Galicia
Galicia
0

O goberno e Congreso deixan na rúa a 70.000 familias vulnerables ao non validar a moratoria antidesafiuzamentos

Desde a plataforma #NiUnDesahucioMás, que agrupa a máis de 100 entidades de todo o Estado, lembran que, aínda que esta moratoria necesitaba melloras notables para ampliar a súa cobertura, era a única medida que demostrara a súa efectividade á hora de deter os desafiuzamentos de familias vulnerables sen alternativa habitacional.

Amnistía Internacional, As Ninguéns, Fervenza e o Sindicato de Inquilinas convocan unha concentración en Vigo ás 19.30 diante do MARCO para esixir medidas para garantir o dereito á vivenda digna.

• O goberno ten a responsabilidade de aprobar e acordar un novo Decreto Lei que evite a inseguridade xurídica para as familias
• As Administracións non teñen alternativas: urxe poñer en marcha un plan de emerxencia con medidas estruturais para garantir o dereito a unha vivenda digna

(Vigo).- En plena crise de vivenda, o Congreso dos Deputados rexeitou este martes 27 de xaneiro prorrogar a moratoria de desafiuzamentos que mantén paralizados uns 70.000 desafiuzamentos de persoas en situación de vulnerabilidade. A medida, incluída dentro do escudo social, conseguira deter un de cada catro desafiuzamentos desde a súa posta en marcha en 2020, en plena crise pola Covid-19.

Desde a plataforma #NiUnDesahucioMás, que agrupa a máis de 100 entidades de todo o Estado, lembran que, aínda que esta moratoria necesitaba melloras notables para ampliar a súa cobertura, era a única medida que demostrara a súa efectividade á hora de deter os desafiuzamentos de familias vulnerables sen alternativa habitacional. Por iso denuncian a enorme irresponsabilidade que se deixara caer este decreto, causando inseguridade e incerteza ás familias.

Neste sentido sinalan, por unha banda, aos grupos parlamentarios que votaron en contra -PP, Junts, UPN e VOX-, en especial a Junts, tendo en conta o especial contexto catalán no que se reactivarán máis de 13.000 procesos de desafiuzamento. Por outra banda, a plataforma sinala tamén ao goberno como actor indispensable para que este decreto lei non saia adiante, ao non conseguir os consensos para sacar adiante a norma e non propoñer ningunha medida estrutural e permanente que garanta o dereito á vivenda.

Obxectivo: dar seguridade ás familias

Para a plataforma a prioridade é clara: non se pode deixar ás familias na rúa, a Administración agora mesmo non ten alternativas para afrontar o drama social que se aveciña. Por iso, instan o goberno a aprobar un novo decreto lei que dea cobertura xurídica clara a todos os lanzamentos, ampliando a protección ás familias vulnerables. Ademais, o executivo ten que traballar cos apoios necesarios para sacar adiante esta medida con garantías. Unha vez aprobado este decreto, o goberno e os grupos parlamentarios deben negociar un plan de actuación urxente que asegure o mantemento da vivenda -ou un realoxamento digno- coa mobilización de fondos do Plan Estatal de Vivenda (agora en tramitación), o despregamento de o tento e retracto para mobilizar vivendas privadas en mans de grandes tedores e a posta a disposición das vivendas da SAREB, especialmente ante o anuncio da venda inminente de grandes carteiras de vivendas por parte dos fondos de investimento.

Mentres tanto, a sociedade civil vai usar todas as ferramentas dispoñibles para mostrar o seu rexeitamento ante esta vulneración de dereitos: as organizacións en defensa da vivenda anunciaron mobilizacións para o mércores día 28 de xaneiro en Madrid, Barcelona e noutras localidades como Vigo para forzar medidas urxentes para recuperar a moratoria de desafiuzamentos así como para prorrogar de forma obrigatoria os máis de 600.000 contratos de alugueiro que se prevén que finalizarán este ano e que, como consecuencia da actual crise de vivenda, derivarán en máis lanzamentos. A concentración en Vigo terá lugar este mércores 28 de xaneiro ás 19.30 h. diante do MARCO e está organizada por Amnistía Internacional, As Ninguéns, o sindicato estudantil Fervenza e o Sindicato de Inquilinas.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *