Galicia
Galicia

Estados Unidos: A Cámara de Representantes atende as peticións de activistas e rexeita aprobar sen máis miles de millóns para o ICE e a Garda Fronteiriza

O diñeiro da cidadanía non debe financiar a crueldade e as violacións dos dereitos humanos do ICE e do CPB

30 de abril

En resposta á aprobación por parte do Congreso do proxecto de lei de financiamento do Departamento de Seguridade Nacional, que non destina fondos a Inmigración e Aduanas (ICE, polas súas siglas en inglés) nin ao Centro de Información de Aduanas e Protección Fronteiriza (CBP), Amy Fischer, directora de Dereitos das Persoas Refuxiadas e Migrantes de Amnistía Internacional EEUU, declarou:

«Hoxe, o Congreso puxo fin ao peche gobernamental máis longo da historia e escoitou as peticións de millóns de persoas de todo o país que esixían que non se destinase nin un dólar máis ao ICE e CBP. Por primeira vez desde a creación do Departamento de Seguridade Nacional e do ICE, o Congreso negouse a aprobar sen máis o desembolso de miles de millóns de dólares dos contribuíntes a organismos que aterrorizan ás nosas comunidades, violan a lei e maltratan, torturan e matan os nosos veciños. As accións violentas destas axencias federais inflixiron un dano profundo e violaron os dereitos humanos con total impunidade. A aprobación deste proxecto de lei supón unha vitoria para os dereitos e a dignidade das comunidades de inmigrantes en todo Estados Unidos.

«Aínda que nos alegra que as e os lexisladores aprobasen este proxecto de lei de financiamento sen destinar nin un só dólar a ICE e ao CBP, sabemos que o presidente Trump e os seus aliados no Congreso están a buscar agora unha vía alternativa para financiar a estas axencias con ata 140.000 millóns de dólares sen reformas, a través do proceso de reconciliación orzamentaria. Mantémonos firmes na nosa postura de que o diñeiro da cidadanía non debe financiar a crueldade e as violacións dos dereitos humanos do ICE e do CPB.

«Este proxecto de lei tampouco inclúe as reformas fundamentais que farían que o ICE e o CBP rendesen contas. Para as comunidades de todo o país, a realidade sobre o terreo seguirá sendo a mesma e as comunidades de inmigrantes, así como quen defende os seus dereitos, seguirán enfrontándose á violencia a mans dos axentes federais. O Congreso debe actuar para poñer freo ás accións ilegais destas axencias».