Galicia
Galicia

No día internacional pola paz e a non violencia, unha das nosas activistas reflexiona sobre o sentido desta data para o noso mundo actual. Sabemos realmente que é a paz?

A loita pola paz é unha loita dura, ás veces mesmo semella que sen sentido. Espertas cada mañá vendo que o mundo segue cheo de odio, de medo, de guerras. Pero precisamente por iso necesitamos loitar con todas as nosas forzas, con todas as nosas voces por un mundo no que non teñamos que celebrar o día internacional da non violencia e a paz.

A Real Academia Galega (RAG) define a paz como a “ausencia de loita armada, exterior e interior, nun pobo, nación ou estado”. Pero a paz é moito máis: é a ausencia de odio, de rencor, de violencia (física pero tamén mental, económica, política e legal!). 

En tan só 1 mes de 2021, Yemen atravesa a que se considera xa como a peor crise humanitaria a nivel mundial, Siria segue en guerra, Venezuela segue en conflito, o Sáhara e Palestina continúan á espera dunha axuda occidental que non chega… e no mal chamado “primeiro mundo” as mulleres seguen soportando unha violencia física, sexual, obstetricia, económica e psicolóxica tremenda (máis de 1080 mulleres asesinadas pola súa parella ou exparella en España contabilizadas no pasado ano), a pandemia do racismo segue medrando e cada vez notamos máis o que provoca limitar os recursos destinados á ciencia e ao sistema sanitario universal.

No seu día internacional, debemos lembrar que negarlle a alguén o acceso ao dereito á saúde, educación, vivenda ou a unha vida digna, ou dificultalo dalgún xeito, é violencia. Unha violencia doada de agochar, si, pero violencia ao fin e ao cabo. Como sociedade non podemos permitirnos seguir con estes modelos de vida que nos enfrontan entre nós: somos seres inter e eco-dependentes, e como tal, debemos ficar unidas para afrontar todas as problemáticas que virán. Loitar polos dereitos humanos e a paz non é unha opinión: é unha obriga que temos como seres humanos.

Feliz día internacional da non violencia e da paz a todas as que facedes do mundo un lugar máis xusto, máis en paz.