Galicia
Galicia

Guantánamo, 18 anos de violacións dos dereitos humanos

O pasado 11 de xaneiro cumpríronse 18 anos da apertura do centro de detención de Estados Unidos na súa base naval militar na bahía de Guantánamo, en Cuba, onde aínda continúan encerrados 40 homes, todos eles musulmáns. A maioría atópanse recluídos sen cargos, mentras que outros foron sometidos a xuízos sen garantías por comisións militares, nalgúns casos con posibilidade de seren condeados a morte.

A situación de detención indefinida sen cargos nen xuízo na que se atopan a maior parte dos presos en Guantánamo –todos eles permanecen alí encerrados dende fai máis de 10 anos-, supón unha total violación da normativa internacional en materia de xustiza e de dereitos humanos.

Ao longo destes 18 anos, centos de presos de máis de 40 países diferentes teñen pasado por Guantánamo. Durante o tempo de detención, cerca do 80 % dos retidos ten estado sometido a réxime de illamento. A imaxe das persoas cun buzo laranxa, encadeadas e coa cabeza totalmente cuberta por unha capucha que lles impide ver, tornouse tristemente célebre como símbolo de Guantánamo, lugar onde se ten constatado, entre outras violancións dos dereitos humanos, a tortura sistemática e a presenza de persoas que eran menores de idade no momento da súa detención.

A presidencia de Barak Obama chegou á fin do seu mandato sen cumprir a súa promesa de pechar este centro de detención. O aumento da retórica islamófoba e anti-inmigración do presidente Trump, quen revocou a anterior orde de peche da prisión militar, abriu a porta á persistencia do centro e á perigosa propagación da idea de que a tortura, os abusos e as detencións indefinidas sen cargos nen garantías procesais poden ser aceptables.

Algunhas das persoas recluídas continúan no campo de detención a pesar de que o seu traslado ten sido autorizado fai anos. Tal é o caso de Toffiq al Bihani, torturado pola CIA antes do seu envío a Guantánamo en 2003. Aínda que o seu traslado foi autorizado en 2010, Toffiq continúa ilegalmente detido, sen ter sido acusado de ningún delito.

Amnistía Internacional reclama para todos os detidos xuízos xustos ou a súa liberación inmediata, así como o peche definitivo deste vergoñoso centro.