«Estamos, aínda, a tempo de evitar os efectos catastróficos dese clima que cambiamos a unha velocidade vertixinosa pero a fiestra de oportunidade para corrixir esa tendencia péchase». Antón Lois, educador ambiental.
Antón Lois, educador e divulgador ambiental
O cambio climático era evitable, tivemos a oportunidade de evitalo pero deixámola pasar.
Anos despois pasamos de “cambio” a “emerxencia climática” e o tempo segue pasando.
As evidencias do cambio son medibles, non só globalmente senón a escala local, e o medible non é discutible.
O aire, a auga, a atmosfera, os chans, os ecosistemas e as especies ofrécennos indicadores concretos do que está a suceder e móstrannos unha tendencia clara cara ao que pode suceder.
Xa non é noticia que cada verán se superen as marcas de temperaturas (e aumenten exponencialmente as mortes polas ondas de calor) pero dise que nuns anos lembraremos estes veráns como os últimos veráns frescos que vivimos.
Os grandes incendios forestais son un exemplo candente de que as regras cambiaron e agora é a emerxencia climática quen marca as novas regras. O problema dos incendios é multicausal e cunha base estrutural que empezou fai máis dun século (e só outro cambio estrutural na recuperación do rural e os seus usos tradicionais solucionarao) pero o clima introduciu un novo factor determinante na nova tipoloxía dos incendios. É unha evidencia máis que se suma aos fenómenos meteorolóxicos extremos que serán cada vez máis intensos e frecuentes.
A economía a escala local está a sufrir xa as consecuencias o descenso na produtividade das rías permite comprobalo con evidencias indiscutibles xa analizadas en diferentes especies con tanto valor comercial como o polbo ou a sardiña.
Podemos mitigar o que se nos vén encima e gañar un tempo precioso para conseguir a adaptación de especies e espazos aos novos escenarios climáticos.
Agora estamos, aínda, a tempo de evitar os efectos catastróficos dese clima que cambiamos a unha velocidade vertixinosa pero a fiestra de oportunidade para corrixir esa tendencia péchase. Estamos a tempo, pero non temos moito tempo.
