Galicia
Galicia

Ante a crecente tensión en Ceuta, Amnistía Internacional pide ás autoridades que protexan a todas as persoas, incluídas migrantes e refuxiadas

«Pedimos a todos os partidos políticos e autoridades que condenen publicamente os actos e discursos racistas e xenófobos, que só contribúen a incrementar a violencia e odio contra as persoas migrantes e refuxiadas, incluída a infancia migrante que viaxa soa».

Amnistía Internacional amosa a súa preocupación polo crecente clima de violencia e tensión na rúa en Ceuta. A organización pide ás autoridades que protexan a todas as persoas, incluíndo migrantes e refuxiadas, e que garantan que o persoal humanitario pode desenvolver o seu labor en condicións de seguridade.

«Coñecemos as dificultades ás que se enfrontan as forzas de seguridade e forzas armadas en Ceuta, incluído o risco de sufrir agresións», declarou Sara Prieto, voceira de Amnistía Internacional Galicia, «pero a nosa organización tamén recibiu denuncias e testemuños cribles de uso excesivo da forza por parte de membros de forzas de seguridade do Estado contra migrantes e tamén por parte de particulares, que en ocasións acompañan as súas agresións e fustrigación con insultos racistas».

«Especialmente grave, pola súa impunidade e porque ocorreu a plena luz do día, foi a queima de parte do campamento informal de migrantes na praia Benítez de Ceuta», engadiu a voceira de Amnistía. «Que saibamos, polo de agora non hai aínda persoas detidas por este feito».

Persoal humanitario, da Cruz Vermella e doutras entidades, está a recibir ameazas e vendo obstaculizada o seu labor, cuxo único obxectivo é repartir comida e auga e procurar asistencia humanitaria a persoas que o necesitan.

Toda persoa, con independencia da súa orixe ou status migratorio, ten dereito á protección da súa vida e integridade física. E quen presta asistencia humanitaria deben poder facelo sen medo e con protección adecuada fronte a violencia e ameazas.

A retórica que deshumaniza a migrantes describíndoos como invasores e inimigos a quen cazar, é un caldo de cultivo idóneo para a violencia, o odio e a discriminación. Impedir a entrega de comida e auga non protexe ningunha fronteira: destrúe a nosa humanidade.

«Pedimos a todos os partidos políticos e autoridades que condenen publicamente os actos e discursos racistas e xenófobos», manifestou a voceira de Amnistía Internacional, «que só contribúen a incrementar a violencia e odio contra as persoas migrantes e refuxiadas, incluída a infancia migrante que viaxa soa».