecuencias sociais directas e previsibles. Estas catro formacións votaron hoxe a favor de que aumenten os desafiuzamentos de familias vulnerables, baseándose en trolas sobre a ocupación amplamente desmentidos e sen apoio en datos reais.

A finalización da moratoria, unida á ausencia de medidas preventivas como a prórroga extraordinaria dos contratos de arrendamento que vencen nos próximos meses, abre a porta a unha nova onda de desafiuzamentos perfectamente evitable, nun contexto marcado polo encarecemento extremo do alugueiro, a falta de vivenda pública, alcanzable e social máis o colapso dos sistemas de protección social e habitacional.

Resulta inaceptable que, nunha situación de emerxencia social amplamente diagnosticada, se deixe caer un instrumento mínimo de contención sen ofrecer ningunha alternativa real. A moratoria antidesafiuzamentos non resolvía o problema estrutural da vivenda, pero evitaba un dano inmediato, masivo e coñecido. Retirala sen substituíla por outra medida equivale a asumir como inevitable a expulsión residencial de miles de persoas.

En definitiva, estes catro partidos (PP – VOX- JUNTS – UPN) alíñanse e adoptan un pacto implícito cos postulados que entenden a protección social como un vestixio para erradicar e que traballa en contra do dereito á vivenda recoñecido nos tratados de Dereitos Humanos.

Sinalamos tamén a responsabilidade do Goberno de España, que nestes 6 anos que durou o escudo social foi incapaz de garantir a continuidade dunha protección esencial e de articular unha resposta eficaz fronte a unha realidade que as propias institucións recoñecen como crítica.
Medidas de mínimos

Para as organizacións sociais a prioridade é non deixar ás familias na rúa. Esiximos ao Goberno:

1.- Aprobar urxentemente medidas efectivas que dean cobertura xurídica clara a todos os lanzamentos residenciais, ampliando a protección ás familias vulnerables. Ademais, o executivo ten que traballar cos apoios necesarios para sacar adiante esta medida con garantías.

2.- Mobilización de fondos do Plan Estatal de Vivenda, o despregamento do tento e retracto para mobilizar vivendas privadas en mans de grandes posuidores e a posta a disposición das vivendas da SAREB, especialmente ante o anuncio da venda inminente de grandes carteiras de vivendas por parte dos fondos de investimento.

3.- A prórroga extraordinaria dos contratos de alugueiro en vigor como medida preventiva indispensable para frear novos procesos de expulsión residencial.

Así mesmo, esiximos ao poder xudicial:

• Decisións xudiciais que cumpran coas obrigacións internacionais e suspendan desafiuzamentos sen alternativa habitacional en situacións de vulnerabilidade.
E á Fiscalía:

• Actuación proactiva nos casos onde haxa situacións de vulnerabilidade emitindo un informe favorable á suspensión dos desaloxos sen alternativa habitacional.

Estas medidas son de mínimos para conter a emerxencia social crecente e a inminente destrución de fogares, familias, veciñanzas e comunidades como consecuencia da caída da moratoria.

Cada desafiuzamento que se produza a partir de agora non será unha consecuencia inevitable do mercado, senón o resultado directo de decisións políticas concretas. As organizacións sociais non permitiremos que se normalice esta situación nin aceptaremos que se traslade ás persoas máis vulnerables o custo da inacción institucional.

Seguiremos denunciando e esixindo responsabilidades por todos os medios mentres acompañamos e apoiamos a organización da resistencia de todas as persoas afectadas.