Galicia
Galicia

O realmente significativo da manifestación en Vigo non foi o máis do milleiro de persoas que participaron, nin a elevada repercusión nos medios que tivo, senón a consolidación dunha forma de traballo que vai máis aló dunha mobilización puntual.

Juan Medela, Sindicato de Inquilinas de Vigo

O 5 de xuño manifestámonos polas rúas de Vigo ao berro de “a vivenda cústanos a vida”, no ciclo de mobilizacións polo dereito á vivenda onde se deron máis de 30 manifestacións en todo o estado.

A manifestación non foi nin o comezo nin o fin de nada, senón parte dun camiño que levamos anos percorrendo na loita polo acceso a unha vivenda digna, estable e asumible para toda aquela persoa que o precise. O realmente significativo da manifestación en Vigo non foi o máis do milleiro de persoas que participaron, nin a elevada repercusión nos medios que tivo, senón a consolidación dunha forma de traballo que vai máis aló dunha mobilización puntual.

A comezos de ano xuntámonos as catro organizacións da cidade que tiñamos a vivenda como eixo prioritario de loita: o Foro Socioeducativo As Ninguéns, Amnistía Internacional, o Sindicato Estudantil Fervenza e o Sindicato de Inquilinas de Vigo. Xuntos organizamos unha primeira mobilización o 21 de marzo, co obxectivo principal de tomar o pulso á cidade e de ver se podiamos traballar xuntas, se nos entendíamos e se tiñamos a actitude precisa para poñernos de acordo no importante.

Non queriamos que este espazo de colaboración fora efímero, pero tampouco queriamos unha sopa de letras que adornase un cartaz da convocatoria dun acto puntual. De aí que, provisionalmente, acuñámolo nome de Alianza pola vivenda – Vigo. Dicimos “provisionalmente” porque non queríamos construír a casa polo teito, senón que o importante era que a base e metodoloxía de traballo conxunto puidera ter continuidade e perdurar no tempo.

Tres meses de traballo culminaron nunha mobilización á que asistiron pouco menos dun milleiro de persoas. Unha mobilización que, ademais das catro organizacións mencionadas, foi apoiada por outras once, ás que convidamos á xuntanza de valoración posterior co obxectivo de mellorar as nosas prácticas e de debuxar un novo horizonte que acabaría sendo a mencionada manifestación do 5 de xuño.

Aínda que con diferente grao de implicación, para a preparación desta mobilización partimos xa de dez organizacións dispostas a traballar realmente de maneira conxunta, non para poñer o nome nun listado que moitas veces aparenta máis do que é. Ademais dos colectivos centrados na vivenda, agora contabamos con organizacións veciñais, culturais, ecoloxistas e sindicais que cada dúas semanas reuniámonos para ir avanzando no proceso de preparación da nova mobilización.

Nos dous meses de organización colamos 2.000 carteis en rúas e locais, repartimos 4.000 pasquíns, organizamos 4 palestras e 6 brigadas informativas en diferentes barrios, unha extensa difusión en redes e a aparición reiterada nos diferentes medios de comunicación. Pero o importante non foron os números, senón a capacidade de traballo colectivo, de asumir xenerosamente tarefas por un ben común, de deixar de lado as cousas que podíannos separar e centrarnos no que cada organización podía aportar, con honestidade e fuxindo de protagonismos que puideran mermar a confianza que estabamos a construír.

O máis do milleiro de persoas que participaron na manifestación non respondeu realmente ao inxente traballo que houbo detrás, o que obriga a repensar a forma de comunicar, de chegar á xente que non logramos mobilizar. Pero significou a consolidación dun espazo de traballo colectivo, horizontal, de apoio mutuo que segue a sumar novas organizacións que entenden que, especialmente nun contexto de crise de militancia e de dificultades para sacar a persoas á rúa para defender os seus dereitos, establecer alianzas honestas e traballar conxuntamente é a única forma de cambiar as cousas. Unha idea, a interdependencia, que antes formaba parte do quefacer comunitario, agora, nun contexto social deteriorado pola recrudescencia neoliberal dunha sociedade enfastiada, tórnase en revolucionaria. Camiñar da man cara un obxectivo común permite, polo tanto, ir construíndo comunidade (social e política) ao tempo que loitamos pola desmercantilización do piar para vivir con dignidade.