Amnistía Internacional pide ás catro CC.AA. abandonar a “prioridade nacional” por violar polo menos tres dereitos humanos e incrementar o racismo e a xenofobia
As normas internacionais de dereitos humanos e a xurisprudencia son claras: prohiben todo tipo de discriminación.
- Amnistía Internacional pide aos catro gobernos autonómicos cumprir coas recomendacións do Relator Especial sobre extrema pobreza e dereitos humanos de Nacións Unidas a España en 2020 e garantir un investimento suficiente e adecuado en prestacións sociais de modo que se asegure o desfrute efectivo dos dereitos e se preveñan situacións de exclusión e vulnerabilidade.
03 de xullo de 2026
Amnistía Internacional, tras analizar os recentes pactos de goberno que asinaron o Partido Popular e VOX en Andalucía, Aragón, Castela e León e Estremadura, pide aos catro gobernos que abandonen a súa política de prioridade nacional que, en caso de ser aplicada, constituiría unha violación de dereitos humanos e das obrigas do Estado recoñecidas internacionalmente.
Concretamente podería incumprir, polo menos, tres delas: a obriga de non discriminar, nin directa nin indirectamente, no acceso a dereitos; a realización progresiva dos dereitos económicos, sociais e culturais e non tomar medidas regresivas que empeoren as condicións de vida das persoas; e a violación do principio do interese superior do menor, especialmente a infancia migrante non acompañada, seguidos frecuentemente de discursos que criminalizan ao colectivo.
Normalizar conceptos talles como “prioridade nacional” no canto de dar prioridade ao incremento de recursos dedicados a dereitos sociais para todas as persoas só afonda na estigmatización e sinalización de poboación vulnerable e contribúe a incrementar o racismo e a xenofobia. Na súa sentenza do 18 de decembro de 2025 sobre unha cuestión relativa ao acceso á vivenda en Dinamarca, o Tribunal de Xustiza Europeo destaca a responsabilidade do poder lexislativo na obriga de evitar tanto rumbos aparentes como consecuencias indirectas que afecten desproporcionadamente a determinados colectivos. Chega mesmo a sinalar que a propia terminoloxía utilizada pode resultar ofensiva ou estigmatizante para os grupos afectados.
Amnistía Internacional, ao contrario, pide aos catro gobernos autonómicos garantir un investimento suficiente e adecuado en prestacións sociais -como xa recomendou o Relator Especial sobre extrema pobreza e dereitos humanos de Nacións Unidas a España en 2020- de modo que se asegure o desfrute efectivo dos dereitos e se preveñan situacións de exclusión e vulnerabilidade.
En particular, dada a actual crise de vivenda en España, as administracións públicas competentes deben adoptar medidas urxentes para aumentar o investimento en vivenda social como elemento esencial para garantir o dereito a unha vivenda adecuada. Neste sentido, a organización lembra que España unicamente conta cun parque de vivenda social do 1,7%, véndose aumentado ata un 3,5% se se considera o parque de vivenda en alugueiro alcanzable en sentido amplo, porcentaxe igualmente moi afastado da media da Unión Europea (UE), que alcanza un 9%. Así mesmo, o investimento en vivenda, unicamente representa un 0,5% do PIB fronte á media da UE, que se sitúa nun 1,2%.
A discriminación directa e indirecta de persoas e os discursos que criminalizan a inmigración deben terminar
Os pactos de goberno conteñen medidas discriminatorias directas e indirectas e regresivas en dereitos que se reflicten con crueza na totalidade dos alcanzados nas autonomías que celebraron recentemente eleccións (Andalucía, Aragón, Castela e León e Estremadura) ao esixir que todas as axudas, subvencións e prestacións públicas teñan como obxectivo procurar “a asignación prioritaria dos recursos públicos a quen mantén un arraigamento real, duradeiro e verificable co territorio”, ou cando discriminan xa sen disimulo por nacionalidade, como no caso de Estremadura cando pide, no acceso á saúde, reforzar a calidade asistencial, reducir os tempos de espera, optimizar os recursos dispoñibles e garantir unha atención accesible e de calidade “para os españois”; ou tamén cando os gobernos de Andalucía, Aragón, Castela e León e Estremadura exclúen “do acceso a prestacións e servizos sociais estruturais a quen se atope en situación irregular, limitando o seu acceso exclusivamente a supostos de urxencia vital”.
A infancia migrante non acompañada tampouco se libra destas potenciais políticas discriminatorias cando se indica, como no caso de Estremadura, que “se dotarán os recursos e mecanismos de control necesarios para impedir que se altere a convivencia e a orde pública, se xere inseguridade, se perturbe a tranquilidade e a convivencia nas nosas rúas e que os menores non acompañados gocen de calquera privilexio ou impunidade». Así mesmo, todos os pactos inclúen un apartado titulado “non máis menores estranxeiros non acompañados (MENAS)”, e no andaluz vaise un paso máis aló, explicitando que non se habilitarán «novos centros” nin se crearán “prazas nos existentes, reducindo o gasto nesta materia ao mínimo imprescindible».
O acceso ao dereito á vivenda tamén é parte deste potencial sistema discriminatorio que pon en risco os dereitos humanos cando os pactos de Andalucía, Aragón, Estremadura e Castela e Léon indican que procurarán “a asignación prioritaria dos recursos públicos a quen mantén un arraigamento real, duradeiro e verificable co territorio”, esixindo un “arraigamento real e prolongado baseado en empadroamento histórico” mínimo de 10 anos para compra e cinco para alugueiro.
Disfrazar o concepto de prioridade nacional con requisitos excluíntes é discriminación
Sara Prieto, voceira de Amnistía Internacional Galicia, declarou que: “Disfrazar o concepto de ‘prioridade nacional’ coa esixencia de requisitos que na práctica supoñen unha barreira de acceso maior para determinados colectivos tamén é discriminación. A discriminación tamén se produce de xeito indirecto cando se apela a normas aparentemente neutras pero que teñen un impacto desproporcionado nun determinado colectivo situándoo nunha situación de desvantaxe ou excluíndoo de facto no acceso a dereitos sociais”.
Así o indicou recentemente o Tribunal de Xustiza Europeo na súa sentenza do 7 de maio de 2026 ao considerar que o requisito dunha residencia mínima de 10 anos previsto nas leis italianas para poder acceder a asistencia social e acceso ao emprego constitúe unha discriminación indirecta a persoas beneficiarias de protección internacional.
O Comité de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais de Nacións Unidas destacou que os dereitos sociais se aplican a todas as persoas, incluídas as non nacionais (refuxiadas, solicitantes de asilo, traballadores migrantes e vítimas de trata), independentemente da súa situación xurídica ou documental. Tamén o Comité Europeo de Dereitos Sociais considerou que o requisito de dous anos de residencia para poder acceder á vivenda municipal en Noruega era excesivo e constituía unha discriminación contra os e as traballadores migrantes e as súas familias, xa que prexudicaba ás persoas migrantes que chegaron recentemente ao país e que necesitan a mesma asistencia que a cidadanía noruegueses.
En definitiva, as normas internacionais de dereitos humanos e a xurisprudencia son claras: prohiben todo tipo de discriminación, isto inclúe a discriminación directa baseada na raza, cor, orixe étnica ou nacional, e a indirecta pola utilización espuria de leis ou requisitos aparentemente neutrais para discriminar no acceso a dereitos sociais a colectivos concretos.
Menos mensaxes populistas e criminalizadores, máis investimento en prestacións sociais
O concepto de “prioridade nacional”, de aplicarse, tamén constituiría unha medida regresiva, vulnerando a obrigación de progresividade no cumprimento dos dereitos humanos, de conformidade coas normas internacionais.
España, como Estado parte do Pacto Internacional sobre Dereitos Económicos, Sociais e Culturais, ten a obrigación de garantir a realización progresiva dos dereitos á saúde, a educación e a vivenda e evitar medidas regresivas, o que significa que debe asegurar que as súas políticas e actuacións non reduzan o acceso ás prestacións de seguridade social. Isto inclúe, por exemplo, non restrinxir os criterios de elixibilidade nin a contía das prestacións sociais.
Por iso deben abandonarse estas mensaxes populistas e criminalizadores das persoas migrantes, sobre todo, polo partido político VOX, que pretende outorgar preferencia aos españois fronte aos que non o son, e centrar a acción de goberno en garantir un investimento suficiente e adecuado en prestacións sociais.
