Afganistán: A nova regulación penal impón penas aínda máis duras ás mulleres e aos grupos minoritarios
A regulación converte un sistema xa de seu represivo noutro aínda máis draconiano. As mulleres e as nenas están, por suposto, entre os grupos de poboación máis afectados, con disposicións que normalizan a violencia de xénero no ámbito familiar e impoñen restricións aínda maiores á súa circulación e a súa autonomía
Marzo de 2026
A nova regulación penal recentemente aprobada polo líder talibán afianzará aínda máis a violencia e a discriminación contra as mulleres; así o manifestou Amnistía Internacional nunha nova análise xurídica que documenta o amplo e regresivo impacto desta nova regulación nos dereitos humanos.
A “Regulación de Procedemento Penal dos Tribunais”, que dispón penas e sentenzas condenatorias para unha serie de delitos imprecisos e excesivamente amplos, só tipifica como delito a violencia de xénero no ámbito familiar cando unha muller sufrira a fractura dun óso ou lesións visibles. O decreto prescribe tamén unha pena de tres meses de prisión para calquera muller que visite regularmente a membros da súa familia sen o permiso do seu esposo e que se negue a cumprir unha orde xudicial de regresar ao seu fogar.
Así mesmo, a regulación dispón duras penas por incumprimento relixioso e penas máis severas para persoas de condición social baixa, e recoñece a escravitude. Outras disposicións autorizan a destrución de bens como forma de castigo, institucionalizan a tortura e outros malos tratos mediante o castigo corporal e prescriben a pena de morte para un número maior de delitos.
“A regulación converte un sistema xa de seu represivo noutro aínda máis draconiano. As mulleres e as nenas están, por suposto, entre os grupos de poboación máis afectados, con disposicións que normalizan a violencia de xénero no ámbito familiar e impoñen restricións aínda maiores á súa circulación e a súa autonomía”, manifestou Smriti Singh, directora de Amnistía Internacional para Asia meridional.
“As disposicións sobre o estrito cumprimento relixioso e o endurecemento das penas dependendo da clase social afianzarán a discriminación e afectarán á poboación máis marxinada e economicamente desfavorecida do país.”
“Pedimos aos talibán que revoguen ou revisen de inmediato esta represiva regulación e a adapten para que cumpra as normas internacionais de dereitos humanos. Tamén instamos á comunidade internacional a condenar a regulación de maneira inequívoca, e a presionar aos talibán para que poñan fin ás violacións de dereitos humanos xeneralizadas e sistemáticas que están a levar a cabo.”
A análise destaca algunhas das principais disposicións draconianas da regulación e os desafíos que supón, así como a maneira en que afectarán os dereitos humanos en polo menos sete áreas. Estas áreas expóñense a continuación, xunto con algunhas das cuestións crave que inclúen:
- Dereitos das mulleres: Como os cambios explicados anteriormente eliminan mecanismos de seguridade esenciais para vítimas e sobreviventes de violencia de xénero.
Liberdade de credo, de crenza, de pensamento e de expresión: O impacto que sobre as minorías relixiosas terán as severas penas novas por desviarse da escola hanafí do islam sunnita que os talibán afirman seguir, e a designación como heréticas das crenzas contrarias á rama sunnita do islam.
- Tortura e outros malos tratos: Como as disposicións da regulación prescriben a tortura e outros malos tratos en forma de flaxelación ou azoutes por unha ampla variedade de delitos.
- Pena de morte: A prescrición da pena de morte para unha ampla diversidade de delitos, entre eles “sodomía habitual”, baseándose no criterio discrecional dun imán de que a pena se impón en aras do “interese público”.
- Normas internacionais sobre xuízos xustos: Como as imprecisas definicións de delitos facultan aos xuíces e as autoridades talibán para definilas arbitrariamente e implementalas, o que socavará aínda máis o proceso de xustiza.
- Igualdade ante a lei: A división de delincuentes en catro categorías cunha escala progresiva de penas baseada na xerarquía social.
- Escravitude: Como a redacción dalgunhas disposicións parece recoñecer a propiedade sobre determinadas persoas e recoñece expresamente a escravitude.
Información complementaria
O 5 de xaneiro, o líder talibán aprobou a regulación e ordenou a súa publicación no Boletín Oficial, onde se publican as leis e outros documentos lexislativos para garantir que a poboación os coñece e pode acceder a eles. O 8 de xaneiro, a Secretaría do Tribunal Supremo talibán (Dar al Insha), distribuíu a regulación entre os membros de Tribunal Supremo, os órganos de dirección e os tribunais, para a súa posta en práctica. Aínda que a regulación aínda non se publicou no Boletín Oficial, os talibán declararon o 23 de xaneiro que pronto se publicaría. Amnistía Internacional púxose en contacto o 19 de febreiro coas autoridades talibán de facto para pedir unha copia oficial da regulación e calquera material de acompañamento co fin de levar a cabo esta análise, e de determinar se a regulación se puxo de feito en práctica, pero non recibiu ningunha resposta.
O 15 de febreiro, un medio de comunicación informou de que a aplicación da regulación dera lugar ao procesamento dunha persoa na provincia de Badghis por insultar ao líder talibán.
