Galicia
Galicia

«A nosa protesta naceu das AA. VV. da parroquia do Hío, como idea para protestar pola situación xeral da nosa península», Merchi Villar, Asociación de Veciños Terra da Laxe de Pinténs.

A masificación turística leva tempo afectando a Vigo e á Península do Morrazo. O turismo de masas ten un impacto considerable en dereitos humanos como a vivenda, a saúde, o descanso e o traballo, entre outros. Por iso, desde hai máis de 2 anos Amnistía Internacional Vigo traballa de xeito coordinado na Plataforma Fronte á Masificación Turística Vigo – Morrazo con diferentes organizacións ecoloxistas, veciñais e culturais de Vigo e a Península do Morrazo, organizando mobilizacións, elaborando materiais de difusión, promovendo a concienciación cidadá e artellando propostas de mitigación do impacto da masificación turística.

Por exemplo, o verán pasado escribimos á Xunta e aos Concellos pedindo:

* un servizo de lanzadeiras frecuente cara ás praias e parroquias;

* aparcadoiros disuasorios nos principais concellos e

* un plan de impulso do uso da bicicleta.

Podes seguir o traballo da plataforma na súa conta de Instagram e de X.

Falamos con Merchi Villar, membro da directiva da Asociación de Veciños Terra da Laxe de Pinténs para que nos conte que pasa no zona da parroquia de Hío, ateigada de visitantes cada verán. A Asociación organizou nos últimos veráns unha orixinal protesta que tivo moito eco nos medios de comunicación. Agradecemos o seu traballo, testemuño e as súas propostas e reflexións.

Cóntanos, Merchi. Que pasa nos veráns en Pinténs?

Os veráns, maiormente nas fins de semana e os festivos o número de coches e visitantes aumenta exponencialmente. Vaia por diante que a maioría non pretende facer mal consciente ou inconscientemente, pero as consecuencias son negativas en varios aspectos:

1º. Non queda sitio baleiro nalgúns areais. Os foráneos desprazan a veciñanza da aldea e mesmo a canguesa ou viguesa habituais, que fuxe ante o agobio de estar tan limitado de movementos. Non só iso, senón tamén a ocupación de espazos de praia e dunas con mesas, cadeiras e similar.

2. Lixo: os contedores da aldea rebordan e mesmo hai bolsas ao lado, no chan, o que fai que algúns animais as abran e espallen o seu contido. O máis sanguento é que certas persoas deixan a bolsa nos camiños, nos muros ou tras estes, en propiedades particulares. Acaso non se pode subir a décima parte do peso que se baixa? Non hai espazo no coche para botalo onde non estorbe? Isto é indignante.

3. Aparcamentos: estrada e camiños énchense de vehículos mal estacionados, sen importar que haxa unha entrada a unha casa ou garaxe ou acceso a terreos varios. Tampouco se cortan en entrar en leiras privadas aínda advertíndollelo. Por iso é moi común poñer cadeas, cables ou cordas impedindo o paso, o que non significa que non haxa quen os corte. O lema dalgúns turistas é “Teño dereito á ir á praia” e dálles igual que nós non poidamos saír ou entrar das nosas casas. Onde quedan o civismo, consideración e educación?

4. Tráfico: en horas punta multiplícase de tal xeito que hai retencións e o volume intensifícase cos que están a dar voltas unha e outra vez para atopar un aparcamento. Evidentemente, o retraso con respecto a un día “normal” pode ser do cuádruplo en diante; a inseguridade peonil é un problema moi grave ao non termos beirarrúas na estrada nin espazo nalgúns camiños ás praias;  a  contaminación do aire tamén se nota; e o desgaste do firme é maior.

Que efectos ten isto nas praias e no voso día a día? Por exemplo, que pasa se hai unha urxencia sanitaria o necesitades ir a Cangas ou Vigo facer calquera xestión?

A primeira parte xa está contestada. A segunda, máis explícita é que os servizos de urxencias e emerxencias non sempre poden acceder ao lugar dos feitos por mor dos vehículos mal aparcados. O ano pasado, por exemplo, Protección Civil non puido nin entrar desde a estrada principal para chegar a atender a unha muller na praia de Castiñeiras. Afortunadamente, a lesión non foi letal. E se o fose? Temos que agardar a que haxa un desenlace fatal para botar as mans á cabeza?

A vosa asociación veciñal saltou á fama e fíxose moi coñecida pola protesta masiva nun paso de peóns clave na parroquia do Hío, interrompendo o tráfico. Cóntanos como foi argallar esa orixinal forma de protesta?

A nosa protesta naceu das AA. VV. da parroquia do Hío, como idea para protestar pola situación xeral da nosa península. Como non foi fácil argallar un plan común e a nosa aldea perdeu a paciencia, decidimos poñela en práctica dun día para outro.

Formades parte, xunto a Amnistía, Ecoloxistas en Acción e varias organizacións máis, da Plataforma Fronte Á Masificación Turística en Vigo – O Morrazo. Cóntanos como vos axuda ser parte desa plataforma e que propostas se fixeran desde ela?

Axúdanos a visibilizar a nosa problemática e a ver que non estamos sós/soas ante o desmadre turístico. Convidáronnos a unirnos na súa protesta na rúa e a difundir o que está a pasar na nosa contorna en canto a tráfico e vivendas vacacionais. De feito, as movementos e previsións neste último punto están a cumplirse, e Pinténs non se libra: apenas hai aluguer anual e case todas as casas que se restauran están destinadas ao turismo e os prezos das casas e dos terreos edificables subiron moitísimo.

Sentímonos impotentes: as AA. VV. do Hío levamos moitos anos reclamando unha planificación que previse e atallase a nosa situación actual. Por desgraza, agora temos unha complicación inesperada: a proliferación de solicitudes de campamentos de distinta índole en terreos forestais, feito propiciado pola Xunta de Galiza. A consecuencia será a mesma de sempre: maior volume de turistas, de consumo de recursos naturais e de encarecemento da nosa vida. A asociación “Terra da Laxe” de Pinténs  e moitos veciños/as a título individual, presentamos alegacións ao estudo ambiental dun deses campamentos. Pensamos, ademais, que a aprobación de un vai redundar no espallamento de licencia para outros negocios, por non dicir que se están aproveitando para comprar terreos forestais a prezos tan baixos, polo que se comenta, de 10 euros o metro cadrado.

Como ves a cousa para este verán. Solucións á vista ou cómpre seguir dando a turra?

O mes de xullo foi “algo” máis tranquilo. No que vai de agosto xa se nota o aumento que o caracteriza. Unha solución que está a funcionar bastante ben é a dos valados metálicos prohibindo o estacionamento nalgúns camiños. Non tan eficientes son os sinais de prohibido o paso excepto residentes en camiños de dobre sentido que non levan ás praias e que estaban a ser invadidos ata o punto de non poder pasar cunha furgoneta.

Definitivamente, hai que seguir dando a turra.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *