Galicia
Galicia

A vivenda social ten un obxectivo moi claro: ofrecer unha alternativa habitacional a quen non pode asumir os prezos do mercado libre. Iso significa adaptar o custo da vivenda á realidade económica da persoa ou da unidade familiar. O prezo debe estar axustado aos ingresos reais da persoa.

Nos últimos anos, o concepto de “vivenda social” empezou a aparecer constantemente no discurso político e institucional. Pero canto máis se repite unha palabra, máis importante é explicar que significa realmente. Porque en Vigo existe unha enorme confusión arredor deste tema, moitas veces alimentada pola propia propaganda pública, mesturando conceptos distintos para facer pasar por vivenda social fórmulas que non o son.

Non toda vivenda protexida é vivenda social. Non toda promoción pública garante acceso real ás persoas con menos recursos. E esa diferenza importa, porque detrás dela hai persoas que seguen sen poder acceder a un fogar.

A vivenda social ten un obxectivo moi claro: ofrecer unha alternativa habitacional a quen non pode asumir os prezos do mercado libre. Iso significa adaptar o custo da vivenda á realidade económica da persoa ou da unidade familiar. Se alguén cobra 1.000 euros ao mes, non pode pagar 850 de alugueiro. E se unha persoa percibe unha prestación mínima ou ingresos moi baixos, nin sequera pode asumir un 30% dese ingreso para a vivenda sen quedar nunha situación de pobreza extrema. Debería asumir un 10% por extrema emerxencia.

Por iso a clave da vivenda social é a proporcionalidade. O prezo debe estar axustado aos ingresos reais da persoa. E ese axuste pode revisarse co tempo: se a situación económica mellora, tamén pode cambiar a achega ao alugueiro. Non se trata de regalar pisos nin de entregar vivendas “gratis”, como tantas veces se repite de maneira interesada e falsa. Trátase de garantir que alguén poida vivir sen ter que escoller entre pagar o alugueiro ou comer.

Tamén é importante entender que a vivenda social necesita criterios de prioridade. Non pode funcionar como un sorteo indiferenciado no que todas as situacións se traten igual. Hai persoas que precisan unha resposta máis inmediata ca outras. Unha muller que debe saír da violencia machista, unha persoa con discapacidade, unha nai soa con menores ao cargo ou unha vítima de trata teñen unha vulnerabilidade específica que debe ser tida en conta.

Iso non significa excluír a outras persoas con baixos ingresos, senón establecer prioridades baseadas na necesidade real e dar resposta a todas  elas. Porque a función da vivenda social é precisamente esa: actuar como unha ferramenta de protección fronte á exclusión residencial. Noutros países europeos, este modelo leva décadas funcionando con normalidade. Aquí, pola contra, segue habendo moita desinformación e unha tendencia constante a chamar “vivenda social” a solucións que continúan sendo inaccesibles para gran parte da poboación.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *