Galicia
Galicia

Achegas de Amnistía Internacional para o debate de política xeral en Galicia

Amnistía Internacional presenta aos grupos parlamentarios do parlamento galego recomendacións sobre cinco temas clave de dereitos humanos en clave autonómica: sanidade, vivenda, crise climática, violencia de xénero e acollida á infancia migrante.

Co gallo da celebración do debate sobre política xeral entre o mércores 8 e o venres 10 de abril de 2026 no Parlamento Galego, Amnistía Internacional Galicia presenta aos grupos parlamentarios do parlamento galego unha serie de recomendacións sobre cinco temas clave de dereitos humanos en clave autonómica: sanidade, vivenda, crise climática, violencia de xénero e acollida á infancia migrante para a súa consideración na presentación das propostas de resolución no marco do devandito debate.

As principais recomendacións refírense a:

i) SANIDADE – Elaborar un plan plurianual de investimento en materia de sanidade, de xeito que Galicia dedique á Atención Primaria o 25% do seu orzamento sanitario, como recomenda a Organización Mundial da Saúde (OMS).

ii) VIVENDA – Dobrar os recursos investidos en vivenda e incorporar a perspectiva de xénero nestas actuacións para que, en 2030, Galicia acade a media europea do 15% do parque de vivenda social a prezo accesible.

iii) CRISE CLIMÁTICA – Garantir que a actuación fronte á crise climática teña un enfoque baseado nos dereitos humanos e medidas de prevención, recuperación e formación da cidadanía en materia de incendios forestais.

iv) VIOLENCIA DE XÉNERO – Aumentar progresivamente os recursos para os xulgados de violencia de xénero, continuar impulsando a formación dos operadores xudiciais para rematar cos prexuízos sexistas que dificultan o acceso á xustiza, garantir que os centros 24 horas contan con equipos multidisciplinares con experiencia en violencia de xénero e un financiamento estable, continuar os esforzos por difundir a súa existencia con información clara e maior coordinación institucional e promover a impartición da educación afectivo-sexual nos centros educativos.

v) INFANCIA MIGRANTE – Dar unha resposta solidaria e corresponsable na acollida á infancia migrante trasladada a Galicia desde os centros saturados de Canarias e Ceuta, asignando os recursos adecuados para garantir unha acollida digna en centros pequenos adecuados, en lugar de macrocentros, e familias acolledoras, con supervisión efectiva e itinerarios individualizados de inclusión e formación.

Reproducimos a continuación o documento de incidencia política enviado aos grupos parlamentarios do parlamento galego.

Abril de 2026 – Documento de incidencia de Amnistía Internacional Galicia

Achegas de Amnistía Internacional Galicia para o debate sobre política xeral no parlamento galego (8-10 de abril 2026)

Co gallo da celebración do debate sobre política xeral entre o mércores 8 e o venres 10 de abril de 2026, Amnistía Internacional Galicia presenta aos grupos parlamentarios do parlamento galego as seguintes recomendacións sobre cinco temas clave de dereitos humanos: sanidade, vivenda, crise climática, violencia de xénero e acollida á infancia migrante para a súa consideración na presentación das propostas de resolución no marco do devandito debate.

As principais recomendacións refírense a:

  1. Elaborar un plan plurianual de investimento en materia de sanidade, de xeito que Galicia dedique á Atención Primaria o 25% do seu orzamento sanitario, como recomenda a Organización Mundial da Saúde (OMS).
  2. Dobrar os recursos investidos en vivenda e incorporar a persepectiva de xénero nestas actuacións para que, en 2030, Galicia acade a media europea do 15% do parque de vivenda social a prezo accesible.
  1. Garantir que a actuación fronte á crise climática teña un enfoque baseado nos dereitos humanos e medidas de prevención, recuperación e formación da cidadanía en materia de incendios forestais.
  2. Aumentar progresivamente os recursos para os xulgados de violencia de xénero, continuar impulsando a formación dos operadores xudiciais para rematar cos prexuízos sexistas que dificultan o acceso á xustiza, garantir que os centros 24 horas contan con equipos multidisciplinares con experiencia en violencia de xénero e un financiamento estable, continuar os esforzos por difundir a súa existencia con información clara e maior coordinación institucional e promover a impartición da educación afectivo-sexual nos centros educativos.
  3. Dar unha resposta solidaria e corresponsable na acollida á infancia migrante trasladada a Galicia desde os centros saturados de Canarias e Ceuta, asignando os recursos adecuados para garantir unha acollida digna en centros pequenos adecuados, en lugar de macrocentros, e familias acolledoras, con supervisión efectiva e itinerarios individualizados de inclusión e formación.

1. Sanidade

Entre 2009 e 2022, o gasto sanitario total en Galicia baixou un 5% e en Atención Primaria, nun 7%. En 2023, o 71,6% das citas tiñan un tempo de agarda superior á 48 horas, fronte ao 28% en 20181. Nos orzamentos de 2026, malia as longas listas de agarda, o gasto hospitalario só se incrementou un 3,6%, e á Atención Primaria dedicouse o 14,3%, cando o OMS recomenda o 25%.

Para cambiar esta situación, recomendamos

  • Elaborar un plan plurianual de investimento para que Galicia dedique á Atención Primaria o 25% do seu orzamento sanitario, como aconsella a Organización Mundial da Saúde (OMS).

2. Vivenda

Galicia está a atravesar, como o resto de España e moitos outros países, unha crise habitacional, cun aumento constante dos prezos de alugueiros na última década e unha crecente presión sobre a dispoñibilidade de vivenda, en parte provocada polo aumento de vivendas de uso turístico, entre outras cuestións, malia a existencia de máis de medio millón de vivendas baleiras, o 28’8% do parque total, segundo o último Censo de Vivendas elaborado polo Instituto Nacional de Estatística (INE) publicado en 2023 con datos correspondentes ao 2021. Nese informe recóllese que 506.370 do total de 1.757.739 vivendas de Galicia están baleiras, o que equivale ao 28,8%. Por outra banda, en Galicia houbo cerca de 1.000 lanzamentos2 en 2025, a maioría por impago de alugueiro, e coa caída do escudo social a principios de 20263, miles de lanzamentos poden reactivarse en toda España.

O compromiso expresado pola Xunta nesta lexislatura era acadar as 8.000 vivendas sociais en 2028. Con todo, da recente aprobación do II Pacto de Vivenda de Galicia 2026 – 20304 supón un cambio de escenario, en relación co que queremos destacar tres cuestións clave:

i) Ausencia de programas ou accións enfocadas a situacións de exclusión residencial severa como o senfogarismo ou o chabolismo.

ii)Ausencia de atención de maneira prioritariaa situacións de emerxencia habitacional, reforzando mecanismos de resposta inmediata ante desafiuzamentos, senfogarismo e vulnerabilidade residencial extrema.

iii) Financiamento insuficiente. Algúns dos aspectos con maior enfoque social do Pacto están supeditados ao futuro Plan Estatal de Vivienda ou a fondos europeos, o Bono Alugueiro Social, o Bono Alugueiro Social para vítimas de violencia de xénero, o Bono Entidades ou o programa de axudas para alugamento de vivenda destinado a persoas con escasos medios económicos.

Celebramos o esforzo e medidas que está a por en marcha a Xunta de Galicia para a ampliación do parque de vivenda social, pasando a 8.000 a 10.000 vivendas, malia que sexa insuficiente para dar unha resposta a toda a poboación que solicitou vivenda social. Igualmente, valoramos positivamente o esforzo da Consellería en cumprir no 2028 non só o compromiso de duplicar o parque público de vivenda social senón de estar a sentar os alicerces para continuar aumentándoo no futuro. Este esforzo debería permitir como mínimo duplicar de novo o parque na seguinte lexislatura 2028-2032, de 8.000 a 16.000 vivendas, o que supón que en 2030 podería ampliarse a 4.000 vivendas.

En conclusión, a principal eiva do II Pacto é que, malia usar unha linguaxe aparentemente inclusiva, non se constrúe dende un enfoque de dereitos nin de loita contra a pobreza e a exclusión residencial, senón dende unha lóxica predominante de mercado, de xestión patrimonial e de planificación sectorial da construción. Por todo isto recomendamos:

  • Incorporar a perspectiva de xénero de xeito transversal no Plan.
  • Cumprir a Axenda Social Única de Galicia 2021-2024 que inclúe medidas de inclusión residencial como o ‘Proxecto na casa’, cuxo obxectivo principal é a creación dunha bolsa de 100 vivendas para persoas sen fogar xestionadas conxuntamente polas administracións públicas galegas.
  • Elaborar e pór en marcha un programa específico accións para a erradicación do chabolismo e a infravivenda en Galicia no 2030.
  • Elaborar un programa de infravivenda cunha maior dotación orzamentaria que non se limite a municipios pequenos e medianos.
  • Duplicar a meta de vivenda social para 2030.
  • Aplicar o control de prezo de alugueiros en zonas tensionadas previsto pola Lei de Vivenda.
  • Continuar aumentando progresivamente o orzamento dedicado a rehabilitación de vivendas para pór no mercado de alugueiro.
  • Seguir impulsando os programas de intermediación do alugueiro dentro das accións de promoción de vivenda social.
  • Un Programa contra Desafiuzamentos que garanta unha alternativa habitacional a toda persoa desafiuzada sen recursos, protexendo especialmente a persoas maiores.
  • Reforzar os recursos humanos e materiais nas Consellerías de Vivenda e Política Social para garantir a posta en funcionamento destas medidas.

3. Crise climática

Nun contexto de crise climática global, cómpre impulsar medidas que garantan unha transición ecolóxica xusta e un abandono urxente e progresivo dos combustibles fósiles. Tras a crise de lumes sufrida en 2025, cómpre adoptar medidas de prevención de incendios forestais, recuperación e formación da cidadanía5. Por iso recomendamos:

· Elaborar unha política de prevención de incendios forestais que prepare os montes no contexto do cambio climático cunha xestión forestal preventiva e campañas de extinción de incendios que non estean ligadas á época estival.

· Dignificación das condicións laborais e o fin da temporalidade e precariedade das persoas que se enfrontan en primeira liña ao lume, proporcionando estabilidade laboral no sector forestal, dotando de medios suficientes e condicións de traballo dignas aos equipos de extinción.

· Impulsar campañas de sensibilización e de participación cidadá sobre comportamento cidadán fronte ao lume e alternativas ao uso cultural do lume.

· Mellorar a capacidade e os medios dos equipos de investigación dos incendios que permitan levar diante da xustiza ás persoas responsables.

· Promover unha política forestal que diversifique a produción de produtos do monte, que combine actividades e especies forestais que sexan quen de xerar paisaxes máis resilientes ao lume, mellore a biodiversidade e evite a eucalipitización do territorio con medidas contundentes para limitar as plantacións forestais, especialmente de eucalipto, como especie exótica invasora que esgota os recursos hídricos do solo e é tremendamente inflamable.

· Integración dos dereitos humanos no centro das políticas de prevención, resposta e reparación, garantindo a transparencia e o acceso á información fiable, oportuna, pertinente, accesible e precisa, sen discriminación.

4. Violencia de xénero

Segundo datos oficiais, dos 48 asasinatos de mulleres en España en 2025 polas súas parellas ou exparellas, dous foron en Galicia6, onde só hai un centro 24 horas de atención a vítimas de violencia sexual por cada 541.166 persoas, moi lonxe do recomendado polo Grupo de expertos sobre a loita contra a violencia contra as mulleres e a violencia doméstica do Consello de Europa, que avoga por un centro por cada 200.000 habitantes. Moitos deles están dentro de hospitais, sen sinalización, o que xera desconfianza en colectivos vulnerabilizados. Con todo, no aspecto positivo, Galicia é a única comunidade autónoma, xunto a Asturias, nas que os cinco centros existentes están abertos as 24 horas os setes días da semana7. Por iso recomendamos:

· Adoptar medidas para garantir que estes centros 24 horas contan con equipos multidisciplinares con experiencia en violencia de xénero e un financiamento estable.

· Continuar os esforzos por difundir a súa existencia e servizos que prestan entre a poboación que pode demandalos con información clara e maior coordinación institucional.

· Aumentar progresivamente os recursos para os xulgados de violencia de xénero, continuar impulsando a formación dos operadores xudiciais para rematar cos prexuízos sexistas que dificultan o acceso á xustiza e promover a impartición da educación afectivo-sexual nos centros educativos

5. Acollida á infancia migrante

Acollemos con satisfacción as declaracións da Conselleira de Política Social no parlamento de Galicia o 24 de setembro nas que afirmaba que a atención que a Xunta ofrecerá aos menores trasladados de centros saturados en Canarias e Ceuta sería “integral, tanto sanitaria, como educativa e social”. Valoramos de xeito positivo o diálogo aberta coa sociedade civil galega sobre esta cuestión8. Por todo iso, recomendamos:

· Continuar os esforzos para dar unha resposta solidaria e corresponsable de acollida a menores migrantes procedentes de centros saturados en Canarias e Ceuta

· Seguir promovendo un sistema de acollida digno con centros pequenos adecuados en lugar de macrocentros, con supervisión efectiva, familias acolledoras, ademais de deseñar itinerarios individualizados de inclusión e formación.

1https://www.es.amnesty.org/en-que-estamos/campanas/defiende-tu-sanidad-2024/

2 https://x.com/Amnistia_Vigo/status/2041080843129491931?s=20

3https://blogs.es.amnesty.org/galicia/2026/02/03/vivenda-reaccion-a-aprobacion-do-real-decreto-sobre-o-escudo-social-polo-consello-de-ministros/

4 https://igvs.xunta.gal/sites/default/files/Pacto%20de%20vivenda/ii-pacto-de-vivenda-de-galicia-2026-2030.pdf

5https://blogs.es.amnesty.org/galicia/2025/11/10/sobre-a-vaga-de-lumes-en-galicia-unha-cuestion-de-dereitos-humanos/ e https://www.ecologistasenaccion.org/346411/urxen-medidas-amplas-efectivas-e-duradeiras-para-facer-fronte-aos-incendios-forestais/

6 https://violenciagenero.igualdad.gob.es/violenciaencifras/victimasmortales/fichamujeres/

7https://www.es.amnesty.org/en-que-estamos/noticias/noticia/articulo/amnistia-internacional-senala-en-un-nuevo-informe-los-obstaculos-con-los-que-se-encuentran-las-victimas-de-violencia-sexual-para-ser-atendidas-de-manera-integral-en-los-centros-de-crisis-24-horas/

8 https://blogs.es.amnesty.org/galicia/2025/10/01/amnistia-internacional-pide-a-xunta-que-asigne-recursos-para-reforzar-os-centros-pequenos-e-familias-acolledoras-da-infancia-migrante/