Galicia
Galicia

Reclamamos garantías para unha travesía segura da Flotilla Global Sumud

As autoridades israelís deben garantir unha travesía segura a estas activistas desarmadas e defensoras dos dereitos humanos.

Participamos no acto de apoio á Flotilla o domingo ás 12.00 h. na Esplanada do Náutico organizado pola Plataforma Cívica Vigo Pro Palestina da que Amnistía Internacional forma parte e nas mobilizacións en Pontevedra o sábado 11 de abril.

O domingo 12 de abril de 2026, a Flotilla Global Sumud, que conta con activistas galegas, partirá unha vez máis no marco dunha iniciativa civil coordinada destinada a romper o bloqueo ilegal imposto por Israel sobre a Franxa de Gaza ocupada. Con máis de 70 embarcacións e 3.000 participantes de 100 países, a misión da primavera de 2026 inclúe unha flota médica especializada composta por 1.000 profesionais sanitarios, que transportará subministracións vitais para axudar ao esnaquizado sistema sanitario de Gaza. A misión ten como obxectivo prestar asistencia ás e aos palestinos que sofren o xenocidio en curso perpetrado por Israel e décadas de cruel apartheid. En resposta ao inicio da misión Primavera 2026, Isabel Flores, coordinadora de Amnistía Internacional Vigo, organización que participará mañá no acto de apoio á Flotilla o domingo ás 12.00 h. na Esplanada do Náutico organizado pola Plataforma Cívica Vigo Pro Palestina da que forma parte, declarou:

«A Flotilla Global Sumud é un poderoso símbolo da solidariedade internacional coa poboación palestina de Gaza, que están a sufrir un xenocidio en curso e un bloqueo inhumano que xa se achega ao seu décimo noveno ano. As autoridades israelís deben garantir unha travesía segura a estas activistas desarmadas e defensoras dos dereitos humanos. Non debe repetirse a interceptación ilegal e as detencións arbitrarias que Israel levou a cabo en 2025, incluída a incautación do Madleen e outros buques que participaban na Flotilla Global Sumud, nin os abusos e malos tratos inflixidos aos activistas durante a súa detención o pasado mes de outubro”.

O mero feito de que estas misións civís sigan navegando é unha denuncia directa da terrible inacción da comunidade internacional.

«Como potencia ocupante, Israel ten a obrigación legal de garantir que os palestinos de Gaza teñan acceso sen restricións á axuda humanitaria, desde bens básicos ata subministracións e artigos de primeira necesidade, e con todo segue ignorando de xeito flagrante as súas obrigacións legais e as medidas provisionais vinculantes ordenadas pola Corte Internacional de Xustiza, en violación do dereito internacional, sinalou a voceira de Amnistía Internacional.

«O feito de que estas misións civís sigan partindo, en primeiro lugar, é unha denuncia directa da terrible inacción da comunidade internacional. Os Estados deben cumprir coas súas obrigacións legais en virtude do dereito internacional e adoptar medidas concretas para axudar a poñer fin ao xenocidio de Israel contra a poboación palestina en Gaza, entre outras cousas presionando a Israel para que poña fin ao seu bloqueo ilegal, que segue inflixindo un sufrimento implacable ás e aos palestinos. Os Estados tamén deben garantir a protección de quen actúa para poñer fin á impunidade de Israel polas súas violacións dos dereitos da poboación palestina en Gaza».

Antecedentes

A flotilla da primavera de 2026 chega no medio dunha grave crise humanitaria na que, segundo a ONU, máis do 60% dos nenos menores de dous anos sofren pobreza alimentaria e miles de mulleres embarazadas e lactantes seguen padecendo malnutrición. Seis meses despois do chamado acordo de cesamento do fogo de outubro de 2025 e a pesar dunha redución na escala dos ataques, Israel persiste nos seus actos xenocidas contra contra a poboación palestina en Gaza ao seguir inflixindo deliberadamente condicións de vida calculadas para provocar a súa destrución física. Israel segue impoñendo restricións á entrada en Gaza de artigos indispensables para a supervivencia da poboación civil, entre eles alimentos adecuados, medicamentos, equipo médico e dispositivos de asistencia, material para refuxios e o equipo necesario para a purificación da auga e a retirada de entullos, municións sen detonar e residuos. Israel tamén está a limitar a distribución da axuda, entre outras cousas restrinxindo que organizacións poden entregar axuda humanitaria dentro da Franxa de Gaza.

Polo menos 723 persoas palestinas en Gaza, na súa maioría civís, perderon a vida desde o denominado cesamento do fogo e a inmensa maioría da poboación segue desprazada, mentres que as forzas israelís permanecen plenamente despregadas en case o 60% da Franxa de Gaza, que é, na práctica, unha zona de acceso prohibido para a poboación palestina.