AMNISTÍA INTERNACIONAL PIDE AO SUBDELEGADO DO GOBERNO EN PONTEVEDRA QUE GARANTA O DEREITO Á PROTESTA DO SECTOR DO METAL
Pedimos que a policía priorice a distensión e a protección do dereito de reunión pacífica, non use balas de goma, investigue eventuais casos de uso excesivo da forza e protexa ás e aos xornalistas.
Pide que a policía priorice a distensión e a protección do dereito de reunión pacífica, non use balas de goma, investigue eventuais casos de uso excesivo da forza e protexa ás e aos xornalistas
13 de maio de 2026
Vigo.- Nunha carta remitida hoxe ao Subdelegado do Gobierno en Pontevedra, Amnistía Internacional pediulle que garanta o dereito á protesta do sector do metal de Pontevedra, en folga os días 13 e 14 de maio que podería continuar os días 19, 20 e 21 de maio no caso de que os sindicatos non chegasen a un acordo coa patronal.
“Pedimos a Abel Losada que os dispositivos de seguridade previstos para a xestión da orde pública nas manifestacións do metal actúen segundo as normas internacionais de dereitos humanos relativos ao uso da forza, priorizando a distensión e a protección tanto do dereito de reunión pacífica como da integridade física de todas as persoas”, sinalou Isabel Flores, portavoz de Amnistía Internacional en Vigo, que tamén pediu que “a policía non faga uso das balas de goma porque son imprecisas e poden causar lesións graves”. Igualmente pediu que se leven a cabo “investigacións prontas e exhaustivas se tras as eventuais intervencións policiais se denuncian casos de uso excesivo da forza, e se protexa a quen vixía e denuncian os abusos e violacións de dereitos cometidos no contexto das reunións pacíficas, incluídos os membros da prensa, os profesionais do dereito e os defensores e defensoras dos dereitos humanos”.
Flores lembrou que en 2023 Amnistía Internacional xa pediu unha investigación independente polo uso excesivo da forza policial na folga do metal dese verán, unha denuncia recollida no Informe Anual da organización.
“As nosas peticións a Abel Losada coinciden coas recomendacións do informe do Consello de Dereitos Humanos da ONU sobre o Exame Periódico Universal realizado a España en 2025, que destacou que persiste a falta de rendición de contas polo uso excesivo da forza e reiterou a necesidade de que a actuación policial respecte os principios de necesidade e proporcionalidade, o persoal reciba formación conforme as normas internacionais de dereitos humanos, e todas as denuncias sexan investigadas de xeito exhaustivo”, declarou a portavoz de Amnistía Internacional, que pediu ao Subdelegado que pida ao ministerio do Interior que impulse a elaboración e publicación de protocolos transparentes de uso da forza e armas menos letais por parte das forzas de seguridade españolas, con participación social e consulta a expertos médicos, incluída a divulgación de informes pormenorizados en cada ocasión de uso, coa cantidade de armamento utilizado, e atención médica inmediata ás vítimas.
