Galicia
Galicia

Unión Europea: O Parlamento Europeo dá a súa aprobación a plans de detención e deportación punitivas

O Parlamento Europeo votou ampliar os plans de detención e deportación de carácter punitivo e restritivo da UE. Este acordo —resultado da colaboración entre o Partido Popular Europeo e grupos políticos que apoian a políticas antiinmigración— alcanzouse de forma apresurada mediante negociacións sen escrutinio adecuado nin avaliacións significativas de dereitos humanos.

© Photo by ADNAN BECI/AFP vía Getty Images

Co gallo da votación o xoves 26 de marzo no Parlamento Europeo sobre a súa posición acerca do Regulamento de Retorno da Unión Europea (UE), Eve Geddie, directora da Oficina de Amnistía Internacional ante as Institucións Europeas, declarou:

“O Parlamento Europeo votou ampliar os plans de detención e deportación de carácter punitivo e restritivo da UE. Este acordo —resultado da colaboración entre o Partido Popular Europeo e grupos políticos que apoian a políticas antiinmigración— alcanzouse de forma apresurada mediante negociacións sen escrutinio adecuado nin avaliacións significativas de dereitos humanos.

“Isto marca unha tendencia en aumento a políticas cada vez máis nocivas, excluíntes e draconianas en materia de migración, que ten repercusións preocupantes para o debido proceso e a formulación de políticas baseada en probas. Lonxe de reducir a irregularidade, estas propostas corren o risco de atrapar a máis persoas en situacións precarias.

“Hoxe, o Parlamento Europeo votou reforzar os requisitos, as sancións e as restricións desproporcionadas para as persoas que sexan obxecto dunha decisión de devolución, e ampliar considerablemente o uso da detención e durante período moito máis prolongados, incumprindo as normas xurídicas internacionais.

“As persoas tamén correrán o risco de ser enviadas a ‘centros de devolución’ —centros de detención no estranxeiro— en países nos que nunca estiveron. A postura de Amnistía Internacional é inequívoca: os centros de devolución implican graves riscos de violacións de dereitos, non poden funcionar dun xeito que respecte os dereitos humanos e deben ser rexeitados de xeito categórico.”

Información complementaria

A Comisión Europea presentou en marzo de 2025 unha proposta de Regulamento de Retorno para substituír á Directiva de Retorno existente. En decembro de 2025, Amnistía Internacional advertiu que a postura negociadora do Consello Europeo sobre esta proposta implicaba “medidas sen precedentes de detención, sancións e privación de dereitos baseadas na situación migratoria”.

O 9 de marzo de 2026, a Comisión de Liberdades Civís, Xustiza e Asuntos de Interior (LIBE) do Parlamento Europeo aprobou a súa posición sobre o Regulamento de Retorno. Esta decisión seguiu a negociacións e votacións apresuradas sobre dous textos distintos, incluído un compromiso alternativo do Partido Popular Europeo co apoio de Conservadores e Reformistas Europeos, Europa das Nacións Soberanas e Patriotas por Europa. Foi este texto o que recibiu o apoio da Comisión de Liberdades Civís, Xustiza e Asuntos de Interior e foi apoiado hoxe como posición de negociación do Parlamento sobre a reforma.

A votación de hoxe senta as bases para as negociacións a tres bandas co Consello antes de que o Regulamento poida ser adoptado formalmente. Agárdase que estas negociacións avancen con rapidez.

Para máis información, véxase:Declaración conxunta de máis de 200 organizacións da sociedade civil pedindo o rexeitamento das normas sobre deportación