Galicia
Galicia

Raquel Martí (UNRWA España): “É esencial que Nacións Unidas forme parte da reconstrución de Palestina”

A Axencia das Nacións Unidas para os Refuxiados de Palestina en Oriente (UNRWA) está a sufrir unha situación crítica na Franxa de Gaza

Raquel Enríquez para Amnistía Internacional

A visita de Raquel Martí á capital galega foi atarefada. O pasado 23 de febreiro a Directora Xeral da UNRWA en España atendeu a medios de comunicación pola mañá e pola tarde ofreceu unha conferencia na Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela (USC), onde falou sobre a crúa realidade en Palestina polo xenocidio de Israel, especialmente na Franxa de Gaza. Despois respondeu as numerosas preguntas e consideracións dos participantes no acto. Non obstante, e aínda sendo xa a hora da cea cando o acto rematou, Martí non dudou en adicar uns minutos a responder as preguntas do equipo de Comunicación de Amnistía Internacional Galicia.

– Como explicaría a diferencia entre o traballo da UNRWA e das organizacións internacionais non gubernamentais (OING) en Palestina? Cales son as diferenzas nos seus labores?

Hai que partir da base de que a UNRWA é a maior axencia das Nacións Unidas en Palestina e se ocupa de tódolos servizos sociais. Damos educación, saúde, microcréditos, apoio as mulleres… Traballamos en tódolos ámbitos da poboación palestina, o que nos convirte en algo similar a un paragoberno.

Somos os responsables de toda esta poboación e, polo tanto, os responsables de tódolos seus servizos. Por exemplo, en total temos medio millón de alumnos en máis de 700 escolas que xestionamos directamente, co noso personal propio. Tamén temos una rede de 145 clínicas de saúde; só en Gaza atendemos a 16.000 persoas a diario.

As ONG fan un traballo absolutamente loable, pero é moito máis reducido que a capacidade que ten UNRWA. Esa é a diferenza fundamental.

Na conferencia falou dos distintos e numerosos ataques de Israel á UNRWA, desde a deslexitimación ao vencellarvos con Hamás (sen probas) até a destrución da sede en Xerusalén. Canto tempo cree que poderá seguir a funcionar a UNRWA en Palestina se se manteñen as condicións actuais?

UNRWA leva traballando nunhas condicións complicadas desde fai décadas. Sempre pasamos por crises económicas, nunca conseguimos ter todo o financiamento que precisamos.

Pasamos por tódolos conflitos en Oriente Medio. Pasamos a guerra de Siria durante 11 anos, tódalas intifadas, tódalas guerras en Líbano, tódalas ofensivas israelís na Franxa de Gaza, e seguimos traballando.

A verdade é que este traballo sería inviable sen os traballadores palestinos, sen os nosos refuxiados de Palestina. Para traballar na UNRWA tes que ser refuxiado de Palestina. Polo tanto, todo o noso personal é refuxiado de Palestina. E eles son os que mantiveron tódolos servizos da UNRWA en marcha ao longo destes dous anos terribles [dende o estalido do conflito actual na Franxa en outubro de 2023]. Son os que seguen traballando cada día para que o labor da UNRWA continúe.

Nós, como [traballadores] internacionais, desde fora, o único que podemos facer é seguir apoiándolles para que continúen con este labor.

Aínda con todo o que pasamos, ata agora Israel non puido connosco. E creemos que imos seguir adiante todo o que podamos, aínda que sexa físicamente imposible.

Na charla tamén avogou por que sexa Nacións Unidas (a ONU) a que se faga cargo da reconstrución de Gaza. Pensa que dita organización pode realmente afrontalo coa crise de liquidez que sofre, en parte, polos impagos de Estados Unidos?

Estados Unidos é o que creou o maior buraco económico en Nacións Unidas deixando de financiar a 31 organizacións. E tampouco pagou as cotas ao fondo xeral da ONU, que lle corresponden como Estado membro de Nacións Unidas.

É importante recuperar este financiamento e a participación da administración norteamericana na ONU para poder continuar. Senón, imos estar nunha situación bastante complicada.

É certo que outros países están a aumentar o seu financiamento, pero é esencial que Estados Unidos volva retomar o seu.

En calquera caso, é esencial que Nacións Unidas forme parte da reconstrución de Palestina para garantir que os valores humanitarios, a neutralidade e a transparencia, sexan a base.

Por último, en relación con que dixo antes que é a primeira vez en 20 anos que non sabe responder a cal é o futuro de Gaza: considera que a solución dos dous Estados segue sendo viable?

Creo que cada vez é máis difícil a solución dos dous Estados. Porén, penso que hai que seguir defendéndoa.

Evidentemente, poderíanse facer outras fórmulas que son tamén viables e importantes. Hai moita poboación en Palestina que avoga pola solución dun único Estado. O que pide a maior parte é ter os mesmos dereitos civís recoñecidos que os israelís, e non vivir baixo unha ocupación na que non se aplican as mesmas leis aos palestinos e aos israelís.

O importante é atopar a solución coa que a palestina poida vivir con dereitos, sexa en un Estado ou en dous.