En cidades como Vigo, con máis de 2.500 pisos destinados a uso turístico sen contar as ilegais, a redución da oferta de alugueiro estable é evidente. Cando a vivenda deixa de ser un fogar e pasa a ser un produto especulativo, a presión sobre os prezos increméntase automaticamente.
Publicamos o 2º dos sete artigos da serie «A Vivenda Cústanos a Vida» de Uxía Oliveira, da Alianza Pola Vivenda – Vigo, esta vez sobre un tema de actualidade no período estival: os pisos turísticos, que afecta a moitas zonas de Galicia e do resto de España.
A proliferación da vivenda turística en Vigo converteuse nun dos factores máis determinantes da crise habitacional actual. Porén, non se pode entender este fenómeno sen atender tamén a quen toma as decisións sobre a súa regulación. Nun contexto no que parte dos cargos públicos, de diferentes formacións políticas, manteñen intereses directos no negocio do rendismo e mesmo na propiedade ou promoción deste tipo de alugueiros, resulta difícil esperar unha normativa realmente contundente e orientada ao interese xeral.
Este é un dos primeiros problemas de fondo: quen debería limitar ou ordenar o mercado ten, en moitos casos, incentivos para non facelo. A consecuencia é unha regulación feble, lenta ou chea de excepcións que permiten a expansión continuada dos pisos turísticos.
En paralelo, espállase o falso argumento de que o alugueiro turístico non afecta ao mercado de vivenda de longa duración. Resulta difícil sostelo cando miles de vivendas desaparecen do mercado residencial á costa dese modelo. En cidades como Vigo, con máis de 2.500 pisos destinados a uso turístico sen contar as ilegais, a redución da oferta de alugueiro estable é evidente. Cando a vivenda deixa de ser un fogar e pasa a ser un produto especulativo, a presión sobre os prezos increméntase automaticamente.
A solución política existente coñécese perfectamente: limitación de licenzas, control de número de pisos por zonas, restrición por propietario… medidas aplicadas noutras cidades. O problema non é técnico, senón de vontade política.
A expansión destes usos tamén transforma profundamente a vida urbana. Os barrios perden residentes estables e gañan visitantes temporais. Cambia o comercio, desaparecen servizos de proximidade e substitúense por negocios orientados ao turismo. O tecido veciñal debilítase e a cidade vai perdendo parte da súa vida comunitaria.
A isto súmanse as molestias evidentes que sofren quen aínda vive nestes edificios: rotación constante de persoas, ruído, falta de estabilidade e unha convivencia cada vez máis difícil. Pero o impacto máis grave é estrutural: a expulsión progresiva da veciñanza dos seus propios barrios.
A xentrificación non é unha palabra abstracta. É un proceso real que está a transformar Vigo, elevando prezos e redefinindo quen pode vivir en cada zona da cidade. E detrás deste proceso hai decisións políticas concretas e intereses económicos moi definidos: moitas das responsables son especuladoras e viven dese modelo: non van ir en contra do seu. Por iso é necesario sinalar con claridade que a proliferación de vivenda turística sen control é unha das principais causas da crise de acceso á vivenda. E tamén que moitas das persoas que deberían regular esta situación forman parte, directa ou indirectamente, do propio sistema que a sostén.
