«Ante un goberno dedicado a aplicar un programa radical de supremacía branca e á destrución do propio sistema de dereitos humanos, o deber do Congreso de frear os abusos do poder executivo e rexeitar a impunidade das persoas responsables deses abusos é agora tan importante como nunca o foi”, Nadia Daar, directora executiva de Amnistía Internacional EE. UU.
4 de novembro de 2026
En resposta á elección de cargos públicos federais, estatais e locais en todo Estados Unidos, a directora executiva de Amnistía Internacional EE. UU., Nadia Daar, declarou:
“A cidadanía dos Estados Unidos elixiu novos representantes en todos os niveis de goberno, e as súas decisións foron claras e contundentes. As persoas elixidas, desde representantes comunitarios ata membros do Congreso, asumen agora unha gran responsabilidade, xa que moitas vidas e medios de subsistencia, tanto dentro como fóra dos Estados Unidos, dependen da súa vontade de defender e protexer os dereitos humanos, os principios democráticos e o Estado de dereito. Isto inclúe combater as medidas autoritarias do Goberno de Trump, o poder corporativo sen control e a corrupción, e loitar polos dereitos de todas as persoas”.
«Ante un goberno dedicado a aplicar un programa radical de supremacía branca e á destrución do propio sistema de dereitos humanos, o deber do Congreso de frear os abusos do poder executivo e rexeitar a impunidade das persoas responsables deses abusos é agora tan importante como nunca o foi”.
“As e os lexisladores teñen moito traballo por diante; é necesario adoptar medidas urxentes para combater os ataques nunha ampla gama de cuestións relacionadas cos dereitos civís, políticos, económicos, sociais e culturais. Pero dispoñen dunha infinidade de ferramentas para facelo —para cambiar o rumbo seguido polo Goberno en materia de dereitos humanos e empezar a esixir responsabilidades ás autoridades—; desde investigacións e medidas lexislativas ata a retirada ou o restablecemento do financiamento. Do mesmo xeito que o mundo estaba pendente dos resultados das eleccións, agora estará pendente do que as autoridades elixidas fagan coas competencias e coas responsabilidades que se lles outorgaron: deben traballar por un futuro no que as persoas poidan vivir libremente e ver satisfeitas as súas necesidades”.
«É hora de adoptar un enfoque diferente na forma de gobernar nos Estados Unidos. Todas as persoas que acaban de ser elixidas para ocupar cargos públicos deberían optar pola rendición de contas fronte á impunidade, pola igualdade fronte á discriminación e polo pleno respecto de todos os dereitos humanos das persoas fronte ao exercicio arbitrario e ilegal do poder».
