Galicia
Galicia

«As autoridades españolas e marroquís deben situar as súas obrigas en materia de dereitos humanos no centro da súa resposta a esta situación. Deben garantir o acceso ao sistema de asilo a quen o solicite e respectar os dereitos humanos de todas as persoas migrante».

Amnistía Internacional esixe á Xunta e partidos políticos solidariedade e responsabilidade compartida e evitar declaracións que poidan contribuír á discriminación e ao discurso de odio.

En resposta ao cruzamento de decenas de miles de persoas, entre elas nenos e nenas, desde Marrocos cara ao enclave español de Ceuta, e á morte de polo menos 57 persoas entre o xoves e o venres —segundo os informes recibidos—, Sara Prieto, voceira de Amnistía Internacional Galicia, declarou:

“Amnistía Internacional está a seguir moi de cerca a situación. As autoridades españolas e marroquís deben situar as súas obrigas en materia de dereitos humanos no centro da súa resposta a esta situación. Deben garantir o acceso ao sistema de asilo a quen o solicite e respectar os dereitos humanos de todas as persoas migrantes, independentemente de como chegasen e sen discriminación algunha.”

“O elevado número de persoas que están a chegar a Ceuta e as circunstancias en que se está producindo o cruzamento non deben desviar a atención do feito de que, en virtude do dereito internacional, o principio de non devolución é absoluto e as expulsións colectivas están prohibidas en todos os casos.”

“Todas as forzas despregadas deben actuar de conformidade co dereito e as normas internacionais, tamén no que respecta ao uso da forza. As autoridades españolas tamén deben garantir o despregamento de recursos sanitarios e de asistencia social adecuados para responder ás necesidades destas persoas, incluídas as de nenos, nenas e outras persoas expostas a un maior risco de sufrir violacións de dereitos humanos.”

“Amnistía Internacional insta as autoridades españolas a adoptar as medidas necesarias para evitar que a súa resposta a esta situación teña efectos discriminatorios, en particular sobre as persoas racializadas e a infancia, e a condenar a difusión de discursos racistas.”

“Facemos un chamamento á responsabilidade e solidariedade compartida de todas as administracións e partidos políticos. Lembramos que as normas internacionais de dereitos humanos establecen que debe prohibirse toda expresión de odio nacional, racial ou relixioso que constitúa incitación directa á discriminación, hostilidade ou violencia contra un grupo vulnerable”.

“Reclamamos ás autoridades públicas que condenen publicamente calquera tipo de actuación racista ou xenófoba ou islamófoba, aborden as causas orixinarias e estruturais do racismo e a xenofobia e tomen medidas ante a difusión de trolas, desinformación e as noticias falsas e estigmatizantes. Nese sentido, lamentamos as declaracións de onte do conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, que pediu ao goberno de España “deixar de tensionar, sobre todo, os sistemas de acollida das comunidades autónomas”. Cómpre deixar á infancia migrante non acompañada fóra de liortas partidistas e garantir os recursos necesarios para unha acollida digna destas persoas”.

Información complementaria

As autoridades de Ceuta estiman que cruzaron a fronteira máis de 60.000 persoas. España despregou unidades do exército en Ceuta para apoiar á policía e a Garda Civil.Segundo a información recibida, miles de persoas están a durmir na rúa. Amnistía Internacional seguirá facendo seguimento da situación para detectar calquera indicio de que  se están cometendo violacións de dereitos humanos no control fronteirizo, como  o uso excesivo da forza ou vulneracións relacionadas co principio de non devolución.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *