Galicia
Galicia
Gustavo Pérez, Defensor dos Dereitos Humanos e medioambientais

Gustavo Pérez, defensor colombiano dos dereitos humanos e da xustiza ambiental, de xira por Galicia

O colombiano Gustavo Pérez, defensor dos Dereitos Humanos e Medioambientais, estará en Noia e Pontevedra.

Gustavo Pérez é un defensor colombiano dos dereitos humanos e da xustiza ambiental cunha longa traxectoria. Dende hai máis de 20 anos exerce como líder social e comunitario no sector da Macarena – Meta, unha das zonas onde historicamente se ten sentido con máis intensidade o conflito coa guerrilla das FARC.

Debido ao seu compromiso como activista e ao seu liderado na defensa do territorio, durante moitos anos foi reelecto polos membros da súa comunidade como Presidente da Xunta de Acción Comunal.

En 2011 creou a Fundación para a Defensa e o Dereito Internacional Humanitario do Oriente e Centro Colombiano (DHOC), a cal, a raíz dos acordos de paz, traballa na verificación do cumprimento do cese das hostilidades e da correcta implementación dos pactos. Así mesmo, a Fundación DHOC realiza accións de pedagoxía de paz e de protección de líderes sociais, organizando capacitacións para as comunidades onde explican o contido do proceso de paz e dos acordos pactados en La Habana.

Gustavo Pérez tamén traballa no ámbito da defensa da terra e da xustiza ambiental. As datas e lugares da súa xira por Galicia serán:

Martes, 10 de marzo, ás 20h, na Casa da Cultura de Noia.

Mércores, 11 de marzo, ás 19h na Librería Cronopios, Rúa Frei Xoán de Navarrete, 5, (Pontevedra).